O goberno debería aproveitar a oportunidade para cumprir os acordos urbanísticos coa Marea Atlántica e separarse do modelo do Partido Popular
Iago Martínez: “Para regular as casas de apostas e os pisos turísticos, non tocan o urbanismo. Fano para indultar aos equipamentos privados que incumpren a normativa. Deberían recapacitar”
O executivo local comprométese a crear unha comisión para a municipalización das bibliotecas, con presenza de todos os grupos e das representantes sindicais das traballadoras
O goberno local da Coruña aprobou hoxe, de xeito inicial, a maior modificación do planeamento urbanístico deste mandato grazas a un pacto co Partido Popular, favorecendo aos equipamentos privados, dificultando a fiscalización cidadá e incumprindo os acordos aos que chegou co noso grupo o primeiro concelleiro de Urbanismo de Inés Rey. Por iso votamos en contra e anunciamos que presentaremos alegacións. “Que aproben isto co PP non é un accidente, nin un fenómeno meteorolóxico, é consecuencia do seu modelo urbanístico”, explicou Iago Martínez, vicevoceiro municipal da Marea Atlántica.
Martínez, tamén representante da Comisión de Urbanismo, convidou ao goberno local a reflexionar e aproveitar a fase de alegacións coma unha segunda oportunidade para chegar a acordos coa Marea Atlántica. “Dinnos que non se pode modificar o planeamento para impedir que haxa unha casa de apostas na mesma porta do instituto Eusebio da Guarda. Nin para limitar os pisos turísticos, nin para remediar os destrozos na Maestranza e en Percebeiras, nin para incrementar as reservas de vivenda protexida… todo iso poderían aprobalo co noso grupo, cumprindo os acordos aos que chegamos”, resume o concelleiro.
Pero o equipo de Inés Rey elixe “ir da man do PP e indultar a colexios e hospitais privados que incumpren a normativa, eliminar practicamente os estudos de detalle e agasallar aos equipamentos privados en solo urbano consolidado cun 20% máis de edificabilidade, un 20% máis de altura e un 20% máis de ocupación de parcela”, en palabras de Iago Martínez. Isto, contra o criterio da Dirección Xeral de Urbanismo da Xunta, e sen unha soa liña de xustificación en todo o expediente.
A modificación ten, con todo, elementos positivos, como a regularización dos equipamentos da universidade pública, a previsión dun campo de rugby público en Elviña, ou a ampliación do colexio público de Novo Mesoiro, entre outros. De aí que a Marea Atlántica chegase a un acordo co anterior concelleiro de Urbanismo, Juan Díaz Villoslada, para tramitar estes asuntos por separado, acordo incumprido polo edil actual.
“Ademais, este tipo de modificacións ‘ómnibus son profundamente antidemocráticas, pois dificultan non só o debate no Pleno, tamén a fiscalización das políticas urbanísticas por parte da veciñanza. Nestas circunstancias, só podemos votar en contra”, resume Iago Martínez.
Acordo para estudar a remunicipalización das bibliotecas
Na quenda de mocións, aprobouse por unanimidade a proposta da Marea Atlántica para apoiar ás traballadoras das bibliotecas municipais de xestión privada, que mes tras mes viven coa dúbida de se cobrarán o salario ou non. É un problema derivado do contrato que aprobou este goberno, pero que non se dá nos centros bibliotecarios de xestión pública directa. O noso vicevoceiro defendeu esta proposta e sinalou que “estamos a ver como colapsa o modelo dual implantado polos gobernos do PSOE, e quen está a pagar o prezo é a parte máis feble, o persoal que atende á veciñanza”.
A moción incluíu unha transacción do executivo local, na que se comprometeu a estudar a remunicipalización do servizo, a única solución definitiva ao problema, e a facelo a través dunha comisión na que teñan presenza todos os grupos políticos e as representantes do Comité de Empresa das bibliotecas en mans privadas. “O goberno de Xulio Ferreiro desbrozou o camiño da municipalización, a pesar da total falta de apoio. Agora, Ines Rey ten unha oportunidade inmellorable para acabar con esta inxustiza. Non a desaproveiten”, sinalou Martínez.
Dous asuntos de goberno, catro mobilizacións cidadás
As traballadoras das bibliotecas en mans da empresa LTM mobilizáronse hoxe na porta do Pleno, ao igual que fixo da veciñanza de Elviña afectada polo antigo Ofimático, da Agra do Orzan polo parque do Observatorio e da Comisión en Defensa do Común pola recuperación da Casa Cornide. A voceira da Marea Atlántica, María García, denunciou que “estamos a ver catro convocatorias cidadás diante dun goberno que só é quen de traer dous asuntos ao Pleno”: a tramitación urbanística xa comentada e un modificativo de crédito menor.
García explicou que “votaremos a favor deste modificativo, que reforza os convenios coa UNED e co Ateneo Republicano de Galicia, pero lamentamos que non se aproveitase a ocasión para asumir outros cambios urxentes no Orzamento: para o Clube do Mar, que asume o custo dunha piscina municipal e sobre cuxa plantilla pesa un ERTE, e para as escolas infantís municipais, que precisan ampliar a oito horas o seu servizo gratuíto para rematar co agravio comparativo fronte aos centros públicos e privados subvencionados pola Xunta”.
A nosa portavoz lembrou que o goberno tivo que retirar da orde do día do Pleno o recoñecemento de facturas irregulares polo demoledor diagnóstico do interventor. “Na vindeira sesión Plenaria, encargarémonos de preguntar se o goberno pensa facer algo para recuperar os nove millóns de euros que lle pagou irregularmente á empresa que xestiona Nostián”.
Aprobadas as mocións sobre a Axenda Urbana e a Casa Cornide
Doutra banda, resultaron aprobadas as dúas mocións que a Marea Atlántica trasladou ao Pleno de forma conxunta con outros grupos. Así, a iniciativa da Comisión en Defensa do Común e vintecatro entidades coruñesas para esixirlle ao goberno local que presente dunha vez a demanda para recuperar a Casa Cornide de mans da familia Franco. Por desgraza, foi emendada polo PP para eliminar a responsabilidade da Xunta (que segue sen rematar os trámites para declarar BIC o edificio), e co voto en contra do PSOE.
Alberto Lema lamentou que o executivo local practique “políticas de esquecemento, en lugar de políticas de memoria histórica”, e instounos a imitar o exemplo do goberno de Sadamaioría e Benito Portela, “que con menos recursos tivo un papel activo e decisivo para lograr que o Pazo de Meirás volvese a ser propiedade pública”.
Tamén foi aprobada a moción que presentamos a Marea Atlántica, o BNG e o Partido Popular, algo inédito neste mandato, para reprobar ao goberno local polas súas practicas opacas e pouco democráticas na aprobación da Axenda Urbana da Coruña, un documento decisivo que foi secuestrado de forma unilateral polo Partido Socialista.
Nesta iniciativa pedimos que se recupere o acordo incumprido en decembro de 2020, e que se cree unha comisión especial para avanzar na Axenda Urbana do xeito máis participado posible. Lamentablemente, o PSOE escolleu votar en contra hoxe. Non se entende este retroceso logo de ser A Coruña unha cidade pioneira no pasado mandato, chegando a convenios co Estado e ONU Hábitat.