Tanto na resposta escrita a unha pregunta de Pleno da Marea Atlántica, como nas xuntanzas cos sindicatos e o Consorcio das Mariñas, o goberno asegurou que ou non había documentación ou estaba ‘verde’. É falso.
“Ofrecemos a nosa colaboración para resolver dúbidas e avanzar no proceso”, insistiu a voceira da Marea Atlántica
A voceira municipal da Marea Atlántica, María García, amosou hoxe a existencia dos pregos do novo contrato para a xestión da planta de tratamento de residuos de Nostián, tal e como os deixou o goberno da Marea Atlántica. “Non é certo que non existiran, como afirmou o goberno do PSOE ante os alcaldes do Consorcio das Mariñas e os sindicatos, e como nos trasladou a nós na resposta a unha pregunta escrita do Pleno de setembro”, explicou García, para engadir que “o novo executivo está no seu dereito de revisar e mudar o proxecto no que considere, pero que o diga claramente en lugar de repartir culpas fóra, porque cada vez que lle preguntan contestan algo diferente, un día non atopan os documentos, e outro día están moi avanzados”.
Despois de presentar os pregos na Comisión de Medio Ambiente, celebrada hoxe, a voceira da Marea Atlántica sinalou que “se o goberno local aproveita o traballo feito en lugar de inventar escusas, pode comezar xa a licitación do contrato. Eran coñecedores da situación porque fixemos un traspaso de poderes leal e honesto, ao igual que os sindicatos e o Consorcio das Mariñas sabían perfectamente que estes pregos existen, e que non están ‘verdes’, como declarou a alcaldesa tras reunirse con eles. Existen e se non están rematados non é culpa da Marea Atlántica”.
“Ofrecemos toda a nosa colaboración para avanzar no novo contrato de Nostián, resolver dúbidas e explicar as nosas decisións, pero o que non imos tolerar é que digan que non fixemos o noso traballo”, afirmou María Garcia. Lembrou que a concesión remata o 31 de decembro.
Este proxecto inclúe melloras tecnolóxicas da planta de Nostián na xestión dos rexeites, por valor de 42 millóns de euros, que evitarán o problema de acumulación de residuos como se viviu nos últimos meses, e permitirán afondar nun modelo que xa está consolidado. En 2018, a planta mellorou un 26% a recuperación de envases e obtivo por ela uns ingresos de 8 millóns de euros, cifras que medrarán aínda máis co novo contrato. Tamén mellorará a calidade do compost, reducindo a porcentaxe de rexeites.
Tamén se incorporan aos pregos cláusulas sociais e protexen os postos de traballo, con garantías para o cadro de persoal, que hoxe se atopa en situación de incerteza.
Desde 2011, o Concello pagaba 3,3 millóns de máis ao ano
Do mesmo xeito, os novos pregos engaden melloras no control e na capacidade de sanción á empresa concesionaria, “para evitar que pasen cousas como os 3,3 millóns de euros de máis que o Concello lle estaba a pagar a Albada desde 2011 de xeito innecesario, tal e como confirma a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que coñecemos hoxe”, argumenta María García .
A documentación que se lle entregou ao novo goberno en xuño e que foi recuperada hoxe por María García inclúe o borrador dos pregos técnicos e administrativos “xa moi avanzados e traballados conxuntamente co Consorcio das Mariñas, con quen se asinou xa un convenio de contratación conxunta”. Tamén están elaborados o anteproxecto técnico para a planta de residuos de Nostián, o informe de análises da estrutura de custos, informe previo de xustificación urbanística, as consultas a organismos competentes, estudo de viabilidade técnica e económica da concesión, informe sobre a recuperación do investimento e o acordo cos axentes sociais para incluír cláusulas sociais e garantir o mantemento do emprego. Todos estes documentos están recollidos no expediente 541/2018/1806.