María García: “Celebramos o novo sentido común en torno ao porto. É o momento de abrir unha nova fase, con máis usos e un acceso máis democrático aos peiraos, que deben ser cidade”
Un Pleno máis, o goberno só presenta trámites administrativos. “Seguen sen orzamentos, sen convenios, sen proxectos e sen políticas. O mandato estáselles facendo longo”, di Iago Martínez
O Concello da Coruña acolleu hoxe o Pleno Ordinario do mes de febreiro, un dos últimos do mandato, que se celebrou unha vez máis sen que o goberno local presentase orzamentos, nin convenios coas entidades sociais, nin proxectos, nin políticas. “Os únicos debates relevantes de hoxe chegan grazas á oposición. A Inés Rey estáselle facendo longo o mandato, chega sen propostas. Non está á altura da maioría progresista que a veciñanza votou en 2019. Agardamos que en maio, da man da Marea Atlántica, as cousa cambien”, sinalou o vicevoceiro da Marea Atlántica, Iago Martínez. Como exemplo, as nosas iniciativas sobre o futuro dos peiraos e sobre as medidas urxentes fronte á imparable alza dos alugueiros, e en defensa do dereito ao aborto, todas elas aprobadas.
Na cuestión portuaria, deixamos claro que é o momento de entrar nunha nova fase tras o novo escenario que se abriu nos últimos meses. A Marea Atlántica presentou unha moción para deixar un compromiso claro: non hai que pagar polo uns peiraos que xa son públicos e teñen uso público. Todos os grupos votaron a favor da proposta agás o PP, o único que segue a defender unha débeda e uns acordos inxustos.
Como sinalou a nosa voceira municipal, María García, “despois de dúas décadas de mobilización cidadá, e dun goberno local que se implicou a fondo, o de Xulio Ferreiro, estamos a ver cambios substanciais na cuestión portuaria. Hai consenso en que o modelo de formigón plasmado nos convenios de 2004 non serve. Os peiraos xa están abertos e cómpre seguir avanzando por esa senda, sen necesidade de gastar unha millonada en mercar terreos que xa son públicos para, en realidade, pagar a débeda da Autoridade Portuaria.
Sen a Marea, xa se terían enterrado 20 millóns nos peiraos
A concelleira engadiu que “agora é de sentido común que non se deben malgastar vinte millóns de euros nos peiraos, pero se non se fixo este ano, foi porque a Marea Atlántica fixo valer o seu peso político e marcou unha liña vermella na negociación dos orzamentos do ano pasado”. E sinalou que “é o momento de cambiar de fase, de seguir abrindo os peiraos a máis usos e dun xeito máis democrático, que non faga falla chamarse Marta Ortega para propoñer actividades alí. É o momento de avanzar para seguir facendo do porto, cidade”. Ademais, a situación económica da Autoridade Portuaria da Coruña é moito máis positiva, tal e como recoñeceu o seu presidente, Martín Fernández Prado, e o de Puertos del Estado, Álvaro Dapena. “Se eles non están preocupados pola situación económica do porto, non sei por que debería estalo o Concello da Coruña”, argumentou María García.
Un goberno tan preocupado pola vivenda que non toma medidas
Resultou igualmente aprobada a nosa moción con medidas urxentes fronte a suba de prezos que fai imposible alugar na Coruña, rescatando as iniciativas que se poderían aplicar de inmediato dentro do acordo de vivenda que o goberno local leva catorce meses incumprindo. Aprobouse co sorprendente apoio do PSOE, a pesar de que a intervención do concelleiro de Urbanismo deixou bastantes dúbidas sobre a súa intención de cumprila. Entre outras cousa, segue faltando á verdade e negando que o Concello teña competencias para autorizar as vivendas de uso turístico, a pesar de que as iniciativas tomadas en municipios coma Santiago de Compostela e numerosas sentenzas xudiciais deixan claro o contrario.
Así, demandamos que a regulación dos pisos turísticos se poña en marcha de inmediato, non en xullo, para frear o crecemento do 2,2% mensual deste sector, que xa suma na cidade 729 vivendas, fronte ás 490 dispoñibles para alugueiro convencional. Se non actuamos xa, o problema non fará máis que empeorar. Tamén reclamamos a reforma da bolsa de aluguer de EMVSA para que chegue á mocidade, e a licitación inmediata das 50 vivendas públicas previstas en Xuxán, que leva todo o mandato parada.
“Canto máis teñen que subir os alugueres? Cantos máis pisos turísticos teñen que implantarse na cidade para que a alcaldesa abandone o negacionismo e decida facer algo pola vivenda? Pensan ter en conta nalgún momento á parte da sociedade que vive de alugueiro, que cada día é máis vulnerable, e que na Coruña é maior que noutras localidades”, preguntou Iago Martínez, sen resposta por parte do goberno.
En defensa dos dereitos sexuais e reprodutivos
Tamén resultou aprobada, só co PP en contra, a nosa proposta sobre o dereito ao aborto e os dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres, apoiando a Lei de Saúde Sexual e Reprodutiva. “Esta nova reforma legal ofrece unha cobertura máis ampla ao dereito de interrupción do embarazo, tentando que chegue a todas as mulleres”, argumentou Silvia Cameán, “por iso non deben tolerarse os obstáculos que se poñen desde as comunidades do Partido Popular e moito menos protocolos coma o que tentou impulsar a ultradereita en Castela e León”.
A nosa iniciativa incluía, ademais, unha petición ao goberno local para organizar campañas informativas que expliquen e divulguen estes cambios normativos, para que a veciñanza sexa consciente de como exercelos.
Oito horas de balde nas escolas infantís… no aire se non hai uns orzamentos
A parte resolutiva deste pleno estivo formada exclusivamente por trámites, entre eles, a aprobación definitiva das oito horas de atención gratuíta nas escolas infantís, un paso necesario pero que chega máis tarde do debido e, o que é peor, sen orzamentos para respaldalo. Como explicou a concelleira SIlvia Cameán, “como o goberno carece de proxecto orzamentario e nin sequera presenta un modificativo de crédito, tememos que o aprobado hoxe quede en nada pola falta de fondos”.
Cameán lembrou que as escolas infantís foron gratuítas na Coruña moito antes de que a Xunta dese o paso grazas ao traballo realizado no pasado mandato e ao acordo de investidura entre a Marea Atlántica e o PSOE. “Pero agora que sería necesario incrementar esa gratuidade a xornada completa para evitar o agravio comparativo coas escolas subvencionadas pola Xunta (que favorece ao ensino privado), este goberno non se está a aplicar. Xa teríamos que estar revisando os contratos das escolas infantís en vigor, se queremos realmente que o cambio se aplique ese curso”.
A concelleira lamentou non poder facer un bo balance do traballo na Área de Educación, pero segundo os últimos datos dispoñibles nas memorias municipais, o investimento en programas educativos pasou de 1,2 millóns en 2019 a 250.000 euros en 2021, pasando de 40.000 a 9.500 persoas participantes. Neste ano, ademais, perdéronse 95 prazas na rede de escolas infantís, coa privatización da EIM Carmen Cervigón, que o goberno local foi incapaz de solucionar.