Dous anos e medio despois de que o aprobase o goberno de Xulio Ferreiro, a Xunta publica a declaración provisional como ENIL dunha das áreas con máis biodiversidade da Coruña 

María García: “Chega tarde, pero é unha boa nova. Agora correspondélle ao PSOE seguir cos trámites e elaborar o imprescindible plan de conservación”

A Marea Atlántica celebra que, por fin, a Xunta lle outorgue a declaración provisional como ENIL á contorna da Torre de Hércules, dous anos e medio despois de que o aprobara o Pleno do Concello, por iniciativa do goberno de Xulio Ferreiro. A decisión, publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia, é un importante avance na protección dunha das áreas con maior biodiversidade da Coruña, a que se asenta aos pes do faro Patrimonio da Humanidade.

A voceira da Marea Atlántica, María García, saudou a nova e pediulle ao goberno do PSOE que continúe coa tramitación ata conseguir a declaración definitiva como ENIL, “presentando un plan de conservación, imprescindible para rematar o proceso, pero tamén para regular os usos e a protección da zona, combatendo as especies invasoras e controlando a celebración de eventos”.

“Agardamos que estean á altura desta responsabilidade e saiban aproveitar a herdanza que lles deixamos”, engadiu. Non en van, a protección das áreas naturais en territorio urbano é unha das principais estratexias na loita contra a crise climática, e mellora a calidade de vida da veciñanza.

García lembrou que a tramitación deste ENIL foi “longa e tortuosa, incluíndo ter que presentar a documentación dúas veces, primeiro en galego e logo traducida ao castelán. O desinterese da Xunta por implantar medidas de protección da natureza sumouse ao seu desinterese pola cidade da Coruña”.

A isto hai que sumarlle que as Illas de San Pedro seguen a agardar pola declaración definitiva de ENIL, pasado xa o prazo límite que marca a propia Xunta. O deputado Xan Xove denunciouno no Parlamento de Galicia, e a conselleira de Medio Ambiente prometera que habería novidades “antes de fin de ano”. Seguimos agardando a que o goberno de Feijóo faga o seu traballo.

 

Fogar de case 700 especies animais e vexetais

Na contorna da Torre de Hércules poden atoparse case 700 especies animais e vexetais, entre elas máis cun dento de tipos de aves, sete especies de anfibios e 11 de mamíferos. E seis especies endémicas que só existen en Galicia, Asturias e o norte de Portugal, en cinco hábitats de conservació prioritaria segundo a Unión Europea. A súa riqueza foi detectada no Mapa da Biodiversidade, elaborado polo goberno da Marea Atlántica, xa que nunca antes se recoñecera a importancia natural desta área.

No anterior mandato, e sen agardar pola Xunta, puxemos en marcha varias medidas para protexer as illas de San Pedro e a contorna da Torre de Hércules, sen agardar pola desesperante lentitude da Xunta. No caso da Torre, estableceuse un plan de segas que respecta a época de cría das aves e outros animais, o que levou a un visible aumento da biodiversidade. Tamén se regularon os eventos públicos, mellorouse a sinaléctica e realizaronse campañas de educación ambiental e retirada de especies invasoras, como a unlla de gato, mediante convenios de colaboración con entidades naturalistas.

Nas Illas de San Pedro encargouse un observatorio de aves na costa a cargo dos fondos DUSI e púxose en marcha un estudo sobre a reprodución do corvo mariño cristado, unha especie singular e ameazada. Medidas ás que agardamos que o goberno do PSOE lle dea continuidade.