“Nestes anos fixemos moito, pero o noso proxecto non cabe nun só mandato. Por iso pido apoio para continualo a partir de 2019”, explicou Ferreiro
O precandidato comprométese a manter polo menos tres reunións coa mareancia, nas que ter en conta todas as sensibilidades no deseño da súa candidatura
Na Rede celebrada onte, na sede da Sociedade Deportiva Ciudad Jardín, Xulio Ferreiro confirmou o seu desexo de repetir como cabeza de lista da Marea Atlántica nas eleccións municipais de 2019 e presentou a súa precandidatura ás primarias. Tamén solicitou o apoio da organización para escoller o equipo que o acompañará, someténdose ao proceso participativo interno, unha innovación recomendada no novo regulamento de primarias.
“Hai catro anos aceptei o mandato para encabezar a lista da Marea Atlántica, coa que gaña,os o goberno municipal da Coruña. Desde María Pita, puxemos a cidade no bo camiño, e sen casarnos con poderes fácticos, sen clientelismos. Aumentamos o investimento social, somos referente en moitas políticas para as persoas, abordamos as necesidades máis urxentes da veciñanza e abrimos as portas para que a praza entrase no pazo. Deixamos a pel, e así será até o último día. Pero o noso proxecto non cabe nun só mandato, por iso quero continuar despois de 2019, para redobrar o traballo e a ilusión”, declarou Ferreiro.
“Pido de novo o voso apoio para seguir adiante. Desde hoxe, esforzareime por chegar a todos os rincóns da Marea Atlántica para facer unha candidatura co máximo consenso”, finalizou. Comeza así o traballo para a elaboración dunha lista completa de 20 persoas.
Encontros coa mareancia
Deste xeito, Xulio Ferreiro comprométese a manter un mínimo de tres reunións, abertas a todas as persoas asinantes do manifesto, nas que recoller ideas, nomes, perfís e experiencias que deberan estar presentes na súa candidatura. Deste xeito, procúrase que todas as voces e sensibilidades dentro da Marea Atlántica estean representadas.
Pola súa banda, a organización pon ao seu dispor, como ao de calquera outra precandidatura, os seus recursos de comunicación e facilitación, así como o local, para celebrar estas xuntanzas e difundir información sobre as mesmas.
Seguintes pasos nas primarias
O prazo para a presentación de precandidaturas está aberto ata o 3 de febreiro, e as listas completas deberán darse a coñecer antes do día 7. A campaña electoral desenvolverase do 8 ao 14 de febreiro.
As votacións serán entre as 10h do 15 de febreiro e as 22.00h do 17 de febreiro. Realizaranse preferiblemente de maneira presencial, aínda que poderá solicitarse a vía telemática nos días previos. Poderá votar calquera persoa maior de 16 anos, asinante do manifesto da Marea Atlántica e que residira na Coruña polo menos 6 meses durante os últimos 5 anos. O voto farase por listas completas.
Nesta Rede tamén foi designado o Órgano de Arbitraxe, composto por tres persoas, que velará polo correcto desenvolvemento das primarias, e conformouse o equipo que impulsará a redacción do programa participativo da Marea Atlántica para as municipais de 2019.