Os terreos de Calvo Sotelo e Batería están taxados oficialmente a 142,38 euros o metro cadrado, pero o PSOE e o PP pretenden adquirilos a máis de 360 euros
María García: “Se xa é absurdo pagar por solo público, pagar o triplo do prezo oficial é unha tomadura de pelo. A solución é deixar o mercadeo e liberar A Coruña da inxusta débeda portuaria”
O grupo municipal da Marea Atlántica rexistrou unha pregunta oral para o vindeiro Pleno, o 7 de outubro, pedíndolle a Inés Rey que explique por que está disposta a pagar polos peiraos do centro tres veces o prezo que o propio Estado fixa para eses terreos públicos. Así, o BOE do 20 de setembro publicou a valoración oficial do solo portuario da Coruña, e estableceu para a zona de Batería e Calvo Sotelo un prezo de 142,38 euros por metro cadrado. Porén, o que os gobernos local e autonómico están dispostos a aboar por eles multiplica por tres esa cifra, segundo os acordos que están a trasladar publicamente.
Como sinala a nosa voceira, María García, “se xa é absurdo pagar por uns terreos que xa son públicos, pagar o triplo do valor oficial é unha tomadura de pelo. A solución é amosar firmeza diante do Estado, que se comporta coma se fose un banco ou unha inmobiliaria, deixar o mercadeo e traballar nunha alianza ampla, política e social, para liberar A Coruña da inxusta hipoteca da débeda portuaria”.
A cifra que se repìte unha e outra vez nos encontros entre administracións é que o Concello da Coruña, a Xunta e a Autoridade Portuaria repartirán o pago de case 20 millóns de euros, mentres o Estado non fai nada e se limita a cobrar a enorme débeda creada polas obras do Porto Exterior. Nunca chegan a aclarar cantos metros cadrados de solo público “mercarían”. Neste sentido, preguntámoslle ao goberno, cantos m2 de superficie corresponde coa valoración de 19,8 millóns estimados para os peiraos de Batería e Calvo Sotelo,e baixo que criterios se decidiu.
En calquera caso, os cálculos que poden facerse son claros. Se consideramos a superficie neta sinalada no PXOM, estamos a falar de 64.397,89 m2, polo que os terreos mercaríanse a 308,28 €/m2, o dobre do seu valor oficial. Pero se temos en conta os terreos que se poden desafectar (é dicir, aqueles que poden deixar de ser dominio público portuario para se converter en solo urbano), temos só 54.533,60 m2 dispoñibles, polo que o seu prezo chega a uns esaxerados 364,05 €/m2, o triplo do que se calcula que valen. Polo tanto, pedirémoslle á alcaldesa que aclare estas cuestións no Pleno, que se deixe de pelexar con Feijóo a ver quen sae máis grande na foto, e que se preocupe de defender os intereses da cidadanía da Coruña.
A débeda, un negocio redondo para Puertos del Estado
O certo é que non hai futuro para o bordo litoral da Coruña mentres non se elimine a débeda portuaria, que acada niveis de usura. Como xa temos denunciado no Pleno en numerosas iniciativas, aprobadas por unanimidade, o préstamo de 200 millóns co que Puertos del Estado hipoteca a fachada marítima da cidade ten uns intereses esaxerados, trece veces superiores aos que reclama o Banco Europeo de Investimentos.
O resultado é que no ano 2020, o 96% dos ingresos financeiros de Puertos del Estado chegan da Coruña: 3,5 millóns de euros só o ano pasado, 40 millóns desde 2011. Todo en intereses, sen amortizar aínda nin un céntimo. E mentres a Valencia se lle perdoou unha débeda o dobre de grande, de 400 millóns de euros. Con pouco máis da décima parte do que se ía gastar en ampliar o aeroporto de El Prat, xa abonda para levantar a hipoteca coruñesa. Pode facerse, pero o Estado prefire seguir cobrando.
É de sentido común que esta situación é inxusta, e que non ten lóxica ningunha que A Coruña teña que vender o seu litoral para pagar unha obra de interese xeral como é o porto exterior. E así se denuncia unha e outra vez en mocións e iniciativas plenarias, aprobadas por unanimidade, pero PP e PSOE esquecen defender o sentido común en canto entran nun despacho a negociar. Aínda non é tarde para que o goberno de Inés Rey cambie de actitude e pase a defender o interese xeral.