Saltar ao contido

Xulio Ferreiro: “Os poderes da Coruña aos que representa o PP seguen pensando que o mellor modelo urbano é o da burbulla inmobiliaria”

O candidato da Marea Atlántica á alcaldía da Coruña participou na presentación do apartado referido a Urbanismo do Programa Electoral da plataforma cidadá e negou “que a Marea queira acabar co Porto Exterior, como suxire un asustado PP. É mentira, o único ao que nos opoñemos é ao pelotazo urbanístico no terreos do porto urbano. Nese punto coincidimos con Greenpeace, non coas construtoras”

 

O candidato da Marea Atlántica á alcaldía da Coruña, Xulio Ferreiro, participou este martes na presentación do apartado dedicado a “un outro Urbanismo” do Programa Electoral da plataforma cidadá, á que acudiron numerosas persoas, moitas delas en representación de diversos colectivos sociais. Durante o acto, Ferreiro indicou que “a Marea representa un modelo distinto de cidade que non se pode entender sen outra aposta urbanística, na que tamén sexan as persoas e os seus dereitos as prioridades; non os balances das construtoras e os beneficios da banca”.

“Os poderes que tradicionalmente gobernaron A Coruña sempre estiveron obsesionados polo ladrillo, loxicamente porque este significaba diñeiro. Así chegamos ao crack do 2008, cuxo rastro de miseria e precariedade aínda sufrimos. Non obstante, o goberno local do señor Negreira e os seus portavoces insisten na burbulla inmobiliaria, na especulación, no modelo fracasado, que é o que defenden e o que nunca aceptará un goberno da Marea, que pon por diante un urbanismo pensado para o ben común, non para satisfacción dos especuladores”, asegura Ferreiro. “O medo do PP, e de todo o aparato de elite extractiva ao que serve, a un goberno da Marea é tal que non dubidan en mentir descaradamente, ao igual que fan cando negan recoñecer a súa voz en gravacións comprometidas. Agora a falsidade é que queremos acabar co Porto Exterior. Pois non. O que propón a Marea Atlántica -que é moi critica con certos dispendios cometidos nesa actuación- é revisar acordos propios doutras épocas e pensados para o pelotazo inmobiliario -algo que non é que digamos nós, resulta que o dixo Greenpeace e preferimos estar do seu lado que do das construtoras- e destinar os terreos liberados do porto tradicional da Coruña para un destino moito máis beneficioso a todos os niveis para a cidadanía que levantar alí uns cantos mamotretos de pisos totalmente innecesarios nunha cidade con 20.000 deles baleiros. Non imos caer en vellos erros. Na Marea somos aire novo, ao contrario, o PP e semellantes representan estafa vella”, engadiu o candidato da Marea, que tamén lembrou que “o convenio do porto de 2004 xa foi incumprido por Fomento” e recordou a existencia de “operacións escuras que semellan parte dunha corrupción xeneralizada” como “o pelotazo de Someso, que custou 19 millóns de euros ás arcas municipais; algo que en ningún caso pode volver a ocorrer”.

Pola súa banda, o arquitecto Xiao Varela, número tres da lista da Marea ás eleccións do 24 de maio, debullou as propostas da Marea no seu terreo, no que apostou “por un urbanismo sensible”. “Queremos a participación da cidadanía para tensar as institucións e apostar por un outro urbanismo, no que a construción da cidade sexa colectiva. Consideramos moi relevante entender o urbanismo como un terreo transversal”, indicou o candidato da plataforma cidadá, que puxo como exemplo desa proposta “cuestións complexas como a eliminación dos asentamentos precarios, onde a rehabilitación urbanística pode acompañarse de actuacións sociais sobre emprego ou saúde; ou as hortas urbanas que poden reconciliar a relación entre o rural e o urbano que na Coruña segue a ser complicada; ou o Proxecto Cárcere, onde á xestión do Patrimonio únense ideas relacionadas co activismo cultural e a economía social”.

Entre as propostas da Marea en cuestións relacionadas co Urbanismo, a plataforma cidadá defende “a revisión do PXOM e modificación puntual do mesmo (Ofimático, Parque da Torre de Hércules…); a elaboración dun plan de fomento do dereito á vivenda e fomento da vivenda pública, a través da EMVSA; protexer o Parque de Bens como espazo verde de uso público, impedindo a construción do Museo do Automóbil pero estudando para o mesmo outra localización alternativa; aumentar nun 50% os cargos do IBI ás vivendas baleiras propiedade do FROB-Sareb e entidades financeiras; promover a recuperación para uso público do antigo cárcere provincial; modificar a ordenación urbanística do sistema xeral portuario ou a apertura efectiva do Parque do Observatorio da Agra do Orzán”, entre outras.

Por outro modelo de cidade