Saltar ao contido

Desde o Pleno municipal, María García pediulle ao executivo de Inés Rey que non enterre 15 millóns de euros en mercar nos peiraos uns terreos que xa son públicos polo triplo do seu valor oficial: “Estarán mellor investidos en barrios coma Os Mallos”

O goberno local escoitou a nosa proposta dun Consello Local da Cultura no que o sector poida ter voz, e prometeu presentar un regulamento antes de final de ano


A voceira municipal da Marea Atlántica, María García, lamentou hoxe que o proxecto de Orzamentos Xerais do Estado, aprobado no Consello de Ministras, “non teña un só euro destinado a condonar a débeda da Autoridade Portuaria da Coruña ou ofrecer achegas equivalentes. O ano pasado houbo 400 millóns para Valencia, este ano, nin un peso para a nosa cidade”. 

Desde o Pleno, García preguntoulle ao goberno local por que está disposto a enterrar 15 millóns de euros de fondos propios “para mercar uns peiraos que xa son terreo público, a un prezo tres veces superior ao seu valor oficial, e ata seis veces máis do que se valoraba A Solana. Mellor destinen eses fondos a barrios que demandan investimento, coma Os Mallos”. 

A nosa portavoz insistiu en que “os concertos e os anuncios de edificios singulares que non se sabe para que van servir non poden ocultar o esencial, que seguimos tendo unha débeda de 300 millóns que pesa sobre a cidade, e que engorda a Puertos del Estado. Van pagados 40 millóns, todos en intereses, e a hipoteca non se reduce. Recapaciten, en non entren no xogo”, pediulle ao goberno local. 

No bus: Gaña o lucro empresarial ou interese público?

Preguntamos tamén pola intención do executivo con respecto ás tarifas de bus, onde é necesario recorrer a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia contra a rebaixa do billete que o goberno de Xulio Ferreiro comezou a impulsar en 2017. María García explicou que a normativa europea permite axustar o prezo do transporte cando existe un beneficio excesivo da empresa concesionaria, mesmo de xeito retroactivo, como amosa numerosa xurisprudencia do Tribunal de Xustiza da UE. “E o beneficio de Tranvías é a todas luces excesivo: gañan máis de tres millóns de euros ao ano, dos que máis de dous millóns van ao peto dos accionistas. Desde hai sete anos, non gastan un peso e levarán 5,5 millóns de euros do estado en compensación pola pandemia”.

“Cando a veciñanza está a sobrepagar un servizo público e hai unha empresa que se enriquece con iso, un goberno ten que actuar. Non pode ser que unha concesión só contemple subir o prezo. Está en xogo moito máis que o prezo do bus: que prevalece, o interese público ou o lucro empresarial?”

Finalmente, María García esixiulle ao goberno que licite dunha vez o novo contrato de parques e xardíns, que caducou en xuño, e que non tivo exposición pública a pesar das veces que o demandamos. Negóuselle a os distintos sectores a posibilidade de facer achegas. “Non sabemos, tampouco, en que se gastaron os 6,6 millóns de euros dispoñibles para mellorar as zonas verdes, unha información que se oculta  A parálise da Área de Medio Ambiente é total”.

Compromiso cun Consello Local da Cultura

Na quenda das mocións, a Marea Atlántica presentou unha iniciativa pedindo que se respecten as medidas de apoio ao sector cultural que se aproban no Pleno, xa que “desde este grupo levamos dous anos facendo propostas que primeiro se aceptan e logo se ignoran”, en palabras do noso vicevoceiro Iago Martínez. Lembrou que as profesionais da cultura levaron un duro golpe no último ano e medio, xa que as propias características do sector fixérono moi vulnerable as restricións da pandemia. “E na Coruña foi peor aínda, porque sumouse o abandono por parte do goberno local”. 

En especial, reclamamos a creación dun Consello Local da Cultura, un espazo no que o sector estea representado na súa pluralidade, “e que lle permita saír dese confinamento no que o ten metido este goberno”, como sinalou Martínez. O voceiro do PSOE, José Manuel Lage, recolleu a proposta e comprometeuse a levar ante a Comisión de Cultura un borrador do regulamento deste Consello Local antes de que remate o ano. 

Todas as mocións da Marea Atlántica resultaron aprobadas

A nosa iniciativa a prol das políticas culturais resultou aprobada por maioría, ao igual que as outras dúas mocións que defendemos neste Pleno. Recibiron o apoio de todos os grupos agás do PP, que retratou as súas prioridades dun xeito clarísimo. 

Así.conseguimos que a Corporación denunciase os recortes na Atención Primaria e apoiase a manifestación convocada por SOS Sanidade Pública para o 14 de novembro en Santiago de Compostela. “Os recortes foron a outra pandemia da nosa sanidade pública”, sinalou Silvia Cameán durante a defensa da iniciativa. Por iso pedimos un maior investimento no Sergas, e o regreso urxente da atención presencial no centro de saúde. 

Doutra banda, Claudia Delso presentou a moción contra o peche de oficinas bancarias, en concreto, contra a inminente desaparición do Banco Sabadell de Novo Mesoiro, deixando sen servizo a 10.000 persoas, tal e como denuncia a Asociación Veciñal. “O Concello ten que tomar partido, e non poñerse de perfil como fixo cando O Castrillón quedou sen a última oficina de Abanca. As entidades bancarias amasan beneficios mentres destrúen emprego”. Galicia perdeu a metade das súas oficinas bancarias desde 2008 e hai 10 concellos na provincia da Coruña que non teñen xa ningunha sucursal, como denunciamos desde a Deputación

Un plan para Os Mallos

O noso grupo participou tamén na moción conxunta con medidas para os barrios dos Mallos e a Sagrada Familia, ante o aumento dos problemas de convivencia nos últimos meses. Propuxemos medidas que procuran unha actuación integral, e que tamén beneficiarán a outros barrios. 

A voceira da Marea Atlántica, María García, afirmou que “a actuación policial é necesaria ante quen comete delitos. Pero as demandas que nos chegan dos barrios non se resolven con detencións. As vivendas baleiras van seguir aí, ao igual que os baixos sen uso, o deterioro das redes comunitarias e a perda de servizos”. Por iso propuxemos unha actuación integral, que atenda á vivenda, aos baixos baleiros e á xustiza social. 

García advertiu tamén contra o sinalamento de barrios concretos, que poden prexudicar á veciñanza á que se di querer axudar. E expresou o  noso rotundo rexeitamento ás empresas que cobran por exercer acoso inmobiliario, con métodos violentos, racismo e aporofobia. 

Un Pleno case sen asuntos de goberno

Neste Pleno, volveu quedar de manifesto a falta de iniciativa do goberno local, que só levou dous asuntos urbanísticos na orde do día, ambos postos en marcha durante o mandato da Marea Atlántica. Como sinalou Iago Martínez, é “un síntoma preocupante da falta proxecto e iniciativa política, nótase o erro de privar ao Concello de orzamentos para este ano”.

O primeiro destes asuntos foi a aprobación definitiva nun cambio no PXOM para recoñecer unha realidade a pé de rúa, o Camiño do Cura, nos Rosais, que a veciñanza emprega cada día para transitar polo barrio, e que agora poderá ser debidamente urbanizado. “Este é un dos xeitos de facer un bo urbanismo, e puxémolo en marcha escoitando a veciñanza nos espazos de participación que existían cando gobernaba Xulio Ferreiro”. 

Doutra banda, aprobouse tamén de xeito definitivo a ampliación do catálogo de edificios protexidos da Coruña, con dez novos elementos: o edificio Citröen, o Banco do Noroeste, o edificio POU, o Edificio da Cooperativa de Alféreces, o edificio de vivendas en Juan Flórez nº 28, a Escola Pablo Picasso, o grupo de vivendas dos Mariñeiros, as vivendas de Claudio San Martín, o edificio da avenida Fernández Latorre nº 43, e as vivendas pareadas na rúa do Padre Sarmiento.

“Esta iniciativa chega tamén desde o goberno da Marea Atlántica, o que pasa é que adelgazou polo camiño. Dos 83 elementos que propuxemos protexer en 2016, quedamos hoxe en dez”, lembra o vicevoceiro da Marea Atlántica. Hai una ausencia notable, a da Lonxa do Gran Sol, bloqueada pola Autoridade Portuaria, pero o goberno de Inés Rey comprometérase a presentar unha nova ampliación nos seis primeiros meses desde ano, e nada se sabe a día de hoxe.

Lamentamos que o proxecto de Orzamentos Xerais do Estado para 2022 non teña nin un euro para resolver a débeda do porto da Coruña