Saltar ao contido

O novo plan de axudas está por baixo dos 6 millóns, menos da metade que o ano pasado, e non inclúe novas políticas nin responde ás necesidades reais da Coruña

Vivenda e emprego están ausentes deste borrador, mentres que a cultura e os dereitos sociais non reciben melloras de ningún tipo desde o ano pasado


A Marea Atlántica considera insuficiente, conservadora e pouco ambiciosa a proposta do goberno municipal para renovar o plan de axudas Presco para este ano 2021. “Inés Rey tardou cinco meses en facernos unha proposta concreta para o novo Presco, e chega cun documento que poderíamos ter debatido en xaneiro. Limítase a reproducir, en pequeno, as medidas do ano pasado, sen grandes cambios, pero quedará curto para atender os problemas da veciñanza”, segundo sinala María García, a nosa voceira municipal. 

O plan é insuficiente por estar dotado con tan só seis millóns de euros, menos da metade dos 13,5 millóns do ano pasado, e moi lonxe dos 25 millóns que consideramos necesarios para este 2021. Cómpre lembrar que o último Presco non chegou para atender todas as solicitudes de axudas, que seguen a pagarse a día de hoxe. Agora, coa crise a avanzar, seis millóns é unha cantidade que non está á altura das necesidades reais da xente da Coruña. 

Esta proposta para renovar o Presco é tamén conservadora, xa que se limita a reproducir os programas do ano pasado, case sen axustes para corrixir os erros detectados. Por exemplo os bonos ao consumo foron, certamente, das iniciativas que mellor funcionaron en 2020, pero precisaban unha reformulación en importes e facilidade de uso. 

Tamén entendemos que o goberno é pouco ambicioso porque non abre novas liñas de traballo para responder ás novas necesidades, nin se reforman medidas como a Renda Social Municipal, que precisa axustes para adaptarse ao novo contexto de crise. 

Nin emprego, nin vivenda

Hai dúas grandes áreas ausentes neste borrador do Presco 2021: a vivenda e a inserción laboral. A Marea Atlántica fixo, xa en abril, propostas concretas nestes ámbitos moi sensibles á situación económica, como a creación dunha liña e axudas directas á contratación, de ata 6.000 euros; a creación dunha bolsa de vivenda en alugueiro; e convenios coas ONG Provivenda e Housing First para as persoas sen fogar. Non foron tidas en conta. 

En canto aos convenios, tampouco se aproveita este plan de axudas para corrixir a cacicada da alcaldesa e recuperar os convenios vetados ilegalmente no Pleno do mes de febreiro —entre os que estaban Provivenda e Housing First—. As asociacións do terceiro sector precisan recursos para continuar facendo o seu labor, na primeira liña de acción contra a crise. 

Moi pobre en cultura e no eixo social

O impacto da Covid estase a traducir nun aumento da exclusión social e a desigualdade, pero este borrador de Presco case non ofrece respostas neste eido. Desde logo, é necesario reforzar programas como a Renda Social Municipal e o servizo de canguraxe, pero non abonda con quedar aí. 

Desde a Marea Atlántica propuxemos unha liña de axudas para pechar a fenda dixital, evitando que as persoas sen dispositivos electrónicos queden sen poder tratar coa administración. Poderíase financiar a compra de equipos e o acceso a internet e habilitar unha oficina para axudar cos trámites on-line a quen teña dificultades, pero non se fixo. 

Para rematar, a cultura, un dos sectores máis golpeados pola crise, está case desaparecida. Despois dun ano durísimo, a única proposta do goberno local son as mesmas medidas co mesmo orzamento que en 2020, e practicamente sen concretar. 

Lamentamos que o goberno tardase cinco meses en presentar un Presco insuficiente, conservador e pouco ambicioso