Tamén a nosa proposta para ordenar e regular os parques eólicos mariños recibiu un apoio unánime da Corporación
A iniciativa da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica en apoio a unha marcha cívica contra a simboloxía franquista foi rexeitada co non do PP e a abstención do PSOE
Todos os grupos representados no Pleno do Concello da Coruña apoiaron hoxe a moción da Marea Atlántica na que se reclamaba unha mellora, tanto en recursos coma en persoal, da atención psicolóxica na sanidade pública galega. “Colectivos de profesionais e pacientes están a denunciar listas de agardas de ata seis meses, nun momento no que os datos sobre a saúde mental son enormemente preocupantes. E non nos afectan a todas por igual, golpea con máis forza a quen menos ten, especialmente no caso das mulleres”, tal e como denunciou a concelleira Silvia Cameán.
As consecuencias da pandemia de covid tamén se deixan notar nun aumento da ansiedade, a depresión, o estrés, a soidade non desexada e mesmo os suicidios. As cifras son cada vez maiores e cada vez afectan a xente máis nova. En Galicia hai máis de 80.000 persoas con certificado de discapacidade por enfermidade mental, segundo o censo 2020 da Consellería de Política Social. No conxunto de España, o INE sinala que durante o ano 2020 había 2,1 millóns de persoas con cadros depresivos.
Sentidiño na enerxía eólica
A nosa moción para reclamar un maior control da instalación de parques eólicos no mar tamén foi aprobada por unanimidade, tras incorporar unha emenda do PP pola vía da transacción, con propostas que oxalá Feijóo aplicase cando lle toca autorizar aeroxeradores terra adentro.
Así, na iniciativa reclámase unha análise detallada dos proxectos e do seu impacto ambiental, tamén desde o Concello da Coruña cando sexan parques que afecten as nosas costas. Reclámase unha moratoria nas autorizacións de parques mentres non estea aprobado o Plan de Ordenación do Espazo Marítimo da Zona Noratlántica, e un especial coidado en protexer a pesca e a biodiversidade.
Como asegurou a nosa voceira, María García, “non pode ser que un proxecto coma o parque Nordés, con 80 turbinas e unha superficie de 268 quilómetros cadrados, a tan só 30 quilómetros da costa ártabra, pretenda tramitarse antes que o plan de ordenación que debe regulalo.
Sen compromiso coa memoria democrática
Por desgraza, foi rexeitada a iniciativa da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica, que trasladamos nunha moción conxunta co BNG e a concelleira non adscrita, para reclamar que se cumpra coa Lei da Memoria Histórica retirándolle honras a colaboradores do franquismo, ao tempo que se apoia a Marcha Cívica – 6º Roteiro da Vergoña, convocada o próximo 12 de marzo para informar e sensibilizar sobre os restos do franquismo no rueiro e as institucións coruñesas.
O PP votou en contra, e o PSOE abstívose, facendo posible que a moción fose rexeitada, e mudando a postura do Pleno de decembro. Daquela, o grupo socialista apoiou unha moción da Marea Atlántica, reclamando o mesmo que pide hoxe a CRMH, que se respecten e difundan as conclusións do informe do Instituto Cornide, realizado por encarga do Consello da Memoria Democrática do Concello, e ocultado durante meses.
O Partido Popular presentou, ademais, unha emenda que o noso vicevoceiro definiu como “puro lixo” e “un desprezo ás vítimas do franquismo”, xa que defendía substituír un roteiro da memoria democrática por unha “marcha macabra” de sinalamento de persoas sen recursos nos barrios da Coruña, nun incendiario deterioro da convivencia. Por fortuna, esta emenda tamén foi rexeitada polo Pleno.