Saltar ao contido

Iago Martínez: “A falta de empatía de Inés Rey é preocupante. Demostra que aprobar axudas para quen peor o está a pasar nesta crise non é unha das súas prioridades”

O edil de Facenda confirmou esta mañá que aínda teñen sen tramitar nin pagar axudas do ano pasado e segue a ofrecer unha cantidade “ridícula” para no novo plan de choque

Iago Martínez, vicevoceiro da Marea Atlántica, denuncia a “absoluta falta de avances no novo Presco” tras a Comisión de Facenda celebrada hoxe, na que o goberno local volveu presentarse sen cifras, sen propostas, e unicamente cun papel no que recollían, con erros, algunhas das propostas da oposición. Continúan a ocultar os datos sobre a situación económica do Concello, e só poñen sobre a mesa 3,6 millóns para renovar o plan de axudas, unha cantidade ridícula á vista da crise que estamos a vivir. “O único que ofrece para aumentala son recortes en Cultura, castigando de novo un sector vulnerable”, sinala Martínez. 

Lembramos que os 13,5 millóns destinados ao Presco 2020 foron de todo insuficientes, con axudas de importes escasos, moitas das cales seguen sen pagar ou sen tramitar nin sequera nestes momentos, tal e como confesou esta mañá o concelleiro de Facenda a preguntas da Marea Atlántica. A 16 de abril, case nin comezaron as negociacións para o plan de choque contra a pandemia en 2021, non temos orzamentos, nin convenios suficientes coas entidades do terceiro sector. Así, en palabras do noso vicevoceiro, demóstrase que “a falta de empatía de Inés Rey é preocupante, e que aprobar axudas para quen peor o está a pasar por mor da pandemia non é unha das súas prioridades”. 

Desde a Marea Atlántica esiximos coñecer a liquidación e o estado de execución do Orzamento, para poder reconducir fondos e destinalos ao programa de axudas. Polo que sabemos, en febreiro había varios millóns libres nas partidas de propaganda, publicidade e contratos de consultoría, ben prescindibles ante unha emerxencia social. 

Medidas para Rescatar A Coruña

Pola nosa banda, insistimos nas 5+1 liñas de actuación para rescatar A Coruña, centradas na inserción laboral, na protección dos sectores máis afectados polas restricións sanitarias, na Xustiza Social, os coidados e o dereito á vivenda. E na recuperación dos convenios rexeitados ilegalmente por Inés Rey

Este plan debería achegarse o máis posible aos 25 millóns de euros, aprendendo dos erros do ano pasado, axilizando a tramitación, e cunha perspectiva xusta, transformadora e eficiente. 

Lamentamos que non haxa avances por parte do goberno local para aprobar o novo Presco