Regulamento de Primarias Abertas da Marea Atlántica para as eleccións municipais de maio de 2015
Descargar o Regulamento en pdf
PREÁMBULO
A Marea Atlántica naceu como expresión dun desexo común: o da revolución democrática. Un desexo de democracia para as nosas vidas, para a cidade da Coruña, pero tamén un desexo de democracia para a Marea Atlántica. A democracia que queremos comeza por nós mesmas, e desde nós mesmas parte un regulamento que afiance o espírito democratizador da Marea Atlántica.
ARTIGO 1. OBXECTO E CONVOCATORIA
- O presente Regulamento ten por obxecto regular o proceso de elección, a través de primarias abertas á cidadanía, da candidatura da Marea Atlántica ás eleccións municipais de maio de 2015 na cidade da Coruña.
- O Regulamento desenvolve os acordos incluídos na Proposta de Consenso de Primarias e Programa Participativo aprobada por aclamación na Marea Alta da Marea Atlántica, fase final da Marea Viva, o 7 de febreiro de 2015.
- O Regulamento foi aprobado pola Rede, a asemblea xeral da Marea Atlántica, o 12 de febreiro de 2015.
- Correspóndelle ao Grupo de Traballo de Coordinación, por delegación da Rede, a convocatoria oficial das Primarias Abertas da Marea Atlántica, segundo o calendario previsto no artigo 2 do presente Regulamento.
ARTIGO 2. CALENDARIO
1. O calendario das Primarias Abertas da Marea Atlántica será o que segue, e de ser modificado por cuestións técnicas deberá manter a súa orde e estrutura:
12 de febreiro
Data límite de aprobación do Regulamento de Primarias e conformación do Órgano de Arbitraxe Electoral
17 de febreiro
Data límite de preparación dos formularios de inscrición, avais, candidaturas, listas, etc.
18 de febreiro
Convocatoria oficial das Primarias e apertura de praza de inscrición para voto non presencial.
24 de febreiro
Data límite para a presentación de candidaturas á cabeza de lista e listas abertas.
25 de febreiro
Proclamación provisional de candidaturas e listas e comunicación de erros para a súa subsanación.
26 de febreiro
Presentación e resolución de alegacións e subsanación de erros.
27 de febreiro
Proclamación definitiva de candidaturas e listas e inicio de campaña.
2 de marzo
Data límite para asinar o manifesto e peche do prazo de inscrición para o voto non presencial.
6 de marzo
Fin da campaña.
7 e 8 de marzo
Votación telemática e nos colexios electorais.
9 de marzo
Publicación de resultados provisionais.
9 e 10 de marzo
Presentación e resolución de alegacións aos resultados provisionais.
11 de marzo
Proclamación definitiva dos resultados e da candidatura.
12 de marzo
Presentación pública da candidatura da Marea Atlántica.
ARTIGO 3. SUFRAXIO ACTIVO
3.1. Dereito ao voto
- No proceso de Primarias Abertas de Marea Atlántica terá dereito ao voto toda persoa maior de 16 anos que resida, ou residise nos últimos cinco anos, na cidade da Coruña, e que asinase o manifesto da Marea Atlántica entre a súa publicación e o 2 de marzo de 2015.
- Todas as persoas deberán probar que residen ou residiron na Coruña cun dos seguintes documentos: DNI con enderezo na cidade, certificado de empadroamento ou factura onde consten o nome do titular e o enderezo. No caso de voto presencial, o documento presentarase no intre de exercer o dereito. No caso do voto telemático, abrirase un prazo para o envío da documentación correspondente entre os días 18 de febreiro e o 2 de marzo.
- A Marea Atlántica obrígase a garantir o segredo do voto e ao cumprimento da Lei Orgánica 15/1999, de 13 de decembro, de Protección de Datos de Carácter Persoal.
ARTIGO 4. ASPIRANTES
4.1. Requisitos para ser candidata/o
- Será elixible calquera persoa con residencia na Coruña que cumpra cos requisitos recollidos nos artigos 177 e 178 da Lei Orgánica 5/1985 do Réxime Electoral Xeral e cumpra ademais os seguintes requisitos imprescindíbeis:
- Ter asinado o Manifesto da Marea Atlántica, como compromiso de cumprimento dos seus obxectivos políticos.
- Manifestar por escrito un compromiso de cumprimento do Código Ético da Marea Atlántica.
- Declarar por escrito que cargos ocupa en organizacións políticas ou sindicais e comprometerse a abandonalos no caso de resultar elixida.
- Estar en posesión dos avais que estabelece o presente Regulamento.
- Declaración xurada de non estar incurso en todas e cada unha das causas de exclusión.
- O Órgano de Arbitraxe Electoral porá a disposición de toda a cidadanía os formularios oficiais correspondentes, que deberán ser entregados en tempo e forma, unha vez cumprimentados, a través do correo electrónico primarias@mareatlantica.org ou presencialmente no local da Marea Atlántica en R/ Marqués de Pontejos, 7 – Baixo, entre o día 18 de febreiro de 2015 ás 23.59 horas e as 23.59 horas do 24 de febreiro de 2015 en horario de 20.00 a 21.00 horas.
4.2. Criterios de exclusión
- Non posuirán a condición de elixíbeis as persoas que se atopen nalgunha das seguintes situacións:
- Ser cargo electo nalgunha outra Administración pública distinta do Concello da Coruña.
- Ter ostentado algún tipo de responsabilidade como representante nos anteriores gobernos municipais da Coruña.
- Formar parte de candidaturas distintas á da Marea Atlántica que concorran ás eleccións municipais do mes de maio de 2015.
- Estar imputada por delitos relacionados con corrupción, prevaricación, tráfico de influencias, enriquecemento inxusto con recursos públicos ou privados, suborno e malversación e apropiación de fondos públicos, sexa por interese propio ou para favorecer a terceiras persoas.
- Estar en situación de imputación xudicial por delitos de racismo, xenofobia, violencia de xénero, homofobia ou outros delitos ecolóxicos ou contra os dereitos humanos ou os dereitos das persoas traballadoras.
- Non ter entregado en tempo e forma a documentación esixida.
- Entenderase por imputación xudicial a existencia dunha resolución motivada onde un xuíz estime a existencia de indicios racionais de delito.
A concorrencia dalgunha destas causas de exclusión ao longo do proceso determinará a anulación da candidatura.
4.3. Avais
- Terán a condición de avalistas as persoas activas en grupos de traballo ou mareas e con plenos dereitos políticos na Marea Atlántica a día 5 de febreiro, data de peche do censo da Marea Alta.
- Cada avalista poderá avalar unha persoa para a cabeza da lista e outras tres para o resto da candidatura, e nunca poderá avalarse a si mesmo/a.
- Os avais deberán ser formalizados empregando o formulario oficial e entregaranse acompañados dunha fotocopia do DNI da persoa avalista.
- Correspóndelle ao Órgano de Arbitraxe Electoral a potestade de validar os avais entregados en tempo e forma e segundo se estabelece no presente Regulamento.
- No caso de que o Órgano de Arbitraxe Electoral detecte que unha mesma persoa avala máis dunha persoa para a cabeza de lista e/ou máis de tres persoas para calquera outro posto, comunicarallo ao mesmo tempo que se fai pública a relación de candidaturas. A persoa avalista deberá subsanar o erro antes da proclamación definitiva.
- Para presentarse a cabeza de lista, a persoa aspirante precisa de 15 avais. Para concorrer a calquera outro posto da lista, a persoa aspirante precisa de 5 avais.
- Os avais, así como toda a documentación entregada polas persoas candidatas, serán custodiados polo Órgano de Arbitraxe Electoral.
4.4. Compromisos asumidos pola Marea Atlántica coa persoa aspirante
- A Marea Atlántica, a través do Órgano de Arbitraxe Electoral, garantirá un trato igualitario na difusión de todas as candidaturas e a igualdade de oportunidades en todo o proceso.
- A Marea Atlántica porá a disposición da persoa candidata os recursos telemáticos comúns da plataforma para a promoción da súa candidatura.
- A Marea Atlántica garantirá o respecto á intimidade da persoa candidata, difundindo só os datos que desexe publicar e os meramente obrigatorios.
- A Marea Atlántica porá a disposición da persoa candidata os respectivos formularios para a presentación de avais.
ARTIGO 5. CANDIDATURAS E LISTAS ABERTAS
- As persoas que aspiren a encabezar a candidatura da Marea Atlántica ás eleccións municipais de 2015 presentarán candidaturas individuais, avaladas por 15 sinaturas segundo o estabelecido no presente Regulamento. Estas persoas non poderán acompañar o seu nome de ningunha marca.
- As persoas que aspiren a ocupar calquera outro posto distinto do primeiro na candidatura da Marea Atlántica ás eleccións municipais de 2015 presentaranse integradas en listas abertas, cunha denominación escollida polos seus integrantes.
- As listas abertas serán paritarias e estarán compostas por entre 4 e 10 persoas (4, 6, 8 ou 10) e presentaranse ordenadas do 1 ao 10 en cremalleira de xénero.
- Ningunha candidatura en lista aberta poderá empregar na súa denominación referencias directas ou indirectas a organizacións políticas formalmente constituídas.
- As persoas candidatas a cabeza de lista terán a opción de concorrer a un posto do resto da lista. No caso de que unha persoa sexa aspirante a ser cabeza pero non parte da lista e non resulte elixida non formará parte da candidatura da Marea Altántica para as eleccións municipais.
ARTIGO 6. IGUALDADE DE XÉNERO
6.1. Garantías de igualdade de xénero
- As listas abertas deberán cumprir criterios de paridade (50%) en cremalleira.
- O voto só pode ser emitido de xeito totalmente paritario e en cremalleira.
- No caso de que o resultado non sexa acorde ao principio da paridade total, o Órgano de Arbitraxe Electoral corrixirá a lista para facer cumprir tal principio, facendo pública a súa resolución.
ARTIGO 7. ARBITRAXE
7.1. Organismo para a supervisión do proceso electoral
- Crearase un órgano de supervisión do procedemento de Primarias Abertas denominado Órgano de Arbitraxe Electoral.
7.2. Conformación do Órgano de Arbitraxe Electoral
- O Órgano de Arbitraxe Electoral estará conformado por unha persoa de cada organización política confluente na Marea Atlántica que así o solicite e un número equivalente máis un de persoas sen adscrición partidaria.
- A composición do Órgano de Arbitraxe Electoral será designada e referendada por consenso pola Rede, ou no seu defecto por maioría.
- A composición do Órgano de Arbitraxe Electoral decidida pola Rede debe ser paritaria.
- Como mínimo, debe formar parte do Órgano de Arbitraxe Electoral unha persoa do Grupo de Traballo de Ferramentas con voz pero sen voto.
- A data límite de conformación do Órgano de Arbitraxe Electoral é o 12 de febreiro de 2015.
7.3. Incompatibilidades do Órgano de Arbitraxe Electoral
- Non poderán formar parte do Órgano de Arbitraxe Electoral aquelas persoas que sexan candidatas a formar parte da lista ou a encabezala.
- As persoas que forman parte do Órgano de Arbitraxe Electoral non poderán facer campaña nin solicitar o voto para ningunha candidatura ou lista.
7.4 Causas de expulsión do Órgano de Arbitraxe Electoral
- Serán expulsadas do Órgano de Arbitraxe Electoral aquelas persoas incorran nalgún dos seguintes supostos:
- Aquelas que soliciten publicamente, e por calquera medio, o voto para unha candidatura.
- Aquelas que cedan a persoas alleas a dito órgano calquera tipo de dato persoal de terceiros.
- A expulsión rexerase polo mesmo mecanismo de toma de decisións que afecta a todos os actos do Órgano de Arbitraxe.
7.5. Competencias do Órgano de Arbitraxe Electoral
- Garantir o cumprimento deste Regulamento.
- Poñer ao dispor das persoas interesadas os formularios correspondentes para a presentación de avais, candidaturas e listas, incluídos os compromisos de cumprimento do Código Ético e renuncia aos cargos que se ocupan en organizacións políticas e sindicais no caso de resultar elixidas.
- Garantir a igualdade de oportunidades durante o proceso de campaña.
- Aprobar as candidaturas presentadas.
- Resolver as distintas queixas, denuncias e irregularidades que se manifesten durante o proceso de primarias.
- Revisar os avais e a documentación acreditativa de residencia na cidade.
- Elaborar un documento de consideracións para as persoas candidatas que conteña as recomendacións e límites para levar a cabo a campaña electoral.
- Designar e formar as persoas que actuarán como interventoras e asistentes durante o proceso de votación telemática asistida, quedando excluídas do papel de asistente as persoas que formen parte dalgunha candidatura.
- Designar unha persoa en representación do Órgano de Arbitraxe Electoral que forme parte do Grupo de Traballo de Coordinación da Marea Atlántica con voz pero sen voto durante todo o proceso electoral. Ese posto de representación pode ser rotativo.
- Validar ou anular os avais presentados.
- Validar ou anular as candidaturas e listas presentadas.
- Elaborar resolucións a respecto dos conflitos e queixas que se podan producir nas inscricións, o contido dos avais e candidaturas.
- Instar ao grupo de Coordinación da Marea Atlántica a executar o réxime sancionador.
- Interpretar baleiros do presente regulamento.
- Realizar a corrección de xénero sobre o resultado final que garanta a paridade total e a cremalleira na candidatura da Marea Atlántica.
7.6. Mecanismo para a toma de decisión do Órgano de Arbitraxe Electoral
- O Órgano de Arbitraxe Electoral adoptará as súas decisións por maioría dos seus membros. No caso de ser instado a executar o réxime sancionador, o Grupo de Traballo de Coordinación tamén deberá adoptar as súas decisión por maioría dos seus membros.
7.7. Mecanismo sancionador
- Existirán dous niveis de infracción: leve e grave.
- Dúas infraccións leves suporán, ao igual que unha grave, a anulación da candidatura.
- Terán a condición de infraccións leves os seguintes supostos:
- A non comunicación ao Órgano de Arbitraxe Electoral da celebración de actos públicos en que se solicite o voto para unha candidatura, durante o proceso previo e durante a propia campaña.
- A solicitude de voto a través calquera medio de comunicación fóra do proceso de campaña.
- Terán condición de infraccións graves os seguintes supostos:
- A celebración de actos públicos en que se solicite o voto durante o proceso previo á campaña de primarias.
- A difusión de mensaxes ofensivas sobre outras candidaturas.
- A solicitude de voto durante a campaña a través de medios de comunicación privados, públicos ou comunitarios, non entrando en dita consideracións os perfís en redes sociais.
- A edición de material propagandístico solicitando o voto para unha candidatura.
- A utilización das ferramentas orgánicas de comunicación dunha organización política, ou da propia Marea Atlántica, solicitando o voto durante o proceso previo e durante a propia campaña.
7.9. Procedemento sancionador do Órgano de Arbitraxe Electoral
- O Órgano de Arbitraxe actuará como organismo sancionador de oficio ou a instancia dunha parte. Poderán presentar queixas diante do Órgano de Arbitraxe relativas á actuación doutros candidatos/as as persoas participantes no proceso de primarias.
- Unha vez detectada ou denunciada unha infracción, o Órgano de Arbitraxe dispón de 24 horas dende o inicio das actuacións instrutoras para escoitar á persoa denunciada e, de habela, á denunciante. A persoa denunciada terá dereito, ademais, a presentar, en idéntico prazo, alegacións escritas a respecto da conduta baixo investigación.
- Durante este proceso, a persoa denunciada ten dereito a presentar unha alegación motivada.
- Tras escoitar ás partes, e acordar, no seu caso, as dilixencias probatorias que estime precisas, o Órgano de Arbitraxe emitirá unha resolución, que deberá ser comunicada á persoa denunciada e, no seu caso, denunciante. No caso de que a resolución recolla a existencia dunha sanción e realice unha proposta de sanción comunicaraa tamén ao Grupo de Traballo de Coordinación.
- Á vista da proposta de sanción, a persoa afectada poderá presentar alegacións diante do Grupo de Coordinación no prazo de 24 horas. Recibidas as alegacións, ou rematado o sinalado prazo, o Grupo de Coordinación emitirá a resolución definitiva, confirmando ou modificando a proposta remitida dende o Órgano de Arbitraxe.
ARTIGO 8. VOTACIÓN
8.1. Tipo de votación
- A votación nas Primarias Abertas da Marea Atlántica estará dividida entre o primeiro posto, que se vota por separado, e o resto da lista, sendo obrigatorio votar no apartado da lista, permitíndose para o cabeza da candidatura o voto en branco.
- As candidaturas individuais para o primeiro posto da lista aparecerán na pantalla ordenadas de esquerda a dereita en orde aleatoria ou sorteada polo Órgano de Arbitraxe Electoral. As listas abertas que compiten polo resto da lista aparecerán na pantalla presentadas en columnas e ordenadas de esquerda a dereita co mesmo sistema que no caso anterior.
- No acto de votación, cada elector/a deberá de xeito obrigatorio escoller 12 persoas ordenadas do 1 ao 12, respectando a paridade de xénero en cremalleira.
8.2. Reservas de postos
- A lista de titulares da candidatura da Marea Atlántica será completada con persoas de consenso que pola súa proxección pública avalen todo o proceso, con este fin serán reservados un máximo de 4 postos ao final da lista.
- No caso de que sexa necesario completar a candidatura, sexan os postos titulares ou suplentes, por consenso na Rede.
ARTIGO 9. CAMPAÑA ELECTORAL
9.1. Dereitos e deberes das persoas candidatas
- Dereitos das persoas candidatas:
- As persoas candidatas teñen dereito a recibir un trato igualitario por parte da Marea Atlántica.
- Dereito a acudir ante o Órgano de Arbitraxe para denunciar as irregularidades que considere gravosas para o proceso.
- Dereito a un espazo dentro das ferramentas telemáticas facilitadas pola Marea Atlántica para a promoción de candidaturas. No devandito espazo poderán publicitar os motivos da súa candidatura mediante textos e fotografía. Cada unha das persoas candidatas estará representada por unha fotografía, un breve texto non superior aos 140 caracteres e un texto maior, de 500 caracteres, onde poderá expresar a súa visión persoal e por que cre que debe ser merecedora do voto no proceso de primarias. A presenza das listas nestes espazos terá unha orde aleatoria. Así mesmo, os medios dixitais propios da Marea Atlántica enlazarán —se a persoa así o desexa— aos perfís persoais na rede das persoas candidatas, facilitando que a cidadanía interesada en participar no proceso de primarias poida interpelalos directamente.
- Dereito a solicitar o voto para a súa candidatura a través dos seus propios perfís en redes sociais.
- Dereito a celebrar actos públicos durante a campaña nos que se solicite o voto para dita candidatura, toda vez que estes sexan previamente comunicados en tempo e forma ao Órgano de Arbitraxe Electoral.
- Deberes das persoas candidatas:
- Deber de gardar o debido respecto polo resto de persoas candidatas dentro das mensaxes e actos de promoción da súa candidatura.
- Deber de actuar acorde a este Regulamento e ás resolucións do Órgano de Arbitraxe Electoral.
9.2. Garantías de igualdade de oportunidades
- Está prohibida a difusión de candidaturas mediante publicidade en medios de comunicación.
- A Marea Atlántica ofrecerá a todas as candidaturas presentadas o mesmo peso dentro da comunicación tanto interna como externa.
- Estará prohibida a aparición en medios de comunicación públicos, privados ou comunitarios solicitando o voto, como así contempla o réxime sancionador.
- Estará prohibida a edición de material propagandístico físico para a promoción dunha candidatura, como así contempla o réxime sancionador.
- O Órgano de Arbitraxe Electoral emitirá unha serie de consideracións que serán recibidas por cada persoa candidata no momento de candidatarse para coñecer como pode levar a cabo a promoción da súa opción.
9.3. Calendario da campaña electoral
- A campaña electoral comezará o 27 de febreiro e rematará o 6 de marzo.
ARTIGO 10. SISTEMA DE VOTACIÓN
10.1. Sistemas de votación
- As dúas votacións que se levarán a cabo durante as primarias da Marea Atlántica irán guiadas por tipos de conteo distintos.
- A votación da cabeza de lista estará regulada polo sistema Borda puro no caso de existir máis dunha candidatura.
- No caso de existir unha soa candidatura a cabeza de lista, só se permitirán dúas opcións: votar o/a candidato/a ou votar en branco.
- No caso de existir dúas ou máis candidaturas para encabezar a lista empregarase o método Borda puro. De acordo con este método, sexan cales sexan as opcións a escoller, o elector ou electora debe emitir tantos votos como opcións haxa ou votar en branco. Os votos son ordenados e obrigatorios, de xeito que a primeira opción escollida —no caso de que haxa tres candidatos/as— suporá 3 puntos, a segunda 2 e a terceira 1.
- A votación á composición da lista estará regulada polo reconto Dowdall.
- O elector ou electora ordenará as súas opcións para a composición da lista, pero neste caso e de xeito obrigatorio do 1º ao 12º. Os puntos outorgados, en lugar de ser consecutivos como no caso anterior serán así: 1 punto, 1/2 punto, 1/3 punto, 1/4 punto, 1/5 punto, 1/6 punto, 1/7 punto, 1/8 punto, 1/9 punto, 1/10 punto, 1/11 punto e 1/12 punto.
- Os votos cuxa composición de xénero non garanta un reparto do 50% entre homes e mulleres en cremalleira non poderán ser emitidos.
ARTIGO 11. XORNADAS ELECTORAIS
11.1. Lugares e formas de votación
- Votarase telematicamente e de maneira privada ou de maneira telemática asistida nun espazo adaptado a tal efecto.
- Habilitaranse un ou máis espazos a efectos de colexio electoral, segundo decida o Órgano de Arbitraxe Electoral, nos que se votará a través dun ordenador. Nos devanditos colexios estarán persoas do Grupo de Ferramentas para facilitar a votación e do Órgano de Arbitraxe Electoral para garantir a limpeza do proceso.
- Celebraranse dúas xornadas electorais consecutivas os días 7 e 8 de marzo.
11.2. Seguridade do proceso
- Ademais das ferramentas de seguridade que oferta a ferramenta telemática, o Órgano de Arbitraxe velará pola seguridade do proceso.
11.3. Escrutinio
- O escrutinio será realizado pola propia ferramenta telemática e publicado para a súa impugnación, se procede, en todas as ferramentas comunicativas da Marea Atlántica.
ARTIGO 12. PROCLAMACIÓN DA CANDIDATURA
12.1. Publicación e proclamación da candidatura
- A candidatura será proclamada polo Órgano de Arbitraxe o 11 de marzo de 2015.
- Os resultados publicaranse o 9 de marzo de 2015. Abrirase un prazo de alegacións entre os días 9 e 10 de marzo de 2015.
Formularios: