Iago Martínez: “Conxelar as taxas do Concello beneficia por igual a quen ten vistas ao Parrote e a quen non pode pagar a luz. É o contrario dunha medida fiscal progresiva”
Todas as iniciativas presentadas pola Marea Atlántica resultaron aprobadas: pola mobilidade metropolitana sostible, en apoio ás traballadoras do SAF e contra as violencias machistas
A Marea Atlántica denunciou hoxe, no Pleno municipal do mes de novembro, a renuncia do goberno a asumir as súas competencias e facer unha política fiscal progresiva que beneficie ás persoas que máis o precisan. Algo que pretenden esconder tras un anuncio de conxelación das taxas municipais para o vindeiro ano. Como denunciou Iago Martínez, o noso vicevoceiro, “conxelarlle as taxas por igual a quen ten vistas ao Parrote e a quen non pode pagar a factura da luz non é unha medida fiscal progresista. É todo o contrario. É comprarlle o discurso ao Partido Popular”.
Os asuntos que o goberno trouxo ante a Corporación foron, por desgraza, de trámite: unha actualización das ordenanzas fiscais para ampliar as contribucións especiais ao servizo de extinción de incendios (positiva, pero rutineira); a aprobación dunha bonificación no ICIO para a rehabilitación dun único inmoble en zona PEPRI, ambas co noso voto a favor; e un expediente de regularización de facturas ilegais con reparos suspensivos de Intervención.
Á altura de novembro, nun contexto de crise e aumento da desigualdade, o goberno local debería estar a impulsar novas ordenanzas fiscais audaces e transformadoras, como fixo en 2021 de acordo coa Marea Atlántica. Pero en lugar diso trae medidas de trámite, e disfrázaas tras anuncios electorais.
Elaborar un proxecto de Orzamentos 2023 é unha obriga
Neste sentido, Iago Martínez afeoulle o erro ao goberno, e advertiu que “oxalá non sexa o prólogo doutra renuncia, a renuncia a elaborar un proxecto de Orzamentos para 2023, algo ao que os obriga a lei”. O concelleiro lembrou que a Marea Atlántica si está disposta a negociar e cumprir coa súa responsabilidade pero “o que non podemos facer, aínda, é gobernar por vostedes”.
Cómpre sinalar que no Pleno de outubro, o portavoz do goberno local, José Manuel Lage, comprometeuse a traer un modificativo de catro millóns de euros necesarios para ampliar o servizo gratuíto das escolas infantís municipais ata as oito horas, para apoiar a unha entidade sen ánimo de lucro coma o Club do Mar e outros asuntos urxentes e inmediatos. Un mes despois, ese modificativo segue sen presentarse, como segue sen chegar a solución para o cobro do salario nas bibliotecas municipais de xestión privada, cuxas traballadoras manifestábanse hoxe á porta do Pleno, acompañadas polo candidato Xan Xove e as concelleiras do noso grupo Municipal.
Nos peiraos, ollada cara o futuro
Na quenda de mocións, o PP presentou unha proposta sobre os peiraos que, sorprendentemente, reclama pagar polo uso duns terreos públicos que xa están a ter uso público. Desde a Marea Atlántica presentamos unha emenda para achegar unha postura máis útil para A Coruña, que resultou aprobada por todos os demais grupos políticos.
O noso vicevoceiro, Iago Martínez, preguntoulle ao Partido Popular “como poden pedir, días despois da apertura de Calvo Sotelo, que se pague por pasear polo bordo litoral da Coruña? A quen representan? Aos acredores dunha débeda inxusta? Ou aos intereses electorais do señor Feijóo? ”
Emendamos a moción cunha postura máis útil para a cidade. Celebramos a apertura dos peiraos, recoñecemos o traballo e a loita das persoas que levan vinte anos reclamando un uso público para os terreos públicos. E pedimos a liquidación dos convenios de 2004 e liberar á cidade das cargas de Punta Langosteira, agora que a Autoridade Portuaria celebra os seus bos resultados. De investir cartos públicos, que sexa para crear un consorcio que, da man da veciñanza, asuma a integración dos peiraos da cidade. “Non imos cansar de loitar ata que gañemos o porto”, concluíu Iago Martínez.
Aprobadas todas as nosas mocións
Na parte non resolutiva do Pleno, todas as mocións presentadas pola Marea Atlántica resultaron aprobadas. A nosa iniciativa a prol da mobilidade sostible tivo o apoio de todos os grupos agás o PP, que se abstivo.
“A Coruña tería que estar liderando propostas de mobilidade para toda a área metropolitana. En lugar diso, ante atascos coma o que vimos hai seis días en Alfonso Molina, vemos a cada Concello saír a reivindicar o vial ou a ampliación de carrís que máis lle convén. Ninguén sinalou o evidente, que a única forma eficaz de reducir atascos e accidentes é reducir os coches”, explicou Iago Martínez.
Por iso, pedímoslle ao goberno local que retome o traballo na Mesa de Alcaldías da área metropolitana, que aborde en serio unha proposta de transporte pola ría, que coordine o servizo de préstamo público de bicis e que se tome en serio a reordenación do bordo litoral. Pedímoslle á Xunta que deixe de bloquear a creación dunha autoridade única de transporte. E ao Estado, que alinee o seu investimento en infraestruturas á mobilidade do século XXI.
Tamén a nosa moción en apoio ás mobilizacións do Servizo de Asistencia no Fogar (SAF) resultou aprobada, coa abstención de PSOE, PP e BNG tras rexeitar as emendas presentadas polos dous últimos grupos. Defendeuna Silvia Cameán, lembrando que o dos coidados é un sector feminizado e tan precario coma imprescindible para a vida. “As traballadoras do SAF son, coma elas mesmas se definen, as temporeiras da dependencia. E agora están a loitar por un convenio laboral digno, no que se lles recoñeza un salario actualizado ao IPC, entre outros dereitos. Teñen todoo o noso apoio.
A Coruña contra as violencias machistas
Doutra banda, resultou aprobada por unanimidade a nosa moción para reclamar un maior compromiso das institucións públicas na loita contra as violencias machistas. Ao fío do 25N, Día Internacional para a Erradicación da Violencia contra a Muller, a concelleira Silvia Cameán reclamou “mais medidas e políticas reais para non ter que gardar minutos de silencio”.
Lembrou que as violencias machistas son moitas, e que tamén afectan aos colectivos LGBTQI+, e que son unha realidade palpable. Segundo diversos estudos, dúas de cada tres mulleres padeceron ou foron testemuñas de casos de violencias machistas, pero o 20% dos homes de 15 a 29 anos negan a súa existencia. É o prezo que pagamos polo discurso antifeminista da ultradereita.
“Tras a pandemia, atopámonos con que a nova normalidade significa desigualdade, precariedade e deterioro dos servizos públicos. Esta situación pon de manifesto que hai vidas que importan menos que outras”, resumiu Cameán.
Durante o Pleno tivemos coñecemento, por outra banda, de que as persoas titulares da cafetería do local social da Sociedade Cultural e Deportiva San Cristóbal das Viñas, recibiron hoxe unha orde do Concello da Coruña para o seu desaloxo en oito días. Alberto Lema quixo denuncialo, pero a actitude autoritaria alcaldesa impediulle completar a intervención, que ampliou posteriormente nun rogo. O ambigú do San Cristóbal é máis ca un dos poucos locais de hostalería da avenida de Glasgow, tamén é un punto de reunión para a xente do Birloque. Ten actividades para maiores, xantar en Nadal para persoas sen familia, bailes, sardiñadas… Antes de eliminala para as obras do novo centro cívico, sería preciso dialogar coa veciñanza.
Na sesión plenaria de hoxe falamos tamén da situación da planta de tratamento de residuos de Nostián, que María García cualificou coma “un dos maiores fracasos deste mandato”. Trátase dun contrato esencial que leva caducado desde decembro de 2019, e que xa non se renovará antes das eleccións, “o que amosa a falta de modelo para o tratamento do lixo, o abandono das políticas de residuo cero que implantou a Marea Atlántica, o deterioro dun servizo compartido cos concellos da área metropolitana ”. E mentres non hai contrato, a planta deteriórase e o cadro de persoal perde parte dos seus dereitos, como denuncian nas súas mobilizacións dos últimos días.
Os comentarios están pechados.