A profesora María José Mosquera participou nun faladoiro organizado pola Marea Atlántica, sobre as causas da violencia no deporte e no conxunto da sociedade
“Vivimos nunha cultura da violencia. Levámola con nós a todas as partes, á escola, ao traballo e tamén ás competicións deportivas. Só desde a educación e a pedagoxía de nenos e adultos, cun código da non violencia, poderemos cambiar a situación”. Son as conclusións de María José Mosquera, profesora universitaria e investigadora da violencia no deporte, que o 22 de xaneiro participou nun faladoiro no local da Marea Atlántica.
Mosquera explicou que a agresividade é un instinto natural nas persoas, que nace “da necesidade de enfrontarse a perigos e situacións adversas. É una tendencia normal pero cando se exerce sen estar sometida ao control da ética é cando se converte en violencia”. Deste xeito, a agresividade é innata, pero a violencia é unha conduta aprendida, que se pode modular e que se manifesta non só de deixo físico, senón tamén social e psicolóxico.
Na nosa sociedade, o mundo do deporte enténdese como un espazo para liberar tensións, no que a violencia se reproduce e resulta tolerada e mesmo impulsada. A narrativa das competicións como guerras, a tolerancia con prácticas pouco éticas e a mensaxe de que resulta bo gañar a calquera prezo tradúcense no descontrol da agresividade. “Nese entorno, existen moitos ámbitos intercondicionantes, que afectan de forma diferente a cada individuo. Por exemplo, a falta de control dos sentimentos, a baixa tolerancia á frustración ou os problemas de autoestima poden rematar en violencia”, asegurou a profesora.
“Non debemos permitir que o deporte fique secuestrado pola violencia”
Como sinala María José Mosquera, “estamos inmersos na posmodernidade da decadencia, unha modernidade líquida na que non hai ética nin valores, e na que os criterios económicos e competitivos imperan sobre todo o demais”. É un problema cultural, e só desde a cultura poderá resolverse. Desde a pedagoxía, pódense empregar recursos como o Código da Nonviolencia para transmitir valores baseados na cooperación, o traballo colectivo, o xogo limpo e o respecto.
Mosquera salientou, en definitiva, que “o deporte é unha práctica saudable e educativa, por iso mesmo non debemos permitir que fique secuestrada pola cultura da violencia. Hai que traballar para recuperala”.
No debate co público tratáronse cuestións como o xeito no que a situación de crise e emerxencia social agrava a frustración da cidadanía, aumentando a violencia como vía de escape. Tamén se discutiu se deportes como o rugby e o boxeo, de elevado contacto físico, fomentan a violencia. A conclusión foi que, ao contrario, adoitan ter regulamentos estritos que castigan o exercicio incontrolado da agresividade. A través da normativa pódense recompensar ou coartar certos comportamentos, evitando así a violencia.