Saltar ao contido

A formación municipalista cre que na cuestión portuaria non caben abstencións e lamenta a falta dunha voz alta e clara en María Pita en defensa do común

Esixe ás administracións implicadas que fagan públicos os documentos e garantan a máxima apertura dos procesos de participación e decisión

O futuro dos peiraos interiores da Coruña volve debaterse a porta pechada e a Marea Atlántica non está disposta a ser cómplice. Ante as informacións xornalísticas que nos últimos días daban conta dos plans que o Concello da Coruña, a Xunta de Galicia e o Goberno do Estado están a elaborar para o bordo litoral da cidade, e nos que semella contemplarse de novo a venda de solo para financiar a débeda da Autoridade Porturia, a formación municipalista manifesta o seu rexeitamento a calquera proxecto que implique a privatización de terreos de titularidade pública. “Non hai arquitecto de prestixio nin edificio emblemático que xustifique a subasta do litoral da Coruña”, indica a súa Coordinadora.

Para a Marea Atlántica, a renuncia á condonación da débeda e a restauración parcial da fórmula privatizadora dos convenios de 2004 supoñen unha ruptura dos consensos forxados na etapa de Xulio Ferreiro como alcalde, cando milleiros de persoas saíron á rúa e se multiplicaron espazos de participación e deliberación como o Foro Tecendo Litoral. “Todas as forzas políticas se comprometeron daquela a asegurar a titularidade pública dos terreos e a constitución dun consorcio, tamén público, para planificar e liderar a transformación dos peiraos. Quen mudase de parecer, que o diga e o explique. A cidadanía ten dereito a saber se os partidos polos que votou teñen pensado facer algo radicalmente distinto do que prometeron na última campaña electoral”, argumenta a formación, que lamenta tamén a falta dunha voz alta e clara en María Pita en defensa do común.

Un debate sen transparencia

A tal hora, o debate está fanado pola falta de transparencia. O que se sabe, sábese a través de filtracións interesadas do goberno municipal. A cidadanía non ten xeito ningún de formarse a súa propia opinión. Á vista de que ningún dos partidos presentes na comisión Coruña Marítima –todos os que integran a Corporación municipal– parece ter intención de cuestionar esta maneira de proceder, a Marea Atlántica esixe ás administracións que fagan públicos de inmediato os documentos que se están a manexar, tanto os relacionados coas liñas estratéxicas do proxecto como os que teñen que ver cos eventuais convenios ou as bases do anunciado concurso internacional.

A respecto desta última iniciativa, a convocatoria dun concurso restrinxido a cinco firmas de ámbito global, a formación municipalista denuncia o paso atrás que suporía con respecto ao celebrado no marco do Foro Tecendo Litoral e insta o goberno local a rectificar, garantindo un concurso aberto, dotado cun xurado plural e non condicionado por decisións tomadas por adiantado de costas á cidadanía. “De nada serve que no Concello se lle estea a dar continuidade simbolicamente á comisión plenaria creada en 2019 a iniciativa da Marea Atlántica”, recorda a Coordinadora, “se agora se exclúen todas as voces da cidade, expertas e non expertas, para que acabe impoñéndose un proxecto que podería estar en calquera outro lugar do planeta”.

A Marea Atlántica rexeita calquera proxecto para os peiraos que supoña a privatización de solo público