Saltar ao contido

A Marea Atlántica decidiu onte concorrer en solitario ás eleccións e comezar a traballar de inmediato na construción dun espazo metropolitano de debate e cooperación e nas posibles alianzas post-electorais na Deputación da Coruña

A iniciativa cidadá tomou a decisión este xoves despois de reunirse con representantes da Alternativa dos Veciños de Oleiros e as Asembleas Cidadás de Cambre e Carral para falar sobre a Deputación

 

A asemblea da Marea Atlántica acordou este xoves á noite concorrer en solitario ás eleccións municipais de maio despois de constatar que non se dan as condicións para un acordo con outros procesos ou forzas políticas da comarca. A iniciativa cidadá toma esta decisión despois de reunirse, este mesmo xoves pola tarde, a pouco máis de 24 horas de que se peche o prazo para a inscrición de coalicións, cos representantes da Alternativa dos Veciños de Oleiros e das Asembleas Cidadás de Cambre e Carral que así o solicitaron.

A Marea Atlántica amosou publicamente, mediante unha carta enviada o pasado 31 de marzo ás Asembleas de Cambre e Carral e á Marea de Culleredo, a súa disposición a abrir un diálogo que permitise, de darse as condicións, conformar no partido xudicial da Coruña unha coalición instrumental con outros procesos municipalistas de confluencia, sempre sobre a base dos principios de rexeneración e ruptura democrática expresados no Código Ético da Marea Atlántica.

Esta carta non obtivo resposta de ningunha clase até este momento. A Marea representa unha nova maneira de facer política na que non encaixan as negociacións express nin a interlocución de última hora a través dos medios de comunicación, e así llelo fixo saber aos representantes e ás representantes de Alternativa dos Veciños de Oleiros, a Asemblea Cidadá de Carral e a Asemblea Cidadá de Cambre. Polo contrario, a Marea procura abordar a acción política cunha análise participativa, seria e ampla das cuestións e de forma transparente.

Esgotado o tempo que prescribe a lei e a falta dunha proposta concreta no ámbito xudicial que responda ao consenso interno e á metodoloxía da iniciativa coruñesa, a Marea Atlántica decidiu por unha ampla maioría na súa asemblea deste xoves, sen ningún voto en contra, concorrer en solitario ás eleccións e comezar a traballar de inmediato na construción dun espazo metropolitano de debate e cooperación e nas posibles alianzas post-electorais na Deputación da Coruña.

Posición sobre as Deputacións

A posición da Marea Atlántica sobre as posibles alianzas para as Deputacións é coñecida, pública e de consenso. Está recollida nos acordos de confluencia aprobados por aclamación o pasado 8 de febreiro: “A Marea Atlántica non renuncia a participar activamente no proceso de transformación e creba democrática que está a protagonizar a cidadanía do noso país. Por iso, debe procurar o achegamento e relación, así como ofrecer o seu apoio aos procesos municipalistas galegos que compartan os seus principios, métodos e obxectivos. (…) A Marea Atlántica posiciónase de xeito crítico en relación á existencia e funcionamento das Deputacións Provinciais. (…) Porén, a súa existencia e a importancia das competencias asumidas na actualidade fan que a Marea Atlántica deba posicionarse no seu seo para axudar a mudar as políticas que até o de agora desenvolveron estes entes supramunicipais. (…) A Marea Atlántica promoverá a agregación de votos a nivel de partido xudicial, a través da coaligación con outras iniciativas municipalistas que puidesen existir na nosa contorna. Os pactos aos que deba chegarse para procurar a agregación de votos á Deputación da Coruña serán propostos, seguindo os criterios sinalados, polo Grupo de Apertura da Marea Atlántica e aprobados pola Rede”.

Así mesmo, a Marea lembra nestes documentos que, alén da posibilidade de coaligacións instrumentais, “tralas eleccións, as/os deputadas/os provinciais da Marea Atlántica deben traballar e chegar a acordos con outras forzas políticas que compartan principios e políticas homologábeis ás nosas”.

Por último, Marea Atlántica deixa moi claro nos seus acordos constituíntes que ten unha ollada política que supera os límites do termo municipal: “Máis alá das actuais estruturas xurídicas e institucionais, a visión da cidade da Coruña da Marea Atlántica como ente vivo e habitábel transcende os límites do Concello da Coruña. Por isto, a Marea Atlántica traballará pola creación de políticas e no seu caso, institucións metropolitanas, sempre dende un posicionamento de respecto, igualdade e cooperación co resto dos concellos da contorna, sen asumir liderados non desexados nin tutelas impropias dunha institución democrática”.

 

Por unha nova política na área metropolitana