Saltar ao contido

Os votos do noso grupo garanten a aprobación dos cambios necesarios por lei nas ordenanzas fiscais, e o goberno comprométese a estudar para 2023 bonificar tamén os traspasos de locais de pequeno comercio 

Instamos ao PSOE a poñer maior vontade e traballo no cumprimento dos pactos: estamos en xuño e sen avances nas políticas de vivenda, na eléctrica municipal nin no programa Mover os Baixos, entre outros


A Marea Atlántica votou hoxe a favor da aprobación definitiva dos cambios no imposto da plusvalía, necesarios para adaptalo aos últimos cambios legais, e que se aproveitaron para lograr unha mellora adicional: que as parellas de feito teñan as mesmas bonificacións que os matrimonios. Foi posible grazas ao acordo entre o noso grupo e o goberno local, que levou a estimar unha alegación particular. 

Así, o apoio da Marea Atlántica garantiu que se aprobasen os cambios necesarios na ordenanza fiscal que regula a plusvalía nos terreos de natureza urbana. E logramos o compromiso do concelleiro de Facenda, José Manuel Lage, de estudar a incorporación para 2023 dunha segunda alegación e introducir bonificacións no traspaso de locais de pequeno comercio, equivalentes aos das vivendas habituais. 

O vicevoceiro da Marea Atlántica e integrante da Comisión de Facenda, Iago Martínez, sinalou que o noso grupo volveu facer valer os seus votos para “introducir melloras que benefician á cidade”. Pero lamentou que neste Pleno non se estivesen a debater outros asuntos que forman parte do acordo para aprobar os Orzamentos 2022. “Oxalá estivésemos a debater a posta en marcha do programa Mover os Baixos con axudas para recuperar locais baleiros, ou avances na empresa eléctrica municipal, ou nas medidas de vivenda que teñen 9 millóns de euros reservados. Pero para iso é necesaria unha mellor xestión”. 

Malos indicadores de xestión

Martínez lembrou que neste mandato están a empeorar todos os indicadores que tanto PP como PSOE consideraban “de boa xestión” cando gobernaba a Marea Atlántica. Neste Pleno tomouse coñecemento da liquidación de 2021, onde se comproba que o ano pasado quedaron 63 millóns de euros sen gastar, que xa foran 79 en 2020, máis dos que nunca deixara Xulio Ferreiro. Lembremos que, aínda hoxe e con moitas menos facilidades, foi o goberno da Marea Atlántica quen logrou en 2018 a mellor cifra de execución orzamentaria da última década: máis dun 81%. 

No mandato actual, por contra, bátense marcas de contratos menores opacos, con 7.300 asinados desde que Inés Rey é alcaldesa, por valor de 23 millóns de euros. E de facturas irregulares con reparos de intervención, 1.751 só o ano pasado, sumando 45 millóns de euros. 

Con estes indicadores sobre a mesa, Iago Martínez reclamoulle ao goberno local maior vontade, traballo e compromiso cos acordos asinados coa Marea Atlántica, “non só polo bo costume de respectar a palabra dada, senón porque serán positivos para a cidade e para a vida da xente. Recorden que hai eleccións de aquí a un ano, e unha cousa é a que din os titulares e outra o que se vota”. 

O PSOE rompe a alianza coa cidadanía no futuro do porto 

Dada a escaseza de asuntos de goberno, o debate das mocións comezou xa durante a mañá, coa proposta de CADECO e outras 15 entidad3s da cidade que trasladamos xunto co BNG e a edil non adscrita. Unha proposta na que se reclamaba que calquera decisión sobre o futuro dos peiraos da Coruña pasase por unha consulta pública á veciñanza. 

Por desgraza, o PSOE introduciu unha emenda na que eliminaba toda referencia á votación cidadá, e que resultou aprobada cos seus votos e a abstención do PP. Dun xeito que desvirtúa por completo a iniciativa do asociacionismo coruñés. 

“É triste ver como o Partido Socialista racha unha alianza estratéxica: a alianza coa xente desta cidade. Porque foi a veciñanza, coas súas mobilizacións, a que rachou cos acordos de 2004 para vender os peiraos. O alcalde Xulio Ferreiro tíñao claro, e o goberno da Marea Atlántica foi o primeiro que deu eco no Concello ás demandas cidadás. Así, entre outras iniciativas, en 2017 publicou un bando en apoio á gran mobilización en defensa do porto, e traballou en consensos antes impensables. Pero Inés Rey pretende convencernos de que xa amaña ela de portas para dentro”, resumiu María García. 

A integración do porto interior na cidade será a maior transformación da Coruña nas vindeiras décadas. E non debería facerse de costas á veciñanza. Nin, desde logo, debería manterse a hipoteca que pesa sobre a cidade coa escusa das obras en Punta Langosteira. Non hai que pagar por terreos que xa son públicos e teñen un uso público. O que hai é que buscar unha solución integral, que inclúa a zona de San Diego e que protexa o valor do porto coma motor de emprego.

Pactamos co goberno local que as parellas de feito teñan a mesma bonificación que os matrimonios no imposto da plusvalía