Saltar ao contido

Como presentarse ás Primarias

1. Requisitos para ser candidata/o

  1. Será elixible calquera persoa con residencia na Coruña que cumpra cos requisitos recollidos nos artigos 177 e 178 da Lei Orgánica 5/1985 do Réxime Electoral Xeral e cumpra ademais os seguintes requisitos imprescindíbeis:
    1. Ter asinado o Manifesto da Marea Atlántica, como compromiso de cumprimento dos seus obxectivos políticos.
    2. Manifestar por escrito un compromiso de cumprimento do Código Ético da Marea Atlántica.
    3. Estar en posesión dos avais que establece o presente Regulamento.
    4. Declaración xurada de non estar incursa en ningunha das causas de exclusión.
  2. O Órgano de Arbitraxe Electoral porá a disposición de toda a mareancia os formularios oficiais correspondentes, que deberán ser entregados en tempo e forma, unha vez cumprimentados, a través do correo electrónico primarias@mareatlantica.org ou presencialmente no local da Marea Atlántica en R/ Praza do Humor no 1– Baixo, entre o día 18 de xaneiro de 2019 ás 23.59 horas e as 23.59 horas do 3 de febreiro de 2019 en horario de 18:00 a 21.00 horas.
  3. A continuación, os formularios que é preciso presentar:

2. Compromisos que asume a persoa aspirante

  1. Xustificar documentalmente a súa residencia ou vinculación coa cidade da Coruña en polos menos seis meses dos últimos cinco anos. A única excepción a este requisito será a de persoas que non residan na Coruña pero que teñan plenos dereitos políticos na Marea Atlántica (entendendo por tales as persoas con dereito a participar na Rede) adquiridos ata un ano antes da convocatoria destas primarias.
  2. Abandonar os cargos orgánicos unipersoais e portavocías que ocupe no caso de ser escollida.
  3. Asinar un compromiso de cumprimento do Código Ético.
  4. Cumprimento estrito do presente Regulamento.

3. Criterios de exclusión

  1. Non posuirán a condición de elixíbeis as persoas que se atopen nalgunha das seguintes situacións:
    1. Ser representante pública nalgunha outra institución distinta do Concello da Coruña, agás o caso daquelas persoas que pola súa condición son deputadas provinciais na actualidade.
    2. Ter ostentado algún tipo de responsabilidade como representante pública por forzas políticas distintas á Marea Atlántica no Concello da Coruña.
    3. As persoas que tiveran sido electas en calquera momento en  candidaturas ao Congreso, Senado e Parlamento de Galicia ata a data de convocatoria de ditas primarias.
    4. As persoas que formasen parte de candidaturas distintas á da Marea Atlántica que concorresen ás eleccións municipais do mes de maio de 2015.
    5. As persoas imputadas por delitos relacionados con corrupción, prevaricación, tráfico de influencias, enriquecemento inxusto con recursos públicos ou privados,suborno e malversación e apropiación de fondos públicos, sexa por interese propio ou para favorecer a terceiras persoas.
    6. As persoas en situación de imputación xudicial por delitos de racismo, xenofobia, violencia de xénero, homofobia ou outros delitos ecolóxicos ou contra os dereitos humanos ou os dereitos das persoas traballadoras.
    7. En calquera caso, as persoas que se atopen nalgunha das situación que o código ético da Marea Atlántica contempla como causa de cese ou dimisión.
  2. Entenderase por imputación xudicial a existencia dunha resolución motivada onde un xuíz estime a existencia de indicios racionais de delito.

4. Avais

  1. Terán a condición de avalistas as persoas activas en grupos de traballo ou mareas e con plenos dereitos políticos na Marea Atlántica a día 18 de decembro, data de peche do censo de primarias e que non sexan parte de ningunha candidatura.
  2. Cada avalista poderá avalar a cinco persoas para a candidatura.
  3. Os avais deberán ser formalizados empregando o formulario oficial e entregaranse acompañados dunha fotocopia do DNI da persoa avalista.
  4. Correspóndelle ao Órgano de Arbitraxe Electoral a potestade de validar os avais entregados en tempo e forma e segundo se estabelece no presente Regulamento.
  5. No caso de que o Órgano de Arbitraxe Electoral detecte que unha mesma persoa avala máis de cinco persoas comunicarallo ao mesmo tempo que se fai pública a relación de candidaturas. A persoa avalista deberá subsanar o erro antes da proclamación definitiva.
  6. Para concorrer en calquera posto da lista, a persoa aspirante precisa de 5 avais.
  7. Os avais, así como toda a documentación entregada polas persoas candidatas, serán custodiados polo Órgano de Arbitraxe Electoral.

5. Compromisos asumidos pola Marea Atlántica coa persoa aspirante

  1. Trato igualitario na difusión da súa candidatura.
  2. Garantía de igualdade de oportunidades.
  3. Posta a disposición da persoa candidata de recursos telemáticos para a promoción da súa candidatura.
  4. Respecto pola intimidade da persoa candidata, difundindo só os datos que desexe publicar e os meramente obrigatorios.
  5. Posta a disposición da candidata/o dos respectivos formularios para a presentación de avais.

6. Características das candidaturas 

  1. As persoas que aspiren a encabezar a candidatura da Marea Atlántica ás eleccións municipais de 2019 presentarán candidaturas de 20 persoas, avaladas cada unha delas por 5 persoas, segundo o estabelecido no presente Regulamento.
  2. As listas serán, como mínimo, paritarias, procurando na medida do posible achegarse ao máximo legal permitido de 3 mulleres en cada tramo de 5 postos. Igualmente, a candidatura configurarase de tal xeito que dous homes non poderán ocupar posicións consecutivas na mesma, sempre tendo que ser un home precedido e sucedido por unha muller.
  3. A única excepción a esta norma sería que un home desexase encabezar a candidatura.
  4. Ningunha candidatura poderá empregar na súa denominación referencias directas ou indirectas a organizacións políticas formalmente constituídas.

7. Igualdade de xénero

  1. A lista resultante deberá, como mínimo, cumprir criterios de paridade (50%).
  2. No caso de que o resultado non sexa acorde ao principio da paridade total, o Órgano de Arbitraxe Electoral corrixirá a lista para facer cumprir tal principio, facendo pública a súa resolución.

Se tes algunha dúbida escribe a primarias@mareatlantica.org (Órgano de Abritraxe Electoral)