Lamentamos que o PSOE rexeite estudar a municipalización do servizo de autobús en 2024, tras o remate da concesión. Emendou a nosa iniciativa para eliminar toda referencia á xestión directa do transporte público
A moción da Marea en apoio ás traballadoras do SAF e pola dignificación dos coidados tamén recibiu o voto favorable de todos os grupos políticos
Todos os grupos da Corporación Municipal da Coruña votaron a favor da proposta da Marea Atlántica para mudar a normativa urbanística e prohibir a apertura de casas de apostas preto de centros de ensino, deportivos, sociais ou sanitarios, entre outros espazos frecuentados pola mocidade e persoas vulnerables. O acordo final, transaccionado co PSOE, inclúe o compromiso de aplicar esta política urbanística que, de aplicarse, sería pioneira en Galicia na loita contra o negocio do xogo e a prevención de adiccións.
Como sinalou o vicevoceiro da Marea Atlántica, Iago Martínez, “as casas de apostas son unha couza que se ceba coa xente moza e cos barrios humildes, e temos que facer algo”. Por iso, fixo un chamamento a non quedar nas esixencias á Xunta para que exerza ás súa competencias, e facer que este Concello aproveite a súa capacidade para suspender licenzas e fixar unha distancia mínima que afaste estes establecementos de colexios, institutos e outras infraestruturas sociais. “Rematemos coa vergoña que supón ter na praza de Pontevedra unha casa de apostas a 20 metros do instituto Eusebio da Garda”.
Os datos son claros e amosan a necesidade de tomar medidas, como xa temos sinalado: o último informe de adiccións comportamentais do Plan Nacional sobre Drogas sinalan que no Estado hai 670.000 persoas con problemas de ludopatía, das que o 44% teñen menos de 26 anos. E Agalure advirte de que a media de idade entre as persoas que comezan a apostar é de 19 anos. “A porta de entrada a este inferno son as casas de apostas deportivas e as terminais situadas en bares”, lembrou Iago Martínez. E lamentou que “non existan datos de calidade a nivel galego, porque Feijóo non puxo en marcha un Observatorio do Xogo”.
O PSOE négase a estudar a municipalización do bus
Tamén foi aprobada a nosa moción reclamando a xestión municipal directa do de bus urbano cando remate a concesión, en 2024, para introducir melloras e rematar co negocio abusivo da Compañía de Tranvías que se enriquece cobrando un sobreprezo por un servizo público esencial. Pero o PSOE introduciu unha emenda na que eliminou o compromiso de estudar a municipalización, amosando falta de valentía.
Como sinalou María García, voceira da Marea Atlántica, “o transporte público é fundamental para vertebrar a cidade. O bus é unha alternativa ao coche pouco contaminante, 100% accesible e equitativa, que debe pensarse en clave verde e metropolitana, pero iso nunca será posible mentres estea en mans dunha empresa que só pensa no beneficio”.
García puxo como exemplo da “falta de empatía” da concesionaria o feito de, pese a sumar beneficios de máis de 2,5 millóns de euros anuais na última década, fose a xuízo contra a baixada das tarifas aplicada en 2019 polo goberno de Xulio Ferreiro (a única en 40 anos, e que serviu para levar o uso do bus a cifras récord). “Ademais, en plena crise e pandemia, a proposta de Tranvías para 2020 é subir o billete un desproporcionado 20%, cando vai recibir máis de 5 millóns en achegas do Estado, e cando levan sete anos sen renovar a frota de buses. É inxustificable”.
Así, a nosa portavoz saudou as decisións do goberno local de non aceptar esta suba nas tarifas, e de recorrer a sentenza contraria ao prezo fixado en 2019, pero pediulles que reconsideren a posibilidade de asumir directamente o servizo de bus cando remate a concesión.
Coidemos de quen coida: unanimidade no apoio ao SAF
A nosa moción en apoio ás traballadoras do Servizo de Atención no Fogar (SAF) foi aprobada por unanimidade, reclamando unhas condicións dignas para quen coida, e a renovación dun convenio colectivo que leva unha década sen actualizarse.
Tal e como fixemos en decembro, na manifestación convocada pola Plataforma SAF Galicia, a concelleira Silvia Cameán denunciou que as empregadas do Servizo de Atención no Fogar “son imprescindibles para o benestar de moitas persoas maiores e dependentes, e merecen todo o recoñecemento”. Pero a pesar diso, “elas mesmas defínense como as ‘temporeiras da dependencia’, con toda a razón. Arrastran precariedade, contratos temporais, soldos preto do mínimo legal, horarios imposibles… Un abuso que ten que cambiar”.
Cameán lembrou que o SAF é unha competencia municipal, pero debería financiarse a partes iguais entre Estado, Xunta e Concello, “e polo de agora as administracións autonómica e estatal incumpren a súa parte, e o municipio asume a maior parte do importe. Sen aumentar o gasto público, sen un verdadeiro compromiso, non pode haber dignidade nos coidados. Lémbreno cando veñan reclamar baixadas de impostos”.
Un único asunto de goberno
Doutra banda, o Pleno de hoxe tivo un único asunto de goberno, a comparecencia do Concello no procedemento xudicial aberto polo recurso da promotora titular de dúas parcelas no Castrillón nas que se suspenderon licenzas en maio, para estudar novos equipamentos no barrio. Votamos a favor de que a Asesoría Xurídica defenda os intereses municipais pero, como lembrou Iago Martínez, “isto amosa que cando se trouxo a suspensión de licenzas ao Pleno, o órgano que ten a competencia para os cambios urbanísticos, non se nos deu toda a información necesaria”.
Martínez lamentou que “esta sexa a única proposta que ten hoxe o goberno municipal, o que non fala ben da súa capacidade, e dá escusas a quen pretende torpedear as negociacións que estamos a manter para aprobar uns orzamentos en 2022”. E pediulle ao PSOE que faga o seu traballo e “non caia na tentación de repartir as culpas duns atrasos nos que a Marea Atlántica non ten ningunha responsabilidade”.
Non apoiaremos a compra de terreos xa públicos no porto
Finalmente, na quenda de preguntas orais ao goberno, María García sinalou que non é boa idea hipotecar o investimento municipal pagando 15 millóns de euros para mercar no porto uns terreos que xa son públicos, “e que estarían moito mellor destinados a coidar os barrios”. Deixou claro que a Marea Atlántica non apoiará este uso de fondos públicos nos peiraos.
García sinalou que “iniciativas coma coma a exposición de Peter Lindbergh e os concertos organizados nos últimos meses deixan claro que non é preciso adquirir solo para que o porto teña usos abertos, que non rematan no artístico, e que tamén poden centrarse en iniciativas económicas e de investigación”. Instou a non poñerlle máis trabas ás propostas públicas das que lle poñen ás privadas pois “todos os usos previstos agora mesmo para o bordo litoral poden facerse xa, sen pagar un euro nin desafectar”.
Tamén sinalou que “o único problema que existe agora mesmo é a descomunal débeda da Autoridade Portuaria, que se paga cuns intereses de usura, e coa que o Estado fai caixa. Pode condonarse, como en Valencia, e pedilo é o único realista”.
Apoio a Alu Ibérica
Tras a decepcionante reunión mantida hoxe polo comité de empresa de Alu Ibérica e a Xunta de Galicia, o concelleiro Alberto Lema tamén lle preguntou ao goberno local que medidas pensa tomar para apoiar ao cadro de persoal da fábrica de aluminios. “Despois do encontro coa representación sindical, a instancias da Marea Atlántica, envióuselle con atraso unha carta ao Ministerio de Industria e á Xunta, pero nunca máis se soubo”.
Lema denunciou que a situación da fábrica é crítica, pese a tratarse dunha industria estratéxica e competitiva, e que non pode haber dúbidas en apoiala cando “dela dependen 400 postos de traballo na Coruña”. E lamentou que nin a Xunta nin o Estado se fagan responsables de ter avalando a venda de Alu Ibérica a “delincuentes convictos que descapitalizaron a empresa e aplicaron represión sindical”.
Preguntamos, finalmente, polas medidas que o goberno local pensa tomar para reducir a fenda dixital e facilitar o acceso á adminstración electrónica, “pois son moitas as persoas que se ven excluidas por non ter acceso a internet, ben por falta de formación, ben por falta de recursos”, tal e como denunciou a concelleira Claudia Delso, pero non houbo resposta clara por parte do executivo local.