Saltar ao contido

Os comentarios están pechados.

 

 

 

photo_2015-03-06_16-38-29

Na Marea Atlántica celebramos a votación das eleccións primarias esta fin de semana, o 7 e 8 de marzo: decidiremos quen queremos que nos represente de cara a un futuro Grupo Municipal que sirva de buguina comunicante e amplificadora entre as Mareas cidadás, a veciñanza, o seu tecido asociativo e a administración local.

Como aquelas instrucións para subir unha escaleira ou para dar corda a un reloxo que nos propuña o cronopio Julio Cortázar, traemos aquí unhas Instrucións de uso das Primarias na Marea. Tanto os requisitos como os procedementos son sinxelos e a tal hora son máis de 2000 as persoas que, presencial ou telematicamente, poderán escoller a candidatura.

A medula vertebral deste sistema preserva a paridade, de aí que o voto sexa en cremalleira e deba incluír sempre 6 mulleres e 6 homes [12 nomes en total, elixidos, iso si, ente calquera das 5 candidaturas presentadas]. Deberás escoller seguindo a orde muller-home-muller ou home-muller-home… en calquera caso, sempre en alternancia. Ollo con isto porque, de non cumprirse tal requisito, o voto declararíase nulo.

Ten en conta tamén que a orde importa. Implica unha puntuación determinada: é dicir, que á primeira persoa da túa lista estaslle concedendo máis puntos que á segunda e así sucesivamente.

A votación presencial celebrarase no local de Pontejos, 7 [canda o mercado de San Agustín] no mesmo horario tanto sábado 7 como o domingo 8: de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00.

A votación telematica, a través de AgoraVoting, abrirase o sábado 7 ás 10:00 da mañá e pecharase o domingo 8 ás 20:00 da tarde. Para votar, recibirás unha mensaxe (tanto se vas votar presencialmente como a distancia) con un código que precisarás para acceder á plataforma de votación (a ligazón para acceder aparecerá tamén no SMS).

Gota a gota faise marea. Vota.

#FaiMarea

 

Primarias: instrucións de uso