Saltar ao contido

O Centro Cívico dos Mallos acolleu a reunión da mesa social de vivenda, convocada como parte do pacto entre o goberno local e a Marea Atlántica, para impulsar un Plan Municipal polo Dereito á Vivenda 2022-2026. No encontro participaron unha vintena de entidades que traballan pola vivenda digna e coas persoas sen fogar, xunto á voceira e vicevoceiro municipais da Marea Atlántica, María García e Iago Martínez, xunto co concelleiro de Urbanismo e Mobilidade, Juan Díaz Villoslada, e a concelleira de Benestar Social, Yoya Neira.

O acordo sobre políticas de vivenda asinado pola Marea Atlántica e o PSOE en decembro ten dúas vertentes. A máis inmediata, que suporá destinar nove millóns de euros en 2022 a medidas como unha bolsa de alugueiro social, a compra de inmobles e soares para a promoción de vivenda pública e o aumento das axudas á rehabilitación, entre outras cousas.

E a segunda vertente, a que se puxo hoxe sobre a mesa, é un cambio na planificación das políticas de vivenda do concello, para achegalas máis ás necesidades da xente e menos ás do mercado inmobiliario, e para facelo dun xeito aberto e participado.

Como sinalou a nosa voceira, María García, “ter un teito sobre a cabeza é o mínimo necesario para unha vida digna, por iso as políticas de vivenda deben ser un eixo dos Orzamentos 2022 que estamos a negociar, e da actuación municipal nos vindeiros anos”.

 

Primeira xuntanza da Mesa Social de Vivenda