Desde a súa apertura temporal en 2019, o histórico edificio está pechado e acumulando un deterioro que requirirá un forte investimento para rehabilitalo
O grupo municipal da Marea Atlántica rexistrou unha pregunta de resposta oral no vindeiro Pleno ordinario, este xoves 10 de marzo, para coñecer cales son as previsións do goberno municipal sobre a cesión do antigo cárcere da Torre ao Concello da Coruña. O edificio, de gran valor histórico e patrimonial, leva sen uso e sometido a un constante deterioro desde que en 2019, no mandato de Xulio Ferreiro, conseguiuse a súa apertura temporal. Todas as promesas dunha solución rápida quedaron estancadas, e descoñécese en que estado se atopan agora mesmo as negociacións.
Desde 2020, a responsable do mantemento da antiga prisión é a Sociedade de Infraestruturas e Equipamentos Penitenciarios, dependente do Ministerio do Interior, que está a faltar por completo ao seu deber de conservar o edificio. Resulta complicado calcular nestes momentos a canto ascendería a rehabilitación, pero sen dúbida serán varios millóns de euros que o Estado non parece disposto a asumir. Límitase a reclamar que o Concello pague os 1,2 millóns de euros cos que Francisco Vázquez comprometeu á cidade nunha das súas moitas malas decisións. É unha mostra máis, coma o porto ou a Maestranza, de que os ministerios só pensan na Coruña para facer caixa.
Cómpre lembrar, ademais, que a apertura do cárcere en 2019 levou a unha denuncia inxusta do PP contra a concelleira Claudia Delso, que foi arquivada sen cargos, pero que a levou a ter que declarar no xulgado en plena campaña electoral. Un uso fraudulento dos tribunais.
Que ocorre con Bicicoruña?
Neste Pleno tamén preguntaremos polos plans do goberno local para a renovación do servizo de Bicicoruña, con novas estacións e bicicletas eléctricas. É unha iniciativa do pasado mandato, financiada con fondos europeos EIDUS, que leva tempo sen avances.