A Marea Atlántica lamenta especialmente que o PSOE rexeite acatar a sentenza que declara ilegal o nomeamento dunha tránsfuga de Ciudadanos como concelleira de Deportes. Mentres, PP e BNG escollen absterse

A Marea Atlántica lamenta que PP, PSOE e BNG evitasen hoxe comprometerse cos termos do Pacto Antitransfuguismo, asinado por estas tres forzas políticas, e escollesen non apoiar a moción presentada polo noso grupo para esixir o cumprimento da sentenza que declara ilegal o nomeamento de Mónica Martínez, tránsfuga de Ciudadanos, como concelleira de Deportes. Resulta especialmente triste a posición do Partido Socialista, que optou polo voto en contra, rexeitando acatar un mandato xudicial moi claro. PP e BNG escolleron absterse. 

O noso vicevoceiro, Iago Martínez, encargado de defender a moción, lembrou que o Pacto Antitransfuguismo dá unha definición clara: “Enténdese por tránsfugas aos e ás representantes locais, autonómicos ou estatais que, traizoando ao suxeito político co que se presentaron ás eleccións abandonaran o mesmo, foran expulsados ou se aparten do criterio fixado polos seus órganos competentes”. Igualmente clara é a sentenza do Contencioso Administrativo, así como a nosa proposta de respectala cesando a Mónica Martínez. 

Tal e como sinalou Iago Martínez, “isto non é unha cuestión persoal nin ten que ver coa xestión da área de Deportes; tampouco é agradable facelo. Pero si ten que ver coa defensa da democracia e coa ética fundamental do labor de representación política, dúas cuestións que deberían ser transversais a todas as formacións que non estean na ultradereita”. Por desgraza, hoxe este pacto de mínimos non se cumpriu no Pleno do Concello da Coruña. Como  reflexión as decisións que agora a sentenza declara ilegais, son froito de erros cometidos á volta do verán de 2020. Entre elas, deixar á cidade sen orzamentos. 

Como xa sinalara a nosa voceira, María García, a decisión de darlle responsabilidades de goberno a unha tránsfuga foi parte dunha cadea de erros cometidos no verán de 2020 polo Partido Socialista, crebando as bases coas que se estaba a construír a gobernabilidade neste mandato. E a cidade pagou as consecuencias. Parte dese dano quedou reparado pola aprobación dos Orzamentos 2022, co apoio da Marea Atlántica, e o resto podería corrixirse co acatamento da sentenza. Por desgraza, o goberno local parece disposto a afondar na equivocación. 

Sentidiño na pasarela das Xubias

Doutra banda, foi aprobada por todos os grupos agás o PP a nosa moción para reclamarlle á Xunta un maior diálogo e transparencia no seu proxecto para construír unha pasarela nas Xubias, presentado de forma unilateral na xira de despedida de Feijóo. Pero unha infraestrutura deste calado, e que terá impacto ambiental na duna de Santa Cristina, merece diálogo coa veciñanza e cos concellos afectados, por non falar do cumprimento das propias leis da Xunta. 

A concelleira Claudia Delso, que defendeu esta iniciativa, sinalou que o goberno galego debería darlle a mesma prioridade a outros proxectos máis decisivos para a mobilidade metropolitana, coma a autoridade única de transporte que hai anos que reclaman todos os concellos da área, e que segue no caixón de San Caetano. Ignorando as necesidades de coordinar o transporte público interurbano para máis de 400.000 persoas.  

Un Día das Letras para Luísa Villalta 

Igualmente aprobada foi a nosa proposta de dedicarlle o Día das Letras de 2023 a Luísa Villalta, a quen o concelleiro Alberto Lema describiu coma unha das voces poéticas máis infuíntes da literatura galega contemporánea, ademais de activista pola lingua e polos dereitos sociais. Unha proposta que xa foi impulsada polo Concello de Sada e as asociacións culturais Suárez Picallo e Alexandre Bóveda. Por desgraza, o PP, coa súa habitual faltas de sensibilidade, impediu que a aprobación se levase a cabo por unanimidade. 

Alberto Lema deulle lectura durante o Pleno a uns versos cos que Luísa Villalta púxolle voz á cidade da Coruña: 

“Os seixos dos nomes vanse depositando moi fondo
no esquecemento lama do río Monelos
alín onde ninguén teima en desafíar a propia morte
para traérllelos aos nenos que corren polos bairros
—nenos nenos aínda— e confesar
o cotidianos que nacemos desde que fomos onte
confesar que de verdade os Mallos mallan
que a Gaiteira aínda ven de Agrela asubiando cara o mar
e no Montealto, no de Outeiro e máis nas Moas
permanecen os ares insepultos dos que foron dando forma
no molde verbal dos ventos que habitamos”