Este documento de Forma de Goberno foi aprobado na Marea Viva de 2022
1.- INTRODUCIÓN
A Marea Atlántica naceu en 2014 para organizar, na Coruña, unha primavera democrática. O desexo de cambio da cidadanía, expresado antes nun ronsel de mobilizacións e institucións populares, dende o Nunca Máis até o 15M, demandaba novas ferramentas de participación na organización da vida en común. As dispoñibles non servían xa para facerlle fronte á crise en curso. As maiorías sociais estaban a ser violentamente desposuídas e o Réxime do 78, incluída a esquerda realmente existente, era incapaz de dar unha resposta satisfactoria aos nosos malestares. Fronte a esa calella sen saída, o punto azul da Marea Atlántica, que colocabamos nas rúas e prazas nas que reuniamos a veciñanza, era un chamado radical: fagámonos cargo da nosa propia cidade.
Nunhas poucas semanas, grazas ao traballo, a xenerosidade e a intelixencia de ducias de persoas, fomos quen de organizar aquel desexo, traducilo nunha alternativa viable ao estado das cousas e obter a confianza de máis de 36.000 veciños e veciñas para converter a Xulio Ferreiro en alcalde e a Marea Atlántica na forza política decisiva que segue a ser hoxe na cidade. Foi unha proeza, non un milagre. Fixémolo nós. Todos e todas nós. Coas nosas propias mans. A través das ferramentas democráticas que libre e republicanamente nos demos. E a Marea Viva é unha desas ferramentas, talvez a principal: o lugar no que cada dous anos nos volvemos convocar para debater o rumbo estratéxico deste proxecto e revisar os acordos que nos fan ser o que somos.
Na primeira Marea Viva, a comezos de 2015, aprobamos o noso Código Ético, deseñamos a nosa estrutura organizativa, decidimos como iamos confeccionar o programa electoral co que entramos no pazo e como iamos escoller as compañeiras e os compañeiros que nos habían representar no ámbito institucional. Dende entón nunca faltamos á cita. Cada dous anos sometemos a debate todos estes documentos, con procesos de deliberación abertos e maiorías rotundas nas votacións finais. Nunca, malia que é un dereito da nosa militancia e os requisitos para facelo son realmente asequibles, foi convocada a Marea Viva de xeito extraordinario. Cómpre que o teñamos sempre presente.
2.- QUE MUDOU DENDE 2020?
A última Marea Viva, a primeira tras a nosa saída do goberno municipal, celebrámola entre decembro de 2020 e xaneiro de 2021 nun contexto moi especial, nun tempo de perdas e confinamento. Os debates, como testemuña o documento político que aprobamos daquela, viñan determinados por tres elementos. En primeiro lugar, o que chamabamos a fin do ciclo da confluencia, tal e como fora concibida en 2014, provocado por Unidas Podemos. En segundo lugar, a pandemia da COVID19, que se estaba a cobrar milleiros de vidas ao noso redor e que viña evidenciar e agudizar a crise económica, social e ecolóxica en curso. E por último, o noso novo rol como forza de oposición ao que daquela diagnosticabamos como un momento de restauración do vazquismo tras o regreso do PSOE á Alcaldía. A avaliación dos nosos resultados electorais xa fora obxecto dunhas xornadas de debate abertas a toda a mareancia.
2.1.- O ESFARELAMENTO DO ESPAZO POLÍTICO COMÚN
A decisión unilateral de Unidas Podemos de abandonar o espazo político común estaba aínda moi recente nesa Marea Viva. Fora un duro golpe para a Marea Atlántica. Non só porque significara a perda dun escano en María Pita, senón porque supuxera a vulneración dos compromisos adquiridos na confección da candidatura de 2019 e, por tanto, unha creba da confianza mutua e dos principios éticos máis elementais. Vista en perspectiva, dous anos despois, aquela decisión dos dirixentes de Unidas Podemos en Galicia é aínda máis difícil de comprender: tomárona en nome dunha marca que os seus principais referentes parecen dar hoxe por amortizada en favor da creación dunha fronte ampla como a que na Coruña representaba e segue a representar a Marea Atlántica.
Sexa como for, ante aquela agresión decidimos reclamar o escano, instar a Unidas Podemos a reconsiderar o seu erro e, por enriba de todo, seguir adiante. Manternos fieis aos principios fundacionais, afianzar o proxecto municipalista na Coruña e no conxunto do país e traballar polo dereito á cidade sen subordinar en ningún caso a nosa acción política, malia a termos sempre as portas abertas, ás decisións adoptadas por outros actores partidarios. É o que agora facemos nesta nova Marea Viva: centrarnos no que importa e abrir os procesos que deben conducir en poucas semanas á elección da candidatura e o programa cos que concorreremos ás eleccións locais de 2023.
2.2.- DA PANDEMIA Á AMEAZA DA EXTREMA DEREITA
Entre a Marea Viva de 2020 e a que agora enfiamos mudou tamén o pano de fondo. Aquela celebrámola en plena pandemia, o que supuxo enormes dificultades no plano organizativo e un imperativo na acción institucional, onde estimamos necesario contribuír á construción de amplos consensos para impulsar medidas de rescate social e económico. Esta chega nunha escalada sen precedentes da inflación e perda de poder adquisitivo das maiorías sociais, nun contexto de crecente inseguridade enerxética e agravamento da emerxencia climática, entre as turbulencias xeopolíticas desatadas pola invasión rusa de Ucraína e baixo a ameaza dun bloque reaccionario cada vez máis forte en Europa e que no Reino de España parece relanzarse, alimentado tamén pola desafección política, tras a entente asinada en Castela e León entre VOX e o Partido Popular de Feijóo.
Así as cousas, cómpre revalidar a aposta que hai dous anos faciamos por incardinar a Marea Atlántica na formación dun bloque contrahexemónico en defensa do común, e encomendarnos de novo aos principios básicos que a Marea Atlántica enunciou no seu nacemento, con plena ou mesmo renovada vixencia hoxe: garantir unha vida digna para todas as persoas, construír unha economía xusta e sustentable, producir democracia e autoorganización cidadá e selar un compromiso ético, un novo contrato entre a cidadanía e os seus representantes.
2.3.- UN GOBERNO LOCAL SEN RUMBO
No que respecta á nosa acción institucional, e como resultado da análise dos nosos propios resultados nas eleccións de 2019 e o acontecido durante o primeiro ano e medio de mandato, na Marea Viva de 2020 marcámonos tres obxectivos inmediatos: forzar o goberno municipal, empregando cando fose posible a forza da nosa representación en María Pita, a levar adiante políticas ao servizo da maioría; combater todas aquelas actuacións que dun ou doutro xeito supuxesen na práctica unha restauración das políticas e o modelo de gobernanza do vazquismo; e liderar a oposición a unha eventual alianza entre o PSOE, o PP e os poderes non democráticos da cidade.
Naquela altura, e logo dunha primeira fase de colaboración entre a Marea Atlántica e o goberno municipal, que se traducira na aprobación dos primeiros orzamentos e o cumprimento dalgúns importantes compromisos, como a gratuidade das escolas infantís, o mandato atravesaba un punto de inflexión. O equipo de Inés Rey viña de sufrir a súa primeira gran crise interna, coa destitución e o linchamento público da secretaria xeral do seu propio partido, e respondía con dúas decisións que dinamitaban calquera vía de entendemento con nós: non negociar unhas novas contas para 2021, o que implicaba abdicar da súa responsabilidade ante as consecuencias sociais e económicas da pandemia, e incorporar unha tránsfuga de Ciudadanos ao seu goberno vulnerando a lei.
Esta Marea Viva coincide cun novo punto de inflexión en María Pita. Dunha banda, e grazas aos votos e á iniciativa da Marea Atlántica, o concello volve dispoñer dun orzamento expansivo e orientado aos principais desafíos da cidade. A nosa pegada é inconfundible, dende as políticas de vivenda ou enerxía até os programas sociais e de saúde mental. Pero o goberno segue lonxe de resolver as súas debilidades internas e acusa as consecuencias de apostar por un goberno en solitario, en minoría, sen proxecto e cun equipo feble e dividido nun sinfín de familias. Nestas semanas debe decidir se acata a sentenza que a instancias da Marea Atlántica declara a ilegalidade do nomeamento da tránsfuga de Ciudadanos ou se, polo contrario, decide continuar en situación irregular e dificultar de novo o diálogo con nós. Desa decisión dependerá o último ano do mandato.
3.- CARA A UNHAS ELECCIÓNS DECISIVAS
Malia a perda da alcaldía, unha experiencia traumática e de dixestión lenta que aínda condiciona boa parte dos nosos debates internos, estes anos demóstrannos que a Marea Atlántica é unha forza imprescindible na batalla polo dereito á cidade na Coruña, tanto no plano social como no institucional. E nun contexto como o actual, con indicios dunha crecente dereitización social e política e cun goberno local debilitado, sen rumbo, que oscila entre a pulsión restauradora do proxecto histórico do vazquismo e a folla de ruta que lle marca a Marea Atlántica, o noso papel vai ser aínda máis decisivo. E isto, ademais do ánimo de levar adiante o noso proxecto de cidade xusta, verde, feminista e democrática, debe ser tamén unha motivación engadida na próxima cita coas urnas.
Coa mesma audacia coa que organizamos a rebeldía democrática en 2014, e sen medo, afrontamos agora un novo desafío. O anunciado relevo das compañeiras e os compañeiros que hoxe compoñen o grupo municipal, que van cambiar o pazo por outras tarefas políticas –grazas, de corazón, pola vosa entrega e xenerosidade–, dános unha oportunidade para renovar completamente o noso equipo en María Pita. Queda algo máis dun ano para a cita coas urnas. É o momento de facelo. E para que as primarias cumpran os seus obxectivos e teñamos a candidatura que merecemos, motivadora e comprometida co municipalismo e a Marea Atlántica, precisamos novamente de todas as mans. Serán meses difíciles. Diranse moitas cousas. Veranse manobras de todo tipo. Centrémonos, nós, no que importa. A nosa organización está inzada de persoas capaces e dispostas a coller o relevo.
A pandemia acentuou unha dinámica de desmobilización e privatización dos malestares que xa estaba entre nós. Estamos lonxe do clima social que fixo posible o 15M. As campañas electorais adoitan ser procesos moi esixentes en todos os sentidos, non só para as persoas que poñen o corpo nas listas, mais tamén supoñen unha ocasión para reactivar a mareancia, reilusionarnos co impulso dun horizonte alternativo, multiplicar a nosa presenza nos barrios e reabrir a conversa pública arredor das cuestións que atravesan a nosa vida e nos importan. Aproveitemos a ocasión e fagámonos cargo do horizonte 2023, como antes fixemos coa cidade, en canto rematemos esta Marea Viva.
Os catro anos de goberno da Marea Atlántica foron unha fase de ruptura e extraordinaria innovación democrática que debemos ler á luz de procesos históricos máis longos. Non nacemos da nada nin desaparecemos tras as eleccións de 2019. As loitas permanecen, as posicións mudan. O campo de batalla, como demostra o debate portuario, é outro logo do noso paso pola alcaldía da Coruña. Temos que ser capaces de identificar a complexidade e as contradicións internas do momento histórico. Onde hai restauración, onde están as posicións gañadas, que son moitas e determinantes –A Coruña xa non é a que foi–, e cales son os puntos cegos do interregno aberto tras o colapso da hexemonía neoliberal.
A Coruña vive, dende 2019, un certo proceso de desdemocratización. Non é a primeira vez na historia da nosa cidade que un acordar cidadán dá paso a unha fase de involución. Cando é máis urxente ca nunca reconstruír a sociedade civil, esmagada e disolta tras décadas de ofensiva neoliberal, dende o pazo apáganse algunhas das canles de empoderamento cidadán abertas no pasado mandato. Combater esa dinámica non é tarefa de dous días. Non se resolve nin exclusiva nin principalmente no ámbito electoral. Pero a chamada das urnas representa tamén unha oportunidade para que dende a Marea Atlántica fagamos o que o PSOE, fiel á súa cultura política de orde, non fai: abrir un diálogo coa sociedade coruñesa sobre a cidade que queremos.
Temos, na Marea Atlántica, un proxecto consolidado, recoñecible e necesario para A Coruña. O contexto xa non é o de 2014, pero nós tampouco. Gañamos en experiencia, afinamos a calidade das nosas propostas, coñecemos mellor a cidade e esa inmensa rede de persoas e colectivos que a fan posible. Gobernar é tropezar cos límites, pero tamén constatar as enormes posibilidades e recursos que as institucións, que son nosas, non dos de sempre, nos ofrecen para mudar as cousas. A cidade verde, xusta, feminista e democrática que queremos necesita unha Marea Atlántica forte, viva, presente. Somos a súa condición de posibilidade e demostrámolo alí onde estamos. Na oposición, marcándolle a axenda ao goberno. Dende a organización, con iniciativas como a Oficina dos Dereitos ou a Xanela dos Proxectos. E no goberno, ao que estamos a piques de volver.
Sabemos como se fai e ímolo facer de novo.
Hai Marea!