Iniciativas coma a exposición de Peter Lindbergh ou concertos celebrados nos últimos meses deixan claro que non é preciso adquirir solo para abrir os peiraos a un uso público
Os fondos municipais serán moito máis útiles nos barrios para paliar o déficit de investimento neste mandato
O grupo da Marea Atlántica preguntará, no Pleno ordinario do mes de xaneiro, este xoves, se o goberno local aínda considera necesario hipotecar 20 millóns de euros para mercar nos peiraos interiores uns terreos que xa son públicos. Trátase dunha operación contraria aos intereses municipais, pois actividades coma a exposición de Peter Lindbergh e os concertos organizados nos últimos meses deixan claro que non é preciso adquirir solo para que o porto teña usos abertos ao público.
Faise evidente que se as iniciativas privadas teñen cabida nos peiraos sen mudar a titularidade dos terreos, o mesmo pode ocorrer para os usos que promovan o Concello da Coruña ou a propia cidadanía. Ademais, este investimento de 20 millóns ataría o orzamento municipal durante varios anos e cubriría só o 6,6% do préstamo abusivo que Puertos del Estado pretende cobrar íntegro. A única solución realista é a que se aplicou en Valencia cunha débeda que duplicaba á coruñesa: a condonación.
Desde a Marea Atlántica defenderemos que eses 20 millóns de euros estarían moito mellor investidos nos barrios, especialmente en aqueles que están máis afastados do centro e que están a recibir menos atención no actual mandato.
Resposta á fenda dixital
Doutra banda, o noso grupo preguntará polas medidas postas en marcha polo goberno local para paliar a fenda dixital e os problemas no acceso telemático aos servizos municipais. O uso da administración electrónica aumentou por mor da pandemia, pero moitas persoas sen acceso a internet, por motivos de idade ou falta de recursos, están a quedar fóra. Dende o Concello é necesario actuar contra esta desigualdade.