Saltar ao contido
Pleno de Organización municipal

O PSOE propuxo unha coalición na Coruña, pensando primeiro nos cargos e poñendo en dúbida o labor do goberno ao que se quere incorporar. Pero nada dixo das políticas a desenvolver. Sen cooperación previa, mal pode haber acordos

 

Desde o insulto, mal poden construírse alianzas. O camiño dun pacto sincero comeza pola confianza e a cooperación mutuas. Pensando só nos cargos e os asentos, mal pode defenderse a cidade. O entendemento constrúese antes nas políticas compartidas para o ben común. Primeiro, o mellor para A Coruña. E despois, tamén.

O PSOE, nun xesto inédito, propón unha coalición comezando pola descualificación do goberno ao que pretende incorporarse mentres se resiste a debater o proxecto de orzamentos para 2017. É curioso, cando menos, que se queira falar dos postos a ocupar nun executivo sen dicir unha soa palabra sobre as políticas que se poderían desenvolver.

O goberno da Marea Atlántica está aberto a un novo marco de relación e a comezos do mes de agosto lanzou unha proposta, un punto de partida xeneroso para ser explorado e profundizado en común: a creación dun foro bilateral permanente. Un novo marco de relación que permitiría, pouco a pouco, tecer a confianza necesaria. Confianza entre as partes e confianza debida aos cidadáns e ás cidadás.

O PSOE recibiu nas últimas semanas propostas para unhas ordenanzas fiscais máis progresivas e para uns orzamentos que aposta para 2017 pola mobilidade sostible, o espazo público de calidade, a vivenda pública e o emprego como liñas mestras. Até agora, nada dixo ao respecto. Só fala do reparto do poder nunha eventual coalición. Parece que confundise o interese xeral da cidade coa súa propia supervivencia.

Dende logo, non é a capacidade de xestión de cadaquén o que xustificaría un pacto cun PSOE coruñés que leva na mochila, entre outros, asuntos coma o edificio Conde de Fenosa, o Parque Ofimático ou o caso Someso. O entendemento, en política, só se pode dar como resultado dun compromiso compartido coa maioría social e coa cidade da Coruña. E para iso é preciso un diálogo leal e sen distraccións.

Primeiro a confianza, logo os pactos