María García: “Os nosos votos no Pleno son clave, empregarémolos como motor de medidas valentes que beneficien ás maiorías sociais”
A loita contra a desigualdade e a emerxencia climática, a mobilidade sostible, o feminismo, o dereito á vivenda e o reparto equitativo nos barrios serán os nosos eixes prioritarios
A primeira reunión entre a Marea Atlántica e o goberno municipal da Coruña para a negociación dos Orzamentos 2020 tivo lugar esta mañá no pazo de María Pita, nun clima de entendemento e co obxectivo de dotar á cidade duns orzamentos ambiciosos e netamente progresistas coa maior brevidade.
Como sinalou a nosa voceira municipal, María García, “temos toda a disposición para colaborar na elaboración dunhas contas que atendan aos grandes retos: combater a desigualdade e responder ante a emerxencia climática, defender o dereito á vivenda, a igualdade de xénero, a mobilidade sostible e o benestar de proximidade”. Tamén será prioritario o reparto do investimento entre os barrios, segundo ás demandas da veciñanza.
En palabras de García, “manteremos unha actitude responsable, porque entendemos que hai que antepoñer a cidade aos intereses partidistas: é preciso manter o investimento e continuar pola senda progresista que abrimos en 2015”. “Os nosos votos son clave no Pleno, e empregarémolos como motor de medidas valentes e beneficiosas para o conxunto da cidadanía”, engadiu.
Pacto á coruñesa
Na reunión participaron, por parte da Marea Atlántica, a propia María García e o vicevoceiro Iago Martínez, e por parte do goberno municipal o concelleiro de Facenda, José Manuel Lage, e parte do equipo técnico da súa área. Serviu para coñecer o marco xeral e as liñas políticas prioritarias, así como para fixar a metodoloxía de traballo. Nos vindeiros días seguiranse producindo roldas periódicas para avanzar na elaboración conxunta duns orzamentos progresistas.
As contas municipais de 2020 deberan ser, tamén consecuentes cos acordos asinados en xullo entre a Marea Atlántica e o PSOE da Coruña, e conter fondos para medidas como a gratuidade das escolas infantís municipais e a rebaixa do billete de bus para maiores de 65 e menores de 25 anos, entre outras.