Saltar ao contido
Software Libre

Preguntaremos no Pleno pola implicación do goberno municipal na Cidade das TIC

Pedímoslle que participe de xeito activo na posta en marcha do que pode ser un polo de innovación e emprego na Coruña

Apoiamos a proposta das startups locais para a creación dunha lanzadeira de empresas tecnolóxicas emerxentes vinculada aos terreos da antiga fábrica de armas

A Marea Atlántica rexistrou unha pregunta de resposta oral no vindeiro Pleno, o xoves 10 de marzo, para coñecer que xestións fixo o goberno local para promover a posta en marcha da da Cidade das TIC nos terreos da antiga fábrica de armas. “Estamos ante un proxecto que está chamado a converterse nun polo de emprego e innovación na Coruña, ante o que o Concello non pode permanecer pasivo ante unha oportunidade coma esta”, segundo sinala o concelleiro Alberto Lema.

Hai poucos días que o reitor da Univeridade da Coruña, Julio Abalde, anunciou que están xa moi próximas a adxudicarse as obras do que será o primeiro edificio da Cidade das TIC, o Centro de Servizos Avanzados. O proxecto avanza e o goberno local debería ter iniciativa á hora de definir os usos deste espazo e a súa integración na cidade. 

A Coruña concentra o 55% do emprego tecnolóxico en Galicia

Neste sentido, lembramos a proposta que están a promover unha vintena de startups coruñesas, para crear unha lanzadeira de empresas tecnolóxicas emerxentes, vinculada a Cidade das TIC, que facilite o emprendemento, cree emprego de calidade e reforce o papel da Coruña como referente do sector tecnolóxico en Galicia. 

Tras unha xuntanza cos impulsores do proxecto, desde a Marea Atlántica reiteramos o noso apoio á idea, que xa foi incorporada ao acordo que asinamos co PSOE para a aprobación dos Orzamentos 2022, dotada con 350.000 euros. Na nosa cidade operan xa con máis de 500 empresas vinculadas á tecnoloxía, que concentran 55% do emprego deste sector en Galicia, polo que unha lanzadeira deste tipo consolidaría o liderado.