O noso grupo consegue o voto da maioría do pleno para as propostas destinadas a baixar o prezo da luz e levar melloras de seguridade viaria e espazo público ao barrio de Palavea
Sae tamén adiante a reclamación de que as traballadoras da Axuda a Domicilio teñan prioridade para vacinarse e medidas axeitadas de protección. O PSOE abstívose
O grupo municipal da Marea Atlántica logrou hoxe aprobar, por ampla maioría, as tres mocións que levou ao Pleno do Concello da Coruña. A primeira delas estivo destinada a reclamar medidas que sirvan para reducir o prezo da factura da luz, tras a escandalosa subida de xaneiro, máis dun 29% nun fogar medio, segundo Facua. Defendeuna a nosa voceira, María García, lembrando que “a enerxía é un ben de primeira necesidade, coa que non se pode especular se non queremos condenar á pobreza a milleiros de familias”. Deste xeito, reclamou que se actúe sobre o mercado da enerxía, e ademais se reduza a parte fixa da factura e baixen impostos con criterio social, para “que pague menos quen menos consome, coma unha forma de combinar aforro enerxético e xustiza social”.
Outras propostas para o Estado son mellorar o Bono Social, concedéndollo de oficio a quen reúna as condicións, e garantir un mínimo vital en todos os fogares. E ao goberno municipal, lembrámoslle os seus compromisos de crear unha empresa municipal de enerxía e unha Oficina de Enerxía para asesorar á veciñanza. Pediulle tamen que manteña o requisito de que a electricidade consumida polo concello siga sendo 100% renovable, como se instaurou en 2018. A moción saiu adiante cunha emenda do BNG e abstención do PP.
Foi rexeitada unha proposta do Partido Popular no mesmo eido, que demandaba unha baixada xeral de impostos, precisamente o partido que creou o imposto ao sol e cambiou a lexislación para favorecer ás grandes empresas eléctricas.
Coidemos de quen coida
A segunda das nosas mocións foi aprobada por toda a Corporación agás polo goberno municipal, que se abstivo inexplicablemente. Pedía que as traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar, imprescindibles para o coidado de persoas maiores e dependentes, teñan prioridade á hora de recibir a vacina da COVID.
A concelleira Silvia Cameán explicou que “só na Coruña o SAF conta cunhas 300 traballadoras que visitan ata cinco domicilios ao día, e para iso contan só cunha máscara quirúrxica”. Fixo tamén un chamamento a dignificar os traballos de coidados, que arrastran salarios baixos e precarización desde ben antes da pandemia.
Os barrios, esquecidos
Finalmente, a concelleira Claudia Delso defendeu unha moción na que reclamamos melloras de espazos públicos, zonas verdes e, moi especialmente, seguridade vial no barrio de Palavea. Foi enriquecida con emendas do PSOE, PP e BNG, grupos que apoiaron a proposta. Só a concelleira non adscrita Isabel Faraldo optou pola abstención.
Como lembrou Claudia Delso, en Palavea e Pedralonga “a veciñanza xoga a vida diariamente para cruzar a Avenida da Vedra, e agarda desde hai décadas pola pasarela que lles prometen unha e outra vez. Mentres tanto, é necesario que o Concello siga a actuar na zona, como fixo durante o goberno anterior”.
Ata catro mocións, de todos os grupos da oposición, centráronse en reclamar melloras para os barrios: Palavea. Os Castros, A Gaiteira, Elviña, O Birloque, Agra do Orzán, etc. Síntoma de que este goberno muncipal ten que afastarse un pouco máis do radio dos Cantóns.
Preguntas orais
Na quenda de preguntas orais, a Marea Atlántica solicitiou explicacións sobre a falta de medidas sanitarias no ámbito dos servizos municipais, “denunciada polos sindicatos e recoñecida pola Inspección de Traballo á que chamou á Policía Local, algo inédito na historia deste Concello”, en palabras de Alberto Lema. O concelleiro pediulle a Inés Rey que “deixe de poñerlle obstáculos ao teletraballo, facilite o illamento e permita a celebración telemática dos órganos. Asuma as súas responsabilidades antes de reclamarllas á veciñanza”.
Iago Martínez pediu unha valoración sobre a “baixísima execución do Orzamento 2020 deste Concello, na que un de cada catro euros quedou sen gastar, xusto nun ano no que cada recurso público era decisivo. Houbo catro áreas, (Alcaldía, Deportes, Turismo e Emprego) que non acadaron nin o 50% do gasto, e se descontamos o pago das expropiacións irregulares que fixo Francisco Vázquez en Elviña, non se executou nin o 15% do investimento. Esta era a esquerda útil?”.
Finalmente, María García interrogou ao goberno municipal sobre o papel do Concello no proxecto para as obras de ampliación do hospital da Coruña en licitación, una licitación previa a la aprobación del convenio “onde en virtude do texto, parece que se limita a pagar, calar e obedecer a Feijóo. Todo por unha foto en María Pita e unha tramitación exprés, moito máis veloz que os reforzos de persoal para a Sandade Pública, desde logo”. Ningunha desta cuestións recibiu unha resposta clara e directa, como vén sendo tristemente habitual.