Saltar ao contido

María García: “Hoxe levamos unha proposta política pola condonación da débeda, a conexión ferroviaria a Punta Langosteira e a fin da especulación nos peiraos interiores á Comisión do Bordo Litoral, que presidimos. PP e PSOE non quixeron nin que se debatese”

Este preocupante cambio de rumbo chega un día despois de saber que o novo presidente da Autoridade Portuaria será Martín Fernandez Prado, do PP, responsable de intentar vender os terreos da Solana e director xeral de Urbanismo na Xunta cando se asinaron os polémicos convenios de 2004

A voceira da Marea Atlántica e presidenta da Comisión Especial do Bordo Litoral, María García, levou hoxe á reunion deste organismo unha proposta de acordo político na que se reclamaba a condonación da débeda da Autoridade Portuaria, o impulso conexión ferroviaria a Punta Langosteira e un compromiso contra a especulación nos peiraos interiores no que se recuperaban os consensos acadados durante o pasado mandato. Foi rexeitado por PP e PSOE, co único argumento de que “hoxe non toca”  desde unha interpretación moi restritiva do regulamento municipal.

“Preguntámonos cal é o problema en aprobar isto, por que PSOE e PP non queren falar do futuro do Porto. Nin nesta comisión, que se creou para isto, nin no Pleno Extraordinario que debería terse convocado en outubro, nin en ningures. O PSOE nin sequera fixo emendas aos Orzamentos Xerais do Estado para incluír a condonación da débeda ou o tren de Punta Langosteira. Teñen outro plan?” sinalou María García.

 

A concelleria engadiu que “esta é unha oportunidade de que A Coruña mellore a súa mobilidade, a súa falta de espazos libres, a conexión dos barrios co mar e a aposta pola economía limpa, vinculada á pesca e ao mar. E non entendemos que todo iso se poña en risco por non condonar unha débeda que si se condona en Valencia. Non entendemos que o plan sexa seguir construíndo hoteis, oficinas e vivendas, como está previsto nos convenios de 2004”.

O rotulador vermello de Fernández Prado

O bloqueo chega, ademais, despois de coñecerse que o concelleiro do PP, Martín Fernández Prado, será o novo presidente da Autoridade Portuaria da Coruña en substución de Enrique Losada. Noméao Feijóo no Consello da Xunta, co acordo de Puertos del Estado.

Só podemos velo como unha mala noticia, pois, tal e como lembra a nosa voceira, “Fernández Prado mudou a titularidade dos terreos da Solana de ‘pública’ a ‘privada’ cun rotulador vermello, abrindo a porta á especulación, ata que o parou o goberno de Xulio Ferreiro. Como concelleiro de Urbanismo  de Carlos Negreira aprobou o PXOM de 2013. Como director xeral de Urbanismo da Xunta de Galicia, impulsou os convenios de 2004. A súa traxectoria non convida ao optimismo”.

 

Hai xa un pacto para vender os peiraos?

María García pediulles ao PP e ao PSOE que digan, claramente, se teñen xa un pacto para permitir a especulación nos 450.000 metros cadrados que forman os peiraos interiores. “Que o digan, porque nos terán enfronte, coma en Percebeiras e en todas as operacións que procuren unha volta aos tempos do pelotazo. Nós seguiremos a defender o mesmo que reclamaron 5.000 persoas na manifestación de maio de 2017: que A Coruña ten que gañar o seu porto”.

Os termos da proposta política que presentamos hoxe (condonación da débeda, conexión ferroviaria e titularidade e xestión públicas dos terreos portuarios) non son nada que non se aprobase xa no Parlamento de Galicia, a Deputación da Coruña e no propio Concello, en varias ocasións desde 2017. Pero agora PP e PSOE non queren renovar o acordo, nun cambio de rumbo preocupante. Rompen o consenso.

 

Presenza das entidades veciñais

Na Comisión do Bordo Litoral participaron representantes das asociacións veciñais do Castrillon, Os Castros e O Birloque-San Cristovo das Viñas, convidados persoalmente pola presidenta. Quixemos que asistisen ao debate para fomentar a participación cidadá na decisión sobre o futuro dos terreos portuarios.

“O goberno municipal tentou que hoxe non houbese representantes veciñais, pero nós considerámolo fundamental. Non imos permitir que o deseño do futoro borde litoral, clave para A Coruña, quede secuestrado en reunións de despacho. Xa sabemos cara onde conducen ese tipo de prácticas”, sinalou María García.

PP e PSOE rompen o consenso en torno á cuestión portuaria e evitan defender a titularidade pública dos peiraos e reclamar a condonación da débeda