O candidato da Marea Atlántica presentou hoxe o seu programa electoral completo, no que a vivenda é unha prioridade absoluta
“Precisamos na Coruña un goberno valente, capaz de plantarlle cara á Xunta do PP e levar ao máximo as posibilidades da nova normativa, e iso só o garante a presenza da Marea Atlántica”, sinala Xan Xove
A mobilidade, a transición ecolóxica, a saúde mental, os coidados, o feminismo, a participación cidadá e o equilibrio entre os barrios son eixes centrais dun programa con máis de 500 medidas
O cabeza de lista da Marea Atlántica, Xan Xove, presentou hoxe o programa electoral completo da súa candidatura, e anunciou que aplicará a nova Lei de Vivenda na Coruña para incorporar ao planeamento urbanístico a obriga de que o 50% da reserva de vivenda protexida se destine a alugueiro a prezos asequibles. “Do mesmo xeito que na regulación do mercado do aluguer, temos a vontade de aproveitar ao máximo os mecanismos da normativa que se aprobou onte definitivamente. Tamén aplicaremos, por fin, o recargo do IBI ás vivendas baleiras, que xa fora aprobado por Xulio Ferreiro, pero non tivo ata agora marco normativo. Xa sabemos que o PP vai estar en contra e porá problemas desde a Xunta, por iso na Coruña precisamos un goberno valente, capaz de plantar cara, algo que só pode garantirse se está a Marea Atlántica”.
Xan Xove fixo este anuncio desde unha das parcelas municipais de Xuxán, onde ten a intención de facilitar a construción de 250 vivendas públicas en réxime de alugueiro social, nos 7.380 metros cadrados de solo dos que dispón o Concello. “50 destas vivendas corresponden ao edificio que xa debía ter comezado neste mandato, e que foi planificado por Xulio Ferreiro como parte do acordo que fixo posible resolver o desastre do edificio Conde Fenosa. E o resto, xurdirán dunha combinación de promoción directa por parte do concello e cesións a cooperativas sen ánimo de lucro. Temos recursos, temos solo e temos a obriga de facer todo o posible para resolver o problema da vivenda. Xusto o que Inés Rey non fixo en catro anos, por iso precisamos un novo escenario no goberno local a partir deste 28 de maio”, argumentou o candidato.
A vivenda é unha prioridade absoluta no programa da Marea Atlántica para os vindeiros catro anos, como non pode ser doutro xeito, dado o moito que se agravou o problema durante o mandato de Inés Rey. O alugueiro medio incrementouse un 25%, ata os 595 euros ao mes, o máis caro de Galicia, e os pisos turísticos duplicáronse, achegándose xa aos 900, sen que o PSOE fixese absolutamente nada para regulalos. “Será a Marea Atlántica a que lle poña freo ao crecemento descontrolado dos pisos turísticos, ao igual que crearemos un banco de vivendas en alugueiro para a mocidade e potenciaremos a rehabilitación para vivir, non para especular”, declarou Xove.
Doce medidas para un mandato
O programa, que xa foi desgranando durante os últimos meses, fai tamén fincapé na mobilidade, a transición enerxética xusta, a loita contra a emerxencia climática, o feminismo, a igualdade, os coidados, a saúde mental, a participación cidadá e o equilibrio territorial entre os barrios. Esta formado por máis de 500 medidas, todas elas realistas, meditadas e froito das ducias de encontros con entidades da Coruña.
“A Coruña pódeo todo, pero temos que escoller. Eu xa tomei unha decisión. Escollo A Coruña. Quero ser alcalde e arremangarme, á fronte dun goberno progresista, para traballar os próximos catro anos por unha cidade xusta, verde, feminista e democrática. Coñezo ben a miña cidade e quero continuar o que Xulio Ferreiro empezou”, sinala Xan Xove.
O documento completo pode consultarse xa na nosa web, pero estas son as doce medidas máis importantes para o vindeiro mandato.
- Facer do dereito á vivenda a máxima prioridade, despregando todas as ferramentas das que dispón o Concello para que A Coruña ofreza alugueiro asequible a todas as persoas que o precisen, e nomeadamente á xente moza.
- Aproveitar o remate da concesión da Compañía de Tranvías para crear unha empresa municipal de transporte que lidere o cambio cara a unha mobilidade eficiente, confiable, que conecte os barrios, intermodal, ecolóxica e con perspectiva metropolitana.
- Crear un servizo de saúde mental de proximidade, que ofreza atención dende os barrios nos centros cívicos para adolescentes, xente moza e as súas familias, e inclúa tamén prevención do acoso escolar e do suicidio xuvenil.
- Habilitar bonos de compra para os mercados e o pequeno comercio de alimentación dos barrios, para axudar a combater a alza dos prezos a aqueles fogares que non conseguen chegar a fin de mes.
- Recuperar o plan intensivo de mantemento e coidado dos barrios A Pé de Barrio, para atender as demandas de limpeza, recollida de lixo, reparación de mobiliario, pavimentos e conservación das zonas verdes.
- Impulsar proxectos piloto de redución do tempo de traballo, para abrir o debate sobre a semana laboral de catro días no sector público e no privado. O avance da tecnoloxía e a maior eficiencia dos procesos debe conducir a poder vivir mellor.
- Producir enerxía verde en instalacións municipais e converter a transición ecolóxica nunha oportunidade para o emprego nos eidos da instalación de enerxías renovables, a rehabilitación de vivenda, a rexeneración urbana, a eficiencia enerxética, a infraestrutura verde ou a economía dos residuos.
- Avanzar na cidade sen barreiras físicas nin teitos de cristal, reforzando as políticas de accesibilidade horizontal e vertical, a ampliación de beirarrúas ou a instalación de ascensores en vivendas.
- Apostar por menos discursos e máis recursos e destinar a políticas de igualdade de xénero o 1% do orzamento total do Concello.
- Traballar coa Autoridade Portuaria dende o goberno municipal para democratizar os usos dos peiraos, negociar con Puertos del Estado a condonación da débeda do porto e liderar dende o sector público a transformación do bordo litoral.
- Elaborar un novo PXOM para dotarnos dun urbanismo deste século ao servizo da cidadanía e resolver os grandes poblemas herdados dos anos noventa no Parque do Observatorio, a Maestranza, San Pedro de Visma, Percebeiras, Ría do Burgo ou a Torre de Hércules.
- Recuperar a radicalidade democrática a través dos rendementos de contas do goberno, e diversificar as vías de participación cidadá cos Orzamentos Participativos e as Propostas de Cidade.