Prado deixou o cargo de director do festival de cómic tras 25 anos, denunciando a falta de apoio por parte do goberno local
O Viñetas desde o Atlántico fixo da Coruña un referente do mundo local e apoiou a varias xeracións de autores e autoras. Debe garantirse a súa continuidade
A Marea Atlántica reclamarémoslle ao goberno, no Pleno do 13 de abril, unha explicación tras a dimisión de Miguelanxo Prado quen dimitiu como director do Viñetas desde o Atlántico tras 25 anos á fronte do festival da historieta, e deixou claro que marchaba pola falta de apoio do Concello. Por que non se lle deron ao Viñetas os recursos necesarios para garantir a súa continuidade? Está en perigo a celebración da 26ª edición este mes de agosto?
Xan Xove, en nome de toda a Marea Atlántica, agradeceulle a Miguelanxo Prado “estes 25 anos de traballo e compromiso, e a creación dun festival do cómic na Coruña que se converteu nunha referencia tanto para os profesionais do sector coma para a veciñanza da Coruña”. E lembrou que “cada euro investido no Viñetas é dez veces máis beneficioso para o tecido cultural da Coruña que os millóns que se destinan a grandes eventos que pasan nun día”.
Grazas ao Viñetas temos unha xeración de artistas que están publicando no mercado internacional, mesmo noutros medios. Alberto Vázquez, coruñés que acaba de gañar o Goya á mellor película de animación, vén do mundo co cómic.
Para evitar que situacións coma esta se repitan, e para tentar que o Viñetas continúe por 25 anos máis e os que veñan, Xove comprometeuse a recuperar a Concellería de Cultura e a traballar man a man co sector, cando a Marea Atlántica estea de volta no goberno, a partir de maio.