O PSOE escolle manter o anacrónico proxecto en Visma, completamente fóra de escala, e rexeita as propostas da veciñanza de Durmideiras para non construír na contorna da Torre
María García: “Outro pleno sen medidas de vivenda e sen resolver os convenios coas entidades sociais. A este paso, o goberno vai presentar os orzamentos directamente como programa electoral”
O goberno de Inés Rey escolleu hoxe poñerse do lado dos promotores inmobiliarios buscando unha alianza do PP e rexeitando as dúas iniciativas que a Marea Atlántica presentou para controlar en Visma e en Durmideiras os desenvolvementos urbanísticos anacrónicos e trasladados desde os anos 90. Partido Popular e PSOE sumaron votos para impedir que estas dúas mocións fosen aprobadas.
Porén, tal e como denunciou a nosa voceira municipal, María García, “o que non temos neste Pleno, e xa van moitos meses, son medidas de vivenda, nin a renovación dos convenios coas entidades sociais que a 2 de marzo seguen sen saber se terán apoio do Concello, nin uns orzamentos que, ao ritmo que imos, o goberno presentará xa directamente como programa electoral”.
Un goberno non é unha xestoría inmobiliaria
Tras o acto que celebramos onte, coa asistencia de máis de 70 persoas, para explicar as nosas alegacións e a magnitude da macroubanización en Visma, o vicevoceiro municipal da Marea Atlántica, Iago Martínez, pediulle ao goberno de Inés Rey que “escoite á veciñanza e vote a favor das nosas mocións, dun modelo de cidade e dunhas políticas urbanísticas que atendan ao que precisa A Coruña hoxe. Non se limiten a repetir os argumentos das promotoras inmobiliarias, como veñen facendo ata agora. Polo menos, non tomen agora, a 90 días das eleccións, decisións urbanísticas que non suman, non son progresistas e hipotecan o goberno que chegará o 28 de maio ”.
Pero a petición non foi escoitada e o PSOE preferiu votar co PP, tanto en Visma coma na nosa moción sobre Durmideiras, que recollía as propostas da veciñanza tras un encontro con ducias de persoas. De novo, ambos partidos sumaron votos nun bipartito inmobiliario para evitar un compromiso claro: non edificar na contorna da Torre de Hércules.
O cambiazo na Cidade das TIC
Do debate urbanístico tamén formou parte a aprobación definitiva do estudo de detalle para o proxecto da Cidade das TIC, no que se dá un auténtico cambiazo con respecto ao aprobado inicialmente, ata o punto de que o equipo redactor do estudo negouse a asinar esta versión. Por orde do Ministerio de Defensa, que o goberno local acata sen dar un chío, redúcense as zonas verdes e a laguna, elimínase o aparcamento disuasorio previsto e esgótase ao máximo a edificabilidade prevista no PXOM que propón unha altura de 25 metros sobre as naves existentes e un 60% de ocupación de parcela. O concelleiro de Urbanismo fixo intento de negalo, pero así figura literalmente na memoria que acompaña ao proxecto. Tamén negou aposibilidade de mudar o PXOM para adaptalo ao proxecto, pois na actualidade está pensado para unha zona industrial.
“O que nos preguntamos —afirmou Iago Martínez— é que Cidade das TIC quere Inés Rey. Quere un equipamento integrado cos barrios, con servizos e espazo público? Ou quere un polígono industrial á vella usanza, completamente desconectado? Non o sabemos, porque aquí só actúa como unha xestoría que tramita os intereses do Ministerio de Defensa. Cambiaremos iso no vindeiro mandato, facendo políticas, desde o planeamento e cun modelo claro de cidade”. En todo caso, abstivémonos para non bloquear o desenvolvemento dun proxecto que apoiamos desde o comezo, pero que merecería un desenvolvemento máis axeitado ao momento actual.
Eliminación da cita previa obrigatoria nos servizos municipais
Doutra banda, resultou aprobada por unanimidade a nosa moción para solicitar que a cita previa obrigatoria se elimine nos servizos municipais, evitando que se converta nunha barreira que agrande a fenda dixital e impida que moitas persoas queden sen acceso á administración. Como sinalou o concelleiro Alberto Lema, “é unha medida que tivo sentido durante a pandemia, para minimizar o contacto persoa, pero mantela hoxe é inxusto para quen non ten acceso a internet, as persoas maiores ou sen recursos, que son precisamente as que requiren máis atención por parte do Concello”.
En todo caso, o goberno xa escolleu responder pola prensa a esta iniciativa, filtrando a comezos da semana a súa vontade de eliminar a cita previa obrigatoria a partir do mes de abril. Agardamos que este non sexa un dos moitos compromisos que incumpren.
A lenta aprobación do Consello Municipal da Cultura
A Corporación tamén aprobou hoxe, por unanimidade e de xeito definitivo, o regulamento do Consello Municipal de Cultura, unha boa nova que, lamentablemente, chega no tempo de desconto do mandato, 27 meses despois da primeira vez que se falou del no Pleno e un ano despois da sinatura do acordo orzamentario entre a Marea Atlántica e o PSOE, do que formou parte. “Daquela, en 2020, a creación do Consello tiña que ser un vehículo para canalizar o desexo que tiña o sector cultural de axudar e involucrarse nas políticas do Concello. Por desgraza, xa estamos no tempo de desconto do mandato, e esa vontade desaproveitouse”, aclarou o noso vicevoceiro municipal, Iago Martínez.
A pasada semana, o noso candidato á Alcaldía, Xan Xove, reuniuse cuns trinta representantes do sector cultural na Coruña que, cando lles preguntamos, puntuaron cun 2,2 de media a interlocución do goberno de Inés Rey co sector, e o 67% sinalou como “insuficiente” o apoio recibido por parte do Concello nos últimos catro anos. E resulta lóxico, pois faltou a mínima xestión e mesmo tivemos que converter algo tan elemental coma ter unha Concellería de Cultura nun compromiso para o vindeiro mandato.
En toco caso, a aprobación do Consello Municipal de Cultura é unha boa nova, mesmo 90 días antes das eleccións. O regulamento incorpora a inmensa maioría das alegacións presentadas polo BNG, o PP e un particular. Celebramos que chegue ao final este longo treito. “O decisivo é que se aprobe, que se constitúa cando antes, e que o próximo goberno se ocupe de poñelo en marcha e dinamizalo, un goberno da Marea Atlántica”, en palabras de Iago Martínez.