A empresa Serviplus Total débelle á súa plantilla parte do salario desde xaneiro de 2021, mantendo en precario os servizos complementarios das instalacións deportivas
A Marea Atlántica rexistrou unha pregunta de resposta oral cara o vindeiro Pleno , destinada a coñecer cando pensa o goberno local tomar medidas para que o persoal de conserxería e servizos complementarios das instalacións deportivas municipais cobre a parte das nóminas que se lles adebedan desde xaneiro de 2021. A empresa concesionaria deste contrato municipal, Serviplus Total SL está a incumprir sistematicamente as condicións dos pregos, acumula atrasos nos salarios e négase a actualizalos ao IPC de 2022.
Un representante do cadro de persoal deste servizo xa o denunciou desde o escano cidadán no Pleno do 5 de maio, sen que as promesas de mediación por parte do goberno local se traducisen en resultados concretos. Segundo informou a área de Deportes, chegou a remitírselle un requirimento a Serviplus Total para que cumpra a legalidade, pero non trascendeu o resultado das xestións, nin percibiron cambio algún os traballadores e traballadoras.
Como sinala a concelleira Claudia Delso, “a empresa está a facer un descolgue salarial que incumpre as condicións do contrato, e suponlle aumentar o seu beneficio a cambio de quitarlle poder adquisitivo á súa plantilla. Hai probas de sobra, e base legal para actuar, pero o goberno local non está a ser quen de facelo”.
Renovar o contrato con maiores garantías
O contrato de servizos complementarios das instalacións deportivas municipais remata, ademais, en xaneiro de 2023. E prorrogalo nas actuais condicións resultaría moi desaconsellable, polo que instamos ao executivo local a preparar xa os novos pregos, blindando as garantías laborais. As concesións públicas sempre deben ser exemplo de emprego de calidade, e máis no actual contexto de crise.
En xaneiro de 2021 tiveramos un encontro cos traballadores de Serviplus, quen xa daquela denunciaban irregularidades. Porén, nestes 16 meses o goberno local non fixo nada para corrixir a situación, e as irregularidades continuaron acumulándose. É grave, porque os contratos públicos deberan ser un exemplo de emprego de calidade, non de abusos laborais.