Saltar ao contido

O Estado ten que implicarse para protexer o bordo litoral da Coruña da especulación, como está previsto facer en Valencia

É fundamental, tamén, investir na conexión ferroviaria do Porto Exterior, sen a que esta obra de interese xeral terá graves problemas de viabilidade

A Marea Atlántica quere lembrarlle ao Goberno do Estado a necesidade de condonar a xigantesca débeda da Autoridade Portuaria da Coruña, como está previsto facer en Valencia, para liberar os peiraos interiores da sombra da especulación inmobiliaria. “Nos últimos anos o Concello da Coruña, a Deputación provincial, o Parlamento de Galica, o Congreso dos Deputados e máis de 5.000 persoas na rúa pediron, a iniciativa da Marea Atlántica, que a cidade recuperase o seu bordo litoral cun proxecto liderado polos poderes públicos e ao servizo do ben común, non do sector inmobiliario”, lembra a nosa voceira no Concello, María García. 

A portavoz da Marea Atlántica sae ao paso das declaracións, informacións e informes que nas últimas semanas volven poñer de actualidade esta cuestión, e lembra tamén a necesidade de financiar a conexión ferroviaria ao porto exterior de Punta Langosteira, decisiva para o futuro desta nova dársena. Pois se o porto exterior non funciona a pleno rendemento, será imposible liberar os peiraos interiores. Trátase dunha infraestrutura considerada de interese xeral polo Estado, pero da que o propio Estado intenta desentenderse. Neste punto non se percibiu ningún cambio na última década, a pesar dos distintos gobernos. 

Consenso e respaldo cidadán para gañar o porto

Nos últimos anos foi perdendo apoios o plan trazado en 2004 por Aznar, Feijóo e Francisco Vázquez para facer caixa co bordo litoral da Coruña, convertendo os peiraos de Batería, Calvo Sotelo e San Diego nun taboleiro de Monopoly no que construír vivenda de luxo. O sentido común demanda hoxe outra cousa, nunha cidade con 20.000 vivendas baleiras, pero semella que desde o PSOE coruñés e os seus tradicionais aliados revive a tentación de recuperar ese vello modelo do pelotazo. Desde a Marea Atlántica non deixaremos de combatelo e denuncialo. 

Cómpre recuperar o consenso que xa foi capaz de unir ás institucións autonómicas, provinciais e municipais en varias ocasións desde 2015:

  • Condonación da débeda da Autoridade Portuaria ou compensacións económicas equivalentes.
  • Revisión dos convenios urbanísticos de 2004, pensados para a especulación inmobiliaria, e sinatura dun novo protocolo que substitúa ao asinado pola Xunta e o goberno de Rajoy.
  • Titularidade pública dos terreos e creación dun consorcio público que xestione os peiraos interiores, cando queden sen uso polo traslado da actividade ao Porto Exterior.
  • Impulso dun proxecto innovador, participado e social e ambientalmente xusto
  • Financiamento e licitación da conexión ferroviaria de Punta Langosteira, fundamental para a súa viabilidade.

A Marea Atlántica lembra a necesidade de condonar a débeda do porto para que A Coruña recupere os peiraos interiores