Saltar ao contido

Proposta de consenso para a Marea Alta
subscrita polos seguintes equipos:

Descargar pdf

Pola Unidade Atlántica

Silvia Cameán Calvete (Grupo de Traballo de Produción, Loxística e Financiamento), René Gamborino Amaro (Grupo de Traballo de Relato e Análise), Alicia Alonso García (Marea Feminista), Juan Sebastián Pirola Lorenzo (Grupo de Traballo de Comunicación) e Alejandro Voces Teixeira (Marea de Mocidade)

Mar de Fondo

Daniel Rodríguez Cao (Grupo de Traballo de Relato), María García Gómez (Marea de Medio Ambiente), Xiao Varela (Grupo de Traballo de Mediación), Marta Paz Naveiro (Marea Feminista) e Juan Cebreiro Fernández (Marea da Mobilidade)

Marea de Primarias

Emilio José Padrón González (Marea do Medio Ambiente), Maria José Durán (Marea do Medio Ambiente), Olga Burque (Marea do Medio Ambiente), José María Vara (Marea do Medio Ambiente) e Xabier Lombardero (Marea dos Mallos e A Falperra)

Maioría social, Inclusividade e Democracia

Inés Mallada Fernández (Grupo de Traballo de Comunicación), Rosendo González Núñez (Grupo de Traballo de Comunicación), Borja San Ramón Tizón (Grupo de Traballo de Produción, Loxística e Financiamento), Oscar García Ruíz (Grupo de Traballo de Comunicación), Milagros Agudo Vidal (Grupo de Traballo de Produción, Loxística e Financiamento)

A Coruña, 4 de febreiro de 2015

Introdución

Desde a súa fundación e presentación pública o 21 de xullo de 2014 na Ribeira do Cómaro, a Marea Atlántica pretende ser unha iniciativa municipalista agregadora de todas as persoas e sensibilidades que procuran unha mudanza radical do estado das cousas desde a cidade da Coruña. Co obxectivo posto nas eleccións municipais de maio de 2015, a Marea Atlántica levará a democratización a todos os lugares en que estea presente, comezando pola súa propia organización interna.

Como resultado de ambos factores, o equipo Mar de Fondo propón un regulamento de Primarias que cumpra os seguintes obxectivos:

  • Ser o reflexo da pluralidade interna da Marea Atlántica.
  • Ser comprensíbel, de xeito que cada quen poida facelo seu.
  • Que sexa completamente transparente en cada unha das súas fases.
  • Que oferte un trato igualitario a todas as persoas que desexen participar do proceso.

Estes serán os criterios que guíen tanto o presente Regulamento como os procesos de elección colectiva da Marea Atlántica.

Bloque de Primarias

1. Censo

a. Participantes1

  1. No proceso de primarias de Marea Atlántica terá dereito ao voto toda persoa maior de 16 anos que resida, ou tivese residido nos últimos cinco anos, na cidade da Coruña, que cumpra os seguintes requisitos:
    – Ser asinante do manifesto da Marea Atlántica.
    – Asinar o manifesto con data previa ao 2 de marzo.
  2. Durante o proceso de votación, presencial ou telemático, requirirase un compromiso de veracidade que garanta o anterior punto.
  3. A Marea Atlántica obrígase a manter a condición de segredo do voto e ao cumprimento da Lei Orgánica 15/1999, de 13 de decembro, de Protección de Datos de Carácter Persoal.
  4. As persoas con plenos dereitos políticos terán tamén a condición de avalistas de candidaturas, posuíndo tres avais para persoas candidatas a ser parte da lista e un para a cabeza.

b. Elaboración do censo

  1. O censo de votantes para as primarias da Marea Atlántica será elaborado polo órgano de arbitraxe creado para fiscalizar o proceso de votación.2
  2. O censo será pechado o día 2 de marzo ás 23:59h.3

2. Aspirantes

a. Condición de candidata/o4

  1. Terán a condición de candidatas e candidatos todas aquelas persoas con residencia na Coruña que cumpran cos requisitos recollidos nos artigos 177 e 178 da Lei Orgánica 5/1985 do Réxime Electoral Xeral.

b. Requisitos básicos para a presentación dunha candidatura

Son requisitos imprescindíbeis para a presentación de candidaturas os seguintes:5

  1. Ser asinante do Manifesto da Marea Atlántica, como compromiso de cumprimento dos seus obxectivos políticos.
  2. Manifestar por escrito un compromiso de cumprimento do Código Ético da Marea Atlántica, unha vez este estea aprobado.
  3. No caso das persoas militantes de partidos políticos, unha declaración en que consten os cargos que ocupa na súa organización.
  4. Estar en posesión de cinco avais asinados por persoas rexistradas no censo. As persoas con intención de ser cabeza de lista deberán entregar 15 avais.6

d. Criterios de exclusión7

Non posuirán a condición de elixíbeis as persoas que se atopen nalgunha das seguintes situacións:

  1. Ser representante nalgunha outra administración distinta do Concello da Coruña.
  2. Ter ostentado algún tipo de responsabilidade como representante nos anteriores gobernos municipais do goberno da Coruña.
  3. As persoas que formen parte de candidaturas distintas á da Marea Atlántica que concorran ás eleccións municipais do mes de maio de 2015.
  4. As persoas imputadas por delitos relacionados con corrupción, prevaricación, tráfico de influencias, enriquecemento inxusto con recursos públicos ou privados, suborno e malversación e apropiación de fondos públicos, sexa por interese propio ou para favorecer a terceiras persoas.
  5. As persoas en situación de imputación xudicial por delitos de racismo, xenofobia, violencia de xénero, homofobia ou outros delitos ecolóxicos ou contra os dereitos humanos ou os dereitos das persoas traballadoras.

Nota: Entenderase por imputación xudicial a existencia dunha resolución motivada onde un xuíz estime a existencia de indicios racionais de delito.

e. Compromisos asumidos pola persoa aspirante8

  1. Xustificar documentalmente a súa residencia na cidade da Coruña.
  2. Abandonar os cargos orgánicos que ocupe no caso de ser escollida.
  3. Asinar un compromiso de cumprimento do Código Ético.
  4. Cumprimento estrito do presente Regulamento.

f. Compromisos asumidos pola Marea Atlántica9

  1. Trato igualitario na difusión da súa candidatura.
  2. Garantía de igualdade de oportunidades.
  3. Posta a disposición da persoa candidata de recursos telemáticos para a promoción da súa candidatura.
  4. Respecto pola intimidade da persoa candidata, difundindo só os datos que desexe publicar e os meramente obrigatorios.
  5. Posta a disposición da candidata/o dos respectivos formularios para a presentación de avais.

g. Tipos de candidaturas10

  1. As persoas que obteñan a condición de electoras emitirán o seu voto en favor de persoas individuais, aínda que estas se presenten dentro de listas abertas.
  2. Os/as candidatos/as presentaranse en listas, respectando en todo caso a paridade de xénero en cremalleira. Ditas marcas deberán estar compostas dun mínimo de 4 e un máximo de 10 persoas.
    Quedan excluídas desta cláusula as persoas candidatas a encabezar a listas.

    1. As listas non poderán denominarse empregando referencias directas ou indirectas a organizacións políticas formalmente constituídas.
  3. A votación en primarias estará dividida entre a cabeza e o resto da lista.
  4. Cada elector ou electora de Marea Atlántica deberá votar por 12 persoas ordenadas do 1 ao 12, respectando en todo caso a paridade de xénero en cremalleira. A cabeza de lista votarase por separado.
  5. As persoas candidatas a cabeza de lista terán a opción de ser tamén parte da lista de titulares. No caso de que unha persoa sexa aspirante a ser cabeza pero non parte da lista e non acade os votos necesarios, non formará parte da lista definitiva.

3. Igualdade de xénero

a. Garantías de igualdade de xénero11

  1. As listas abertas deberán cumprir criterios de paridade (50%) en cremalleira.
  2. O voto só pode ser emitido de xeito totalmente paritario e en cremalleira.

b. Outros mecanismos para o fomento da participación en igualdade12

  1. Dinámicas inclusivas (horarios, etc) e ferramentas que faciliten tanto a participación política das mulleres como daquelas persoas con diversidade cultural, funcional e afectivo-sexual.

4. Arbitraxe

a. Organismo para a supervisión do proceso electoral13

  1. Crearase un órgano de supervisión do procedemento de primarias denominado Órgano de Arbitraxe Electoral.

b. Conformación do Órgano de Arbitraxe electoral14

  1. O órgano de arbitraxe estará conformado por unha persoa de cada organización política confluente na Marea Atlántica e un número equivalente máis un de persoas sen adscrición partidaria.
  2. As persoas promotoras deste Regulamento terán unha función consultiva en dito órgano.

c. Funcións do Órgano de Arbitraxe Electoral15

  1. Garantir o cumprimento deste Regulamento.
  2. Facer cumprir o calendario aprobado no proceso de debate da Marea Viva.
  3. Garantir a igualdade de oportunidades durante o proceso de campaña.
  4. Aprobar as candidaturas presentadas.
  5. Resolver as distintas queixas, denuncias e irregularidades que se manifesten durante o proceso de primarias.
  6. Interpretar baleiros do presente Regulamento.

d. Mecanismo para a toma de decisión do Órgano de Arbitraxe Electoral16

  1. O órgano de arbitraxe adoptará as súas decisións por consenso, no caso de que o devandito consenso non se produza a maioría simple sería determinante.

5. Postos a elixir

Nota: na cidade da Coruña as listas están compostas por 27 titulares e 10 suplentes.

a. Tipo de votación17

  1. No acto da votación, o elector ou electora poderá realizar dúas votacións, unha para escoller á persoa que encabezará a lista e unha segunda para completar a lista.
  2. No acto de votación, cada elector deberá escoller 12 persoas ordenadas do 1 ao 12, respectando a paridade de xénero en cremalleira.18

b. Reservas de postos

  1. A lista de titulares da candidatura da Marea Atlántica será completada con persoas de consenso que pola súa proxección pública avalen todo o proceso, con este fin serán reservados un máximo de 4 postos ao final da lista.19
  2. Non estará limitada a presentación de candidaturas.20

6. Campaña electoral das primarias

a. Dereitos e deberes das persoas candidatas.

  1. 1. Dos dereitos das persoas candidatas:21
    1. As persoas candidatas teñen dereito a recibir un trato igualitario por parte da Marea Atlántica.
    2. Dereito a acudir ante o Órgano de Arbitraxe para denunciar as irregularidades que considere gravosas para o proceso.
    3.  Dereito a un espazo dentro das ferramentas telemáticas facilitadas pola Marea Atlántica para a promoción de candidaturas. No devandito espazo poderán publicitar os motivos da súa candidatura mediante textos e fotografía. Cada unha das persoas candidatas estará representada por unha fotografía, un breve texto non superior aos 140 caracteres e un texto maior de 500 caracteres onde poderá expresar a súa visión persoal e por que cre que debe ser merecedora do voto no proceso de primarias. A presenza das persoas candidatas nestes espazos terá unha orde aleatoria. Así mesmo, os medios dixitais propios da Marea Atlántica enlazarán —se a persoa así o desexa— aos perfís persoais na rede das persoas candidatas, facilitando que a cidadanía interesada en participar no proceso de primarias poida interpelalos directamente.
    4. Dereito á promoción da súa candidatura nos seus perfís propios de redes sociais. Así mesmo os medios dixitais propios da Marea Atlántica enlazarán —se a persoa así o desexa— aos perfís persoais na rede das persoas candidatas facilitando que a cidadanía interesada en participar no proceso de primarias poida interpelalos directamente.
  2. 2. Dos deberes das persoas candidatas.
    1. Deber de gardar o debido respecto polo resto de persoas candidatas dentro das mensaxes e actos de promoción da súa candidatura.
    2. Deber de actuar acorde a este Regulamento e ás resolucións do Órgano de Arbitraxe Electoral.

b. Garantías de igualdade de oportunidades (7b)

  1. Está prohibida a difusión de candidaturas mediante publicidade en medios de comunicación.
  2. A Marea Atlántica ofrecerá a todas as candidaturas presentadas o mesmo peso dentro da comunicación tanto interna como externa.
  3. Estará prohibida a aparición en medios de comunicación públicos, privados ou comunitarios solicitando o voto.
  4. Estará prohibida a edición de material propagandístico para a promoción dunha candidatura.
  5. O Órgano de Arbitraxe Electoral emitirá unha serie de consideracións que serán recibidas por cada persoa candidata no momento de candidatarse para coñecer como pode levar a cabo a promoción da súa opción.

c. Calendario electoral

A campaña electoral comezará o 23 de febreiro e rematará o 6 de marzo.

8. Sistema de votación

a. Sistemas de votación22

  1. As dúas votacións que se levarán a cabo durante as primarias da Marea Atlántica irán guiadas por tipos de conteo distintos.
    1. A votación da cabeza de lista estará regulada polo sistema Borda puro no caso de existir máis dunha candidatura.
    2. No caso de existir unha soa candidatura, o candidato ou candidata someterase a referendo durante o propio de acto de votación, existindo só a opción do apoio e do voto en branco.
    3. No caso de existir dúas candidaturas a votación resolverase por voto simple.
    4.  No caso de existir tres ou máis candidaturas para encabezar a lista empregarase o método Borda puro. De acordo con este método, sexan cales sexan as opcións a escoller, o elector ou electora pode emitir tres votos. Os votos son ordenados e obrigatorios, de xeito que a primeira opción escollida suporá 3 puntos, a segunda 2 e a terceira 1. No anexo ao final deste documento inclúese unha explicación detallada e exemplificada de dito método.
  2. A votación á composición da lista estará regulada polo reconto Dowdall.

O elector ou electora ordenará as súas opcións para a composición da lista, pero neste caso do 1º ao 12º. Os puntos outorgados, en lugar de ser consecutivos como no caso anterior serán así: 1 punto, 1/2 punto, 1/3 punto, 1/4 punto, 1/5 punto, 1/6 punto, 1/7 punto, 1/8 punto, 1/9 punto, 1/10 punto, 1/11 punto e 1/12 punto.

b. Respecto á igualdade de oportunidades e á pluralidade interna da Marea Atlántica23

Como resultado dos distintos debates internos, dinámicas colectivas e co obrigado compromiso de democratización, a Marea Atlántica servirase dun método de votación que estableza que o resultado do proceso de primarias internas sexa o máis representativo posíbel das distintas sensibilidades que hoxe a compoñen, e que favoreza a igualdade total entre homes e mulleres.

Os votos cuxa composición de xénero non garanta un reparto do 50% entre homes e mulleres en cremalleira non poderán ser emitidos.24

9. Xornadas electorais

a. Lugares e formas de votación25

  1. Votarase telematicamente e de maneira privada ou de maneira telemática asistida nun espazo adaptado a tal efecto.
  2. Habilitaranse un ou máis espazos a efectos de colexio electoral, nos que se votará a través dun ordenador. Nos devanditos colexios estarán persoas do Grupo de Ferramentas para facilitar a votación e do Órgano de Arbitraxe Electoral para garantir a limpeza do proceso.
  3. Celebraranse dúas xornadas electorais consecutivas os días 7 e 8 de marzo.

b. Seguridade do proceso26

  1. Ademais das ferramentas de seguridade que oferta a ferramenta telemática, o Órgano de Arbitraxe velará pola seguridade do proceso.

c. Escrutinio27

  1. O escrutinio será realizado pola propia ferramenta telemática e publicado para a súa impugnación, se procede, en todas as ferramentas comunicativas da Marea Atlántica.

10. Proclamación da candidatura

a. Publicación e proclamación da candidatura28

  1. A candidatura será proclamada polo Órgano de Arbitraxe o 12 de Marzo de 2015.
  2. Os resultados publicaranse o 8 de marzo de 2015. Abrirase un prazo de alegacións entre os días 9 e 11 de Marzo de 2015.

Bloque de Programa Participativo

12. Calendario

a. Datas de elaboración do programa participativo29

O proceso de elaboración do programa colaborativo comeza co proceso de conformación do Grupo de Traballo de Programa o 16 de Febreiro, e remata coa súa presentación pública o día 13 de Abril.

b. Fases na elaboración do programa participativo30

O proceso de elaboración do programa participativo estruturarase como segue:

  • Conformación do Grupo de Traballo de Programa, entre o 16 de Febreiro e o 12 de Marzo. Nesta fase terá lugar a selección das persoas por parte dos Grupos de Traballo e Mareas (as persoas candidatas incorporaranse ao grupo despois das Eleccións Primarias). Esta fase finalizará cunha reunión presencial do grupo de traballo para organizar o traballo durante o proceso.
  • Presentación pública do proceso e convocatoria á cidadanía, entre os días 2 e 8 de Marzo. Nesta fase presentarase o proceso á cidadanía.
  • Recollida de información, deseño do encontro e inscricións, entre o 2 e o 12 de Marzo. Nesta fase, o Grupo de Traballo de Programa encargarase de recadar o traballo elaborado polas Mareas até o momento, para utilizalo como referencia no Encontro Aberto á Cidade que se explica no seguinte apartado. Tamén nesta fase o Grupo de Traballo de Programa deseñará dito encontro, e xestionará as inscricións para o mesmo.
  • Encontro Aberto á Cidade, os días 13, 14 e 15 de Marzo. Neste encontro a Marea abrirase á Cidade para traballar conxuntamente no Programa Participativo. O Grupo de Traballo de Programa deseñará unha metodoloxía de traballo colaborativo, que poña en valor todo o traballo feito até o momento pola Marea Atlántica enriquecéndoo e completándoo a través da intelixencia colectiva. Esta fase será tamén un fito mediático importante no proceso de campaña, presentando a Marea Atlántica como o que é: un instrumento para a participación e o empoderamento cidadán. Para participar deste evento será preciso inscribirse previamente.
  • Elaboración do programa, entre o 16 de Marzo e o 5 de Abril. Nesta fase, o Grupo de Traballo de Programa encargarase de elaborar a proposta de programa a partir de toda a información xerada pola Marea Atlántica e a recollida no encontro aberto á cidade.
  • Publicación e validación, entre o 6 e o 12 de Abril. Nesta fase publicarase o borrador do programa, para recibir achegas da cidadanía e proceder á validación do mesmo a través dunha consulta entre todas as persoas participantes na súa elaboración (mareantes, mareantas e persoas inscritas no encontro aberto á cidadanía).
  • Presentación pública, o 13 de Abril. Nesta fase, o Grupo de Traballo de Programa presentará publicamente o programa participativo resultado do proceso.

13. Participación

a. Potestades de Mareas e Grupos de Traballo na elaboración do Programa Participativo31

Participarán activamente na elaboración do programa e formando parte do Grupo de Traballo de Programa.

b. Potestades de Mareas e Grupos de Traballo na elaboración final do Programa Participativo32

Participación no Grupo de Traballo de Programa.

c. Órgano de coordinación da elaboración do Programa Participativo33

Chamarase Grupo de Traballo de Programa.

d. Función do órgano de coordinación34

Sería o órgano encargado de unificar, compatibilizar e darlle formato a toda a información recadada no proceso colectivo de elaboración do programa participativo. Tamén se encargaría de difundir o programa resultante, así como de adaptar o seu formato aos distintos momentos e necesidades do proceso; elaborando un documento resumo de impacto mediático (como ferramenta de apoio á campaña electoral).

e. Conformación do órgano de coordinación do Grupo de Traballo de Programa35

Será un grupo de traballo amplo, formado por:

  • 1 persoa por cada marea sectorial ou temática favorecendo unha participación en igualdade (2 pola Marea Feminista).*
  • 4 persoas (2 mulleres e 2 homes) polo grupo de traballo de Relato.*
  • 4 persoas (2 mulleres e 2 homes) polo grupo de traballo de Comunicación.*
  • As 14 primeiras persoas candidatas da Marea Atlántica ao Concello da Coruña.
  • 4 persoas (2 mulleres e 2 homes) polo grupo de Mediación* (participantes na dinamización do encontro aberto de traballo, punto 12b). Serán encargadas da facilitación do proceso de traballo do grupo.
  • Unha vez constituído, o Grupo de Traballo de Programa poderá incorporar, con voz e sen voto, as persoas que considere necesarias para cubrir áreas (sectoriais ou barriais) non tratadas até o momento polas Mareas da Marea Atlántica.

(*) As persoas seleccionaranse preferentemente por consenso dentro dos grupos, acudindo, de non ser posible, á votación por maioría simple. En caso de non existir algún dos grupos no momento de conformación do grupo de traballo de Programa, faríase a selección entre as persoas que conformaban dito grupo antes da súa disolución.

f. Participación de persoas externas á Marea Atlántica na elaboración do programa definitivo36

Segundo o establecido, producirase a través da participación no Encontro Aberto á Cidade, e na fase de achegas e validación do programa.

14. Referendo

a. Referendo final do programa participativo37

Na fase de validación do proceso o borrador do programa someterase a exposición e valoración públicas.

b. Votación do programa definitivo38

Todas as mareantas, as persoas asinantes do manifesto (presencialmente) e as persoas participantes no Encontro Aberto á Cidade votarán o programa.

c. Elaboración do censo do programa definitivo39

A cargo do Grupo de Traballo de Programa.

Elaboraríase seguindo as indicacións anteriores e pecharíase o 22 de marzo.

15. Áreas

a. Áreas temáticas do programa40

  1. Radicalización democrática: liberdades, transparencia e participación cidadá…
  2. Modelo territorial e urbano: medio ambiente, medio rural, vivenda e mobilidade…
  3. Xustiza e cohesión social: dereitos sociais, atención á diversidade e servizos públicos…
  4. Modelo económico e enerxético: emprego, investigación, consumo consciente…
  5. Cultura, memoria e identidades: educación, cultura, deporte…

A igualdade de xénero considérase un eixo que transversalizará todas as áreas.

16. Presentación do programa electoral

a. Presentación pública do programa electoral41

Segundo o estabelecido anteriormente, o programa será presentado publicamente polo Grupo de Traballo de Programa, o día 13 de abril.

A presentación pública contará con todas as persoas candidatas da Marea Atlántica ás eleccións.

Elixirase un formato acaído á presentación colectiva, con presenza de prensa e apoio dos medios telemáticos correspondentes (streaming).


 

ANEXO

O seguinte anexo recolle, coa finalidade de facer accesíbel o presente regulamento, os métodos de conteo que se empregarán durante o proceso de primarias.

Como está recollido, no caso de que se presenten tres ou máis persoas para encabezar a lista empregarase o método Borda.

O método Borda aporta un resultado o máis achegado posíbel ás preferencias de todos e todas as votantes.

A modo de explicación achégase un caso práctico:

Na Marea Atlántica preséntanse como cabezas de lista tres persoas (A, B e C), e 21 persoas participan da votación. Como se ten explicado máis arriba, as persoas electoras escollen tres candidaturas e as ordenan segundo a súa orde de preferencia.

Ao realizar o conteo, obtemos o seguinte resultado:

6 persoas votaran a seguinte orde: 1º: C / 2º: B / 3º: A

7 persoas votaran a seguinte orde: 1º: B / 2º: C / 3º: A

7 persoas votaran a seguinte orde: 1º: A / 2º: C / 3º: B

1 persoa votara a seguinte orde: 1º: A / 2º: B / 3º: C

Cun sistema de voto simple, a cabeza de lista sería A, toda vez que os resultados serían os seguintes:

A obtivo 8 votos para ser cabeza de lista, B 7 e C 6.

Sendo maioritario este resultado, non pode ser considerado como representativo, toda vez que un total de 13 persoas definiron a A como a peor das opcións para encabezar a lista.

Se aplicamos a corrección Borda asignando un número de puntos a cada posto da lista, como por exemplo 3 puntos ao primeiro posto, 2 ao segundo e 1 ao terceiro, obtemos o seguinte resultado:

A: 37 puntos (8 primeiros postos = 24 puntos / 13 terceiros postos = 13 puntos)

B: 42 puntos (7 primeiros postos = 21 puntos / 7 segundos postos = 14 puntos / 7 terceiros postos = 7puntos)

C: 47 puntos (6 primeiros postos = 18 puntos / 14 segundos postos = 28 puntos / 1 terceiro posto = 1 punto)

Por tanto, C resultaría como cabeza de lista por obter moitos votos como cabeza de lista, moitos como segunda opción e apenas un como última opción.

A efectos, o formato a empregar durante o proceso de votación da cabeza de lista nas primarias da Marea Atlántica sería o seguinte:

Candidata/o Puntuación
1.- Candidata A 3 puntos
2.- Candidato B 2 puntos
3.- Candidata C 1 punto

Para o resto da lista, o método empregado será o reconto Dowdall.

O método Dowdall é un método derivado do método Borda, a diferenza reside en que no método Borda os dous primeiros postos da lista repártense o 35% dos puntos outorgados, mentres no Dowdall repártense o 50%, facilitando así a representación das opcións minoritarias.

A modo de exemplo: 600 persoas deben escoller dez postos. Entre esas 600 persoas existen tres bloques que votan monoliticamente pola súa propia lista. Os grupos organizados son A, B e C. Se aplicamos o método Borda simple obtemos o seguinte resultado.

Resultado ordenado

10º
A A B A B A B C C A

Como pode observarse, o grupo C, pese a representar o 25% do electorado, non acada ningún dos primeiros sete postos.

Se aplicamos o reconto Dowdall, ou que é o mesmo, variamos a puntuación asignada a cada posto ocorre o seguinte:

Resultado ordenado

10º
A B C A B A C B A A/B/C

Como vemos, o grupo C, afastado dos lugares de cabeza coa metodoloxía anterior, acadaría dous postos e empataría por un terceiro.

O método Dowdall é, por tanto, o idóneo para un electorado composto por sensibilidades diversas, como é o da Marea Atlántica.


 

1Resposta á pregunta 1a do Guión-Marco.

2Resposta á pregunta 1b do Guión-Marco.

3Resposta á pregunta 1c do Guión-Marco.

4Resposta á pregunta 2a do Guión-Marco.

5Resposta á pregunta 2c do Guión-Marco.

6Resposta á pregunta 2b do Guión-Marco.

7Resposta á pregunta 2d do Guión-Marco.

8Resposta á pregunta 2e do Guión-Marco.

9Resposta á pregunta 2f do Guión-Marco.

10Resposta á pregunta 2g do Guión-Marco.

11Resposta á pregunta 3a do Guión-Marco.

12Resposta á pregunta 3b do Guión-Marco.

13Resposta á pregunta 4a do Guión-Marco.

14Resposta á pregunta 4b do Guión-Marco.

15Resposta á pregunta 4c do Guión-Marco.

16Resposta á pregunta 4d do Guión-Marco.

17Resposta á pregunta 5a do Guión-Marco.

18Resposta á pregunta 5b do Guión-Marco.

19Resposta á pregunta 5c do Guión-Marco.

20Resposta ás preguntas 6a e 6b do Guión-Marco.

21Resposta á pregunta 7a do Guión-Marco.

22Resposta á pregunta 8a do Guión-Marco.

23Resposta á pregunta 8b do Guión-Marco.

24Resposta á pregunta 10a do Guión-Marco.

25Resposta á pregunta 9a do Guión-Marco.

26Resposta á pregunta 9b do Guión-Marco.

27Resposta á pregunta 9c do Guión-Marco.

28Resposta á pregunta 11a do Guión-Marco.

29Resposta á pregunta 12a do Guión-Marco.

30Resposta á pregunta 12b do Guión-Marco.

31Resposta á pregunta 13a do Guión-Marco.

32Resposta á pregunta 13b do Guión-Marco.

33Resposta á pregunta 13c do Guión-Marco.

34Resposta á pregunta 13d do Guión-Marco.

35Resposta á pregunta 13e do Guión-Marco.

36Resposta á pregunta 13f do Guión-Marco.

37Resposta á pregunta 14a do Guión-Marco.

38Resposta á pregunta 14b do Guión-Marco.

39Resposta á pregunta 14c do Guión-Marco.

40Resposta á pregunta 15a do Guión-Marco.

41Resposta á pregunta 16a do Guión-Marco.

Primarias e Programa Participativo. Proposta de consenso