A participación na Marea Atlántica é unha e aberta a todas as persoas que compartan os nosos principios políticos e desexen tomar partido na toma de decisións. Os diferentes niveis que aquí se establecen prevén a posibilidade de modular a participación a vontade das persoas participantes, demanda recollida nas diagnoses previas e que ten o obxectivo de contemplar diferentes niveis segundo dispoñibilidade, como tamén experimentar outros modos de participación externa e híbrida, enriquecendo a organización con xente que non necesariamente desexa acceder a ela organicamente. O mesmo para os niveis máis internos e intensivos, onde se demostrou nestes anos de traballo que é preciso un altisimo grao de compromiso para poder manter o funcionamento diario da organización.

A maiores, está definición por distintos niveis busca tamén responder aos seguintes principios, identificados como necesidades pola mareancia na fase de Marea Baixa:

  1. Autonomía nos distintos nodos de traballo da Marea Atlántica, necesaria para manter o ritmo de traballo da organización.
  2. Transparencia na composición, normativa e modalidade de acceso a cada un dos niveis.
  3. Confianza, derivada das dúas anteriores.
  4. Lexitimidade, que se acada por cada unha das persoas que forman parte dos niveis máis altos de participación, cando son aprobadas pola Rede.
  5. Todas as responsabilidades serán colexiadas ou asumiranse no marco dalgún espazo colectivo.
  6. O traballo cooperativo será o principio fundamental de pertenza e construción da organización.
  7. O traballo desenvolverase a través de dinámicas bottom-up, que garantan a permeabilidade e a máxima democratización dos procesos da Marea Atlántica.

 

 

Documento de Estrutura da Marea Atlántica

(Aprobado na Marea Viva de 2018)

1. Participación

a. Cantos niveis de participación hai na Marea Atlántica e cales son? *

Catro.

  1. Participación externa (nivel cidadán)

  2. Participación estatuínte (nivel marea viva, asinantes do manifesto)

  3. Participación activa (nivel rede, persoas activas)

  4. Participación institucional (nivel institucional, electas e persoal eventual).

b. Que dereitos políticos confire cada un deles? *

Participación externa.- Dereito a facer parte nas actividades e consultas promovidas pola Marea Atlántica orientadas á cidadanía en xeral.

Participación estatuínte.- Dereito a participar nos procesos de Marea Viva e de primarias do xeito que establezan os regulamentos e protocolos da Marea Atlántica en vigor no seu momento, e o dereito ao sufraxio.

Participación activa.- Dereito a formar parte dos equipos que impulsen as actividades e proxectos da Marea Atlántica, dereito a participar na Rede e o dereito a formar parte das distintas unidades operativas de acordo aos criterios establecidos na súa normativa e ratificada pola Rede. A integración nestas unidades será ratificada en todo caso pola Rede e será pública.

Participación institucional.- Ademais dos contidos nos apartados 2) e 3) e 4), os dereitos establecidos pola lexislación vixente para cargos electos e persoal eventual.

c. E que obrigas? *

Participación externa.- Ningunha.

En todos os demais niveis, acatar a normativa vixente da Marea Atlántica, asumir e desempeñar as tarefas que, co seu consentimento, lle sexan encomendadas a cada persoa, coa obriga de render contas no caso de asumir unha función específica vencellada a un mandato da Rede.

No caso da participación institucional, ademais de 1.b) e 1.c), aquelas que estableza a lexislación vixente para cargos electos e persoal eventual.

d. Como se accede a cada un deles? Como se abandonan?

Participación externa.- Voluntariamente.

Participación estatuínte.- Accédese asinando o manifesto da Marea Atlántica, abandónase causando baixa entre as persoas asinantes do manifesto.

Participación activa.- Accédese asinando o manifesto da Marea Atlántica e completando un proceso de benvida e acompañamento que será aprobado pola Rede e que será preceptivo para a incorporación progresiva á mesma. Causarase baixa por vontade propia, cando sendo a persoa consultada polo seu desexo de continuidade non responda á consulta nun prazo dun mes, ou polas causas disciplinarias que estableza a normativa interna da Marea Atlántica en vigor. Son as persoas que desenvolverán os proxectos e as actividades da Marea Atlántica.

Participación institucional.- Accederase a esta modalidade de participación resultando electa nuns comicios, ou ben por designación coma persoal de apoio. En caso de que a Marea Atlántica faga algunha contratación laboral, considerarase, por analoxía, que forma parte desta modalidade.

2. Órganos, funcións e competencias

a. De que órganos se dotará a Marea Atlántica?*

Marea Viva, a Rede, e a Coordinadora serán os únicos órganos habilitados para adoptar

acordos vinculantes para o conxunto da organización. Isto non implica que cos órganos se esgoten as unidades operativas da Marea Atlántica, só que esoutras unidades non terán un papel orgánico, aínda que si funcional. Posteriormente iranse detallando o funcionamento destoutras unidades operativas e o seu encaixe nos órganos.

A implantación da estrutura que se describe a continuación, desenvolverase a través do seguinte proceso de transición:

– A primeira Rede despois da Marea Viva autorizará aos Grupos de Traballo preexistentes para que comecen as labores de adaptación á nova estrutura e iniciará o procedemento de escolla da primeira Coordinadora. Escollerá a un grupo paritario de persoas, o Grupo de Proposta, seguindo os criterios de coñecemento do proceso, capacidade de diálogo e talante conciliador, que terá por obxectivo a busca de persoas idóneas para a Coordinadora, da que non poderán formar parte. Este grupo poderá recibir candidaturas de persoas e seleccionar outras de oficio, e fará unha proposta de Coordinadora á Rede á maior brevidade posible, sempre nun prazo inferior a dous meses.

– A Rede poderá ratificar esta proposta ou rexeitala. Entenderase ratificada cando exista consenso e a proposta reciba o apoio favorable do 75% da rede ou máis. En caso de ratificala proclamarase a Coordinadora, que asignará persoas de referencia para cada función e as Voceirías. En caso de rexeitala, a proposta decaerá e abrirase un prazo de presentación de candidaturas ante a Rede, que escollerá unha por maioría na súa seguinte sesión.

– A rede solicitará de cada Marea existente á presentación duns obxectivos e un plan de actividades anual, que lle será remitida nun prazo non superior a dous meses. Simultaneamente promoverá a redacción dos regulamentos da Rede e da propia Coordinadora, seguindo o procedemento establecido no apartado 3, e que detallarán o réxime xurídico ordinario do seu funcionamento en concordancia con este documento. Estas propostas regulamentarias deberán ser levadas á Rede no prazo máximo de dous meses.

– A Rede aprobará a Proposta de Obxectivos e Plan de Actividades para o exercicio, tendo en conta as achegas das Mareas preexistentes.

– A vixencia da primeira Coordinadora será de un ano, escolléndose a seguinte de acordo ao seu regulamento, que a rexerá dende a súa aprobación pola Rede.

b. Quen os compón? Baixo que condicións?

A Marea Viva.- Composta polas persoas asinantes do manifesto da Marea Atlántica.

A Rede.- Está composta por todas as persoas que estean integradas nalgún dos seus proxectos ou actividades e superasen o proceso de benvida e acompañamento.

A Coordinadora.- Formada entre 12 e 16 persoas dos niveis de participación 3 e 4, sen que o número de persoas do nivel institucional (4) poida superar o 30% do total. Será elixida pola Rede segundo os criterios de paridade, capacidade de escoita e diálogo, funcionalidade, consenso, e capacidade de traballo, De entre as persoas da Coordinadora proporase unha portavocía paritaria por tempo determinado, que deberá ser ratificada pola Rede.

c. Que funcións e competencias terá cada un deles?*

A Marea Viva.- Aproba as normas de rango estatutario da Marea Atlántica.

A Rede.- É o máximo órgano decisorio entre Mareas Vivas e asume a toma das decisións estratéxicas. Aproba a normativa derivada (regulamentos e protocolos) e define as liñas estratéxicas a través dun plan de actividades anual. Ten a potestade de crear novos grupos de traballo. Exerce a función de control. Será a encargada de validar o plan anual de actividades, os orzamentos e as contas da Marea Atlántica.

A Coordinadora.- É o órgano executivo colexiado da Marea Atlántica. É a encargada de garantir a prestación dos servizos xerais da organización, en orde a acadar os obxectivos definidos no plan de actividades que a Rede aprobará anualmente. Coordinará o funcionamento da organización seguindo os criterios de transparencia, eficacia, democracia interna e a observancia dos principios políticos e obxectivos da Marea Atlántica ca colaboración das unidades operativas. Gozará de autonomía para crear comisións mixtas entre unidades operativas, ca finalidade de acadar maiores graos de comunicación, transparencia e eficiencia. Asumirá as seguintes tarefas:

  • Coordinación, seguimento e dinamización dos traballos da Marea Atlántica

  • O mantemento e optimización dos fluxos de información dentro da organización, e nomeadamente entre a Rede e o Grupo Municipal.

  • A toma de decisións funcionais, urxentes ou de xestión que non requiran a aprobación previa da Rede, respectando a autonomía das distintas unidades operativas.

De entre as persoas da Coordinadora proporase unha voceiría paritaria por tempo determinado, que deberá ser ratificada pola Rede. As súas funcións comprenden: ser a voz da vida organizativa da Marea Atlántica, dar a coñecer as resolucións das Redes, introducir na vida política da cidade, cando a ocasión o requira, aqueles debates ou temáticas que sexan avaliados como de interese, sempre que estes conten co consenso da confluencia. Para lograr estes obxectivos as voceirías contarán cos recursos comunicativos necesarios. As persoas que ostenten a voceiría non deberan ter unicamente a responsabilidade de ser a voz da organización, senón tamén a de repartir voces na organización, procurar e acompañar a compañeiras e compañeiros que sexan voz en asuntos, momentos, procesos e materias concretas.

Para desenvolver as súas actividades, a Marea Atlántica dotarase de unidades operativas que non contarán con carácter orgánico e que estarán formadas polas persoas que están activas na organización. Serán creadas pola Rede a petición da Coordinadora. Existen dous tipos principais de unidades operativas: as Áreas de Traballo, e as Comisións. As Áreas de Traballo asumirán os servizos xerais da organización e inicialmente serán as seguintes:

  1. Comunicación: Desenvolvera os traballos de comunicación interna e externa da organización.

  2. Recursos Materiais: Que asumirá os traballos de ferramentas, legal, financiamento e xestión do local.

  3. Mediación e acompañamento: Que por unha parte desempeñará o traballo metodolóxico de facilitación así como de resolución de conflitos, e por outra asumirá os procesos de benvida e acompañamento.

  4. Dinamización: Unha área innovadora que conterá dunha parte o novo sistema de traballo por proxectos e doutra as actividades de formación e debate político.

  5. Relacións políticas: Asumirá o traballo vencellado á relación con outras entidades políticas e sociais.

  6. Grupo Municipal: Tomando como tal o así descrito no documento de Forma de Goberno.

As Comisións desenvolverán as liñas transversais de traballo da organización, acollendo a aquelas Mareas existentes que desenvolven un traballo continuado, ou que responden a obxectivos políticos da organización. Inicialmente, e sen ánimo de exhaustividade, serán:

  1. Territorio.- A acción política da Marea Atlántica debe ter unha tradución territorial. Non contamos con Mareas barriais en todos os barrios, pero todas as persoas activas da Marea Atlántica viven nun. O obxectivo desta comisión é conciliar estas dúas realidades de xeito que a Marea Atlántica poda estar máis presente no día a día da veciñanza para coñecer e satisfacer as súas necesidades, dotando á participación activa dunha dimensión territorial.

  2. Feminismo.- A igualdade é un valor prioritario para a Marea Atlántica, que debe afondar tamén na súa feminización.

  3. Medio Ambiente e sustentabilidade.– A actividade da Marea Atlántica debe incluír sistemáticamente criterios de sustentabilidade e respecto ao medio ambiente.

  4. Mobilidade.- A Mobilidade é un elemento fundamental para a boa vida das persoas dentro dunha cidade. Será un aspecto importante no que traballar con continuidade.

d. Ante quen rende contas cada un deles?*

Todos os órganos e unidades operativas renderán contas da súa actividade ante a Rede excepto a Marea Viva. O rendemento de contas poderá ser a iniciativa propia ou a petición da mareancia de acordo á normativa interna da Marea Atlántica.

e. Como se constitúen e cesan na súa actividade?*

A Rede está formada polas persoas activas na Marea Atlántica, de acordo aos criterios que se establezan na súa normativa interna. Non pode disolverse. As persoas que a compoñen poden abandonala segundo se estipula no 1.d.3)

As unidades operativas serán aprobadas ou constituídas por acordo da Rede a proposta da Coordinadora sen prexuízo dos descritos no presente documento. Unha vez constituídos disolveranse polo cumprimento dos seus obxectivos, por caducidade, pola vontade do grupo, ou por inactividade, de acordo co procedemento que estableza a normativa da Marea Atlántica.

f. Como se relacionan os diferentes órganos entre si?*

As relacións entre os distintos órganos da Marea son de coordinación, de acordo as competencias que lle son propias. En ningún caso serán xerárquicas.

g. Cal será o seu réxime de sesións?

A Marea Viva terá una periodicidade bienal.

A Rede terá unha periodicidade mensual, canto menos. Será convocada pola Coordinadora previo informe da Área de Mediación. Calquera órgano, unidade operativa ou grupo composto a lo menos por dez persoas con dereito a asistir á Rede poderá propor á Coordinadora a inclusión dun punto na Orde do Día. En caso de rexeitarse, farase motivadamente e posto en coñecemento da Rede xunto cunha proposta de itinerario para a súa futura inclusión.

A Coordinadora é un órgano permanente.

O resto de unidades operativas serán libres para determinar o seu réxime de sesións, salvo no caso das Áreas de Traballo permanente, que terán a mesma consideración que a Coordinadora.

h. Haberá incompatibilidades entre os órganos, e en caso afirmativo, cales?

Os cargos electos e as persoas que ostenten cargos unipersonais de carácter executivo en forzas políticas non poderán ostentar a voceiría da Coordinadora.

3. Ferramentas

a. Como se incorpora nova normativa?*

1. Quen ten a iniciativa?

– Calquera órgano, grupo de traballo, ou grupo composto a lo menos por dez persoas con dereito a asistir á Rede poderá propor á Rede a creación de nova normativa derivada. Na proposta constarán as persoas que a apoian e, caso de habelos, os votos particulares contrarios.

– A rede debaterá a idoneidade da proposta, establecerá os criterios para a súa redacción e a composición do equipo redactor, e establecerá os prazos para a mesma.

2. Como se debate?

– Unha vez redactado o borrador, someterase a un período de achegas e emendas por parte das participantes activas, estas poderán ser aceptadas ou non polo equipo redactor.

– Dentro do período de achegas e emendas convocarase en todo caso unha xuntanza presencial na que as participantes activas que así o desexen podan presentar as súas achegas.

– Cando a proposta se leve á Rede será de novo sometida a debate, pero non se poderán achegar emendas novas in voce.

3. Quen a aproba?

– A Rede aprobará ou non o texto remitido polo equipo redactor e as emendas que non fosen aceptadas por este.

4. Quen a aplica?

– Todos os órganos e unidades operativas da Marea Atlántica están obrigadas a aplicar e cumprir tanto a normativa de carácter estatutario coma a normativa derivada.

5. Cal é o seu alcance, a quen afecta?

– Todos os órganos e unidades operativas da Marea Atlántica están obrigados a aplicar e cumprir tanto a normativa de carácter estatutario coma a normativa derivada.

– A Rede poderá aprobar dous tipos de normas, os regulamentos e os protocolos. Os regulamentos son normas de carácter xeral, que definen procedementos que afectan á totalidade das persoas inscritas (o réxime sancionador, a Marea Viva, etc). Os protocolos son normas de actuación, que poden ter alcance particular ou xeral e que normalmente serán, ben un complemento dunha normativa de rango superior, ben unha norma funcional interna dun grupo de traballo.

– A xerarquía normativa na Marea Atlántica será a seguinte, de maior a menor:

– Normas estatutarias (aprobadas pola Marea Viva)

– Regulamentos

– Protocolos.

6. Como se derroga?

– A normativa derivada derrogarase por acordo da Rede, prioritariamente de xeito explícito, cando aprobe unha normativa posterior de igual rango ou superior incompatible coa vixente hasta ese momento. En calquera caso, os equipos redactores deberan ter en conta o efecto derrogatorio que poida ter a normativa nova sobre a preexistente, en orde a manter a coherencia do sistema.

b. Cales serán as metodoloxías de traballo da Marea Atlántica?

1. Que ferramentas se empregarán para o seu desenvolvemento?

Procuraranse metodoloxías que posibiliten o maior numero de intervencións así como a maior diversidade delas nas Redes. Do mesmo xeito procuraranse ferramentas que favorezan a integración de múltiples intelixencias e capacidades.

As metodoloxías deseñaranse en función de que sexan as máis acaidas para a consecución dos obxectivos que a Rede ou grupo se marca, que incorporen o coidado das persoas mais implicadas e que coide do proceso e do grupo no seu conxunto.

As metodoloxías deberán adaptarse para os diferentes momentos e asembleas, sexan estas máis de deliberación e intelixencia colectiva, momentos de decisión, outros con alta intensidade emocional, etc.

Deberán de cumprir os seguintes criterios: que sexan metodoloxías acaidas para a consecución dos obxectivos e que favorezan participación das mulleres e colectivos minorizados , a horizontalizadade, o empoderamento das persoas, a diversidade tanto deopinións como de formas de participación, a temporalización respectuosa, a conciliación, o emprego de intelixencias múltiples e o mantemento de bo clima grupal.

2. Como se fan as propostas metodolóxicas e quen as valida?

A Marea Atlántica ten xa anos de experiencia con diversas metodoloxías que xa están integradas no seu funcionamento diario, nomeadamente aquelas para os procesos de toma de decisións presenciais ou para os momentos de deliberación e intelixencia colectiva.

As adaptacións das metodoloxías ao grupo en cada momento corresponde á area de Mediación para aquelas metodoloxías presenciais, e en coordinación cos grupos de traballo de ferramentas para aquelas dixitais.

Calquera persoa ou grupo pode facer propostas de novas metodoloxías que cumpran cos criterios establecidos e sempre que haxa persoas con formación e experiencia para o seu desenvolvemento.

É a Rede en todo caso quen sempre mostrará a súa conformidade coas diferentes

metodoloxías, ou a necesidade de melloralas cando o grupo non as considere acaidas para a consecución dos obxectivos, o coidado das persoas ou o coidado dos procesos e do grupo no seu conxunto

3. Que mecanismos se propoñen para facilitar a conciliación e os coidados?*

Favoreceranse diversas formas de participación, que faciliten a conciliación. Incorporaranse ferramentas telemáticas e proporcionarase a capacitación necesaria para o seu uso.

Implementaranse espazos para as crianzas sempre que sexa posible e fomentarase o seu emprego.

Todas as metodoloxías deberán deseñarse tendo en conta os criterios de xénero, favorecendo a participación das mulleres e colectivos minorizados

4. Que mecanismos se propoñen para garantir a ‘transmisión’ do coñecemento adquirido

Crearase coma parte dun grupo de traballo permanente, un espazo de formación continua que se encargue de facilitar a capacitación necesaria para desenvolverse nos diferentes niveis de participación. A normativa da Marea Atlántica en vigor estará publicada on line dun xeito facilmente accesible e comprensible. Ademais, sempre haberá dispoñibles copias en papel na sede para aquelas persoas que non teñan acceso ás ferramentas informáticas.

Do mesmo xeito, dentro da Área de Mediación e Acompañamento se asumirán as funcións de benvida das novas persoas que se incorporan á rede ou de acompañamento das demais, que deberá garantir o coñecemento da normativa básica da MA, dos procedementos e protocolos internos, os recursos necesarios para a correcta participación de todas as persoas,etc.

c. Recursos

1. De que recursos poderá dotarse a MA para o desenvolvemento da súa actividade?*

A organización dotarase dos recursos necesarios para o desenvolvemento das súas actividades. A tal fin, as competencias económicas serán asignadas a un Área de Traballo, que asumirá a encomenda de buscar novas formas de obter recursos, dentro dos límites do Código Ético e da lexislación vixente e a planificación económica a través dos orzamentos anuais, seguindo os criterios de responsabilidade e transparencia. Poderanse establecer cotas ou achegas con carácter xeral ou finalista, individual ou colectivo, periódicas ou puntuais, pero en todo caso voluntarias.

No caso de “externalización” dalgunha tarefa (asesoría legal, atención local, etc), como no caso de calquera actividade que precise de recursos económicos, atenderase a un procedemento protocolarizado, aprobado pola rede.