Saltar ao contido
Planta de Nostián

María García: “O prezo duplícase, a recollida complícase e o destino dos rechazos queda no aire. Isto non é un modelo de xestión de residuos, é un intento desesperado por aprobar algo antes das eleccións municipais”

O maior contrato do Concello, 334 millóns de euros en 17 anos, estase a tramitar atropeladamente tras tres anos e medio en branco

Tras unha primeira análise do anteproxecto do contrato da planta de Nostián, un documento de case mil páxinas que se aprobou onte por sorpresa e fóra da orde do día nunha Xunta de Goberno Local, a Marea Atlántica quere trasladar a súa preocupación polo alto grao de improvisación e a falta de reflexión e diálogo coa que se está a tratar un asunto tan serio coma a xestión de residuos na Coruña. 

Como sinala a nosa voceira municipal, María García, “vemos que o prezo se duplica, a recollida se complíca coa implantación dun novo contedor e o destino dos rechazos será o que queira a empresa concesionaria. Isto non é un modelo de xestión de residuos, é un movemento desesperado para aprobar algo, o que sexa, antes de que remate o mandato”. 

María García advirte de que “non se pode tratar así o maior contrato do Concello da Coruña, que vai durar 17 anos, custará 337 millóns de euros e que xestiona un servizo esencial para a cidade”. Xa a semana pasada, o estudo de viabilidade aprobado auguraba problemas, un estudo ao que presentaremos alegacións 

Tres anos e medio en branco e unha situación desastrosa

O contrato leva tres anos e medio caducado, funcionando en prórroga forzosa, e que chegamos a este momento coa plantilla en folga, o vertedoiro sen selar, unha empresa que cobrou millóns de euros irregularmente sen que o Concello llos reclame e tendo no aire a relación cos Concellos do Consorcio das Mariñas, que coñece pola prensa esta fase do proxecto a pesar de ser usuarios de Nostián.

E, como lembra a nosa portavoz, chegamos a este punto despois de que o goberno de Inés Rey desbotase o traballo realizado no pasado mandato, cuns pregos  practicamente listos para licitar.

Tampouco é unha boa nova a obriga que impón o goberno central de que se opte definitivamente polo modelo de cinco contedores. Introdúcese un contedor amarelo para os envases lixeiros que ocupa espazo na rúa e non mellora os resultados de reciclaxe. En 2017, Nostián recuperou 62 kg de envases por habitante fronte aos 21 da media galega en Sogama, a planta da Xunta, que usa cinco contedores. 

Este cambio concreto vén obrigado pola normativa estatal, pero é de lamentar que A Coruña non se fixese escoitar na defensa do modelo actual de Nostián, a separacion húmido-seco ou tamen denominada orgánico-inorgánico, de demostrada eficacia cando non se esquece a promoción da reciclaxe e a xestión ambiental.

“Levamos tres anos e medio advertindo do perigo de desentenderse da xestión ambiental no Concello. E agora pódese ver claramente que sae moi caro”, afirma María García. “Neste mandato, A Coruña retrocedeu en materia de residuos, calidade das augas, natureza urbana e mesmo en enerxía. Deixamos o século XXI e volvemos ao XX”. 

A Marea Atlántica amosa a súa preocupación pola tramitación improvisada do novo contrato de Nostián