A proposta para as axudas á contratación é insuficiente: cremos que deben chegar a 6.000 euros para financiar contratos con salario digno e polo menos 6 meses de duración
O goberno rectifica e amosa inteción de recuperar os convenios vetados ilegalmente pola alcaldesa en febreiro: o terceiro sector está en primeira liña contra a crise e precisa axuda
A Marea Atlántica considera positivos os avances que, por fin, se están a producir na negociación dun novo plan de choque contra a crise derivada da pandemia na Coruña, e insta ao goberno local a reforzar as axudas á creación de emprego e ao sector cultural para pechar o acordo o antes posible. “Logo de meses sen avances e sen unha soa conversa, por fin podemos centrarnos no que lle preocupa á veciñanza: tratar de conter as consecuencias económicas da COVID19. Por fin hai pasos adiante, aínda que con lentitude e menos ambición que o ano pasado”, lembrou a nosa voceira, María García.
Na Comisión de Facenda celebrada hoxe para avanzar na aprobación do Presco, reclamamos unha maior dotación económica para as axudas á contratación, que agora mesmo só recibirían 150.000 euros no conxunto do Presco. Recóllese a nosa proposta, pero a contía é de tan só 1.000 euros por persoa beneficiaria e non se fixan garantías salariais nin de duración do contrato.
“A nosa iniciativa, que pensamos que debe recuperarse, eran axudas de 6.000 euros, con salario mínimo de 1.000 euros mensuais, a xornada completa e para contratos dun mínimo de seis meses. A proposta do goberno local corre o risco de quedar nalgo anecdótico, sen impacto real no emprego”, lembra María García. Nun momento de gran vulnerabilidade para a situación laboral de moitas persoas, as institucións non poden mirar cara outro lado.
Na mesma liña, lembramos a necesidade de axilizar a tramitación das axudas directas a persoas autónomas, pemes e micromepes para evitar que se repitan os erros da edición 2020, da que aínda quedan centos de persoas sen cobrar. Debería adiantarse o 98% do importe da axuda, tal e como permite a Ordenanza de Subvencións de Benestar, e non esixir a colocación de ningún cartel a cambio, unha medida estigmatizadora e rexeitada polos negocios. “A nosa man segue tendida para conseguir un plan de choque á altura das circuntancias e as necesidades da Coruña”, engade a nosa voceira.
Recuperación dos convenios
Na xuntanza da Comisión de Facenda, o goberno local amosou intención de emendar un grave erro e recuperar os convenios vetados ilegalmente no Pleno do mes de febreiro, desfacendo así unha cacidada. Trátase de máis de 340.000 euros que se destinarán directamente ás entidades do terceiro sector, para reforzar o seu labor na primeira liña de acción contra a crise.
As nosas emendas, que xa se deberían ter convertido en convenios en vigor, incrementaban a axuda a case 30 entidades sociais, deportivas e culturais da Coruña, que agora poderían contar co apoio que merecen. Trátase de colectivos como Provivenda ou Housing First, para atender o problema do senfogarismo; Clubtura, CUAC FM, Donaire ou a Asociación República Mardi Gras, para apoiar ao sector cultura; Espazoo Coop, dándolle pulo á economía social como alternativa de emprego, e organizacións como Viraventos, Ecos do Sur, RAIS ou Secretariado Xitano pola súa loita a prol da xustiza social.
Pedímoslle ao goberno celeridade para que estse convenios aprobados se fagan realidade e non se deixen caducar sen efecto, como ocorreu o ano pasado cos que lles correspondían á Asociación de Librarías da Coruña e a Clubtura, aprobados en xullo e nunca formalizados. Os prazos administrativos son xa moi xustos para chegar a finais de ano.
Recortes nas bolsas de creación cultural á cultura
Doutra banda, consideramos insuficiente a proposta para a convocatoria de axudas á creación cultural que se nos trasladou hoxe. Teñen algúns avances con respecto ao ano pasado en resposta ás nosas demandas, pero ven recortada a súa contía, tanto en xeral —pasan de 180.000 a 90.000 euros— como no máximo por proxecto —baixa de 5.000 a 3.000 euros—. Son importes que non financian todo o proceso de creación e nos que só se inclúen 600 de honorarios. E pese a iso, o Concello establece unhas condicións abusivas tanto sobre os dereitos de autoría como sobre as obrigas de publicitar que se recibiu unha axuda municipal.
Ademais, as bases presentadas polo goberno local exclúen, sen motivo, as modalidades de música, danza, creación dixital e investigación, entre outras, e contan con requisitos pouco razoables, como o de estar inscrito nunha serie de epígrafes concretos do IAE. A nosa proposta pasa por facilitar a súa tramitación e garantir que cheguen a máis persoas, admitir a todas as persoas que se dediquen á creación cultural e incorporar profesionais de recoñecido prestixio na comisión de valoración das solicitudes.