Saltar ao contido

Este tipo de medios, recoñecidos pola ONU, a UE e varios organismos internacionais, contribúen a garantir a liberdade de expresión e a fortalecer ás sociedades democráticas

Doce anos despois da aprobación da primeira normativa de Comunicación Audiovisual, non se concedeu nin unha soa licencia comunitaria


O grupo municipal da Marea Atlántica rexistrou unha moción para reclamarlle ao goberno do Estado que inclúa na noval Lei Xeral de Comunicación Audiovisual, actualmente en trámite, as reivindicacións da Rede de Medios Comunitarios, representada na nosa cidade por CUAC FM. Esta proposta será debatida mañá, no no Pleno ordinario do mes de marzo, e confiamos en que recibirá o apoio da maioría da Corporación Municipal. 

Reclamamos, en concreto, que esta normativa regularice debidamente a obtención de licenzas para emitir, mellore a definición de medio comunitario incluíndo o criterio da participación social e defina cales son as súas vías de financiamento autorizadas. Criterios básicos para normalizar o funcionamento dun tipo de medios cuxos beneficios están recoñecidos pola ONU, o Consello de Europa, a Unión Europea e mesmo o propio Estado español. Por iso, tamén cremos que debería habilitarse un fondo público de apoio á comunicación de proximidade, como os que xa existen noutros países europeos. 

Os medios comunitarios, definidos pola UNESCO como “esenciais para garantir o pluralismo dos medios e a liberdade de expresión, e indicador dunha sociedade democrática saudable”, son espazos mediaticos sen ánimo de lucro e con fins sociais, xestionados por organizacións cidadás. O seu traballo está orientado a satisfacer as necesidades de comunicación da cidadanía, está aberto a unha participación o máis ampla posible, e axuda a habilitar o exercicio dos dereitos á información e á liberdade de expresión das persoas e das comunidades.

Porén, e a pesar de que o Estado prevía a súa regularización a partir de 2011, doce anos despois da entrada en vigor da primeira Lei de Comunicación Audiovisual, nin unha soa licenza comunitaria foi outorgada, nin un euro da Administración Xeral do Estado foi dedicado ao financiamento da súa actividade. 

CUAC FM, patrimonio da Coruña

Por fortuna, temos na Coruña un destes medios, CUAC FM, que celebrou o pasado ano o seu 25 aniversario. Unha radio que é patrimonio da cidade, e na que milleiros de persoas recibiron formación e exerceron o seu dereito a comunicar. Emitiu 480 programas, sen rexitar nunca ningunha proposta, e pola que pasaron representantes de todas as forzas políticas con asento hoxe na Corporación Municipal. 

Todas as cidades e vilas merecen algo coma CUAC FM, e por iso cremos que o Estado pode facer un maior esforzo para darlles apoio e seguridade xurídica aos medios comunitarios. 

Reclamamos no Pleno un maior apoio aos medios comunitarios na nova Lei de Comunicación Audiovisual