O Pleno aproba definitivamente as ordenanzas fiscais para 2022, froito do acordo entre a Marea Atlántica e o goberno, na senda da xustiza fiscal
As familias monoparentais pasan a ter as mesmas vantaxes fiscais que as numerosas, ao tempo que aumentan os impostos ás multinacionais da telefonía
O Pleno Extraordinario celebrado hoxe no Concello da Coruña aprobou de xeito definitivo as ordenanzas fiscais para o ano 2022, froito dun acordo entre a Marea Atlántica e o PSOE e, como sinalou a nosa voceira, María García, “continúan a senda de xustiza fiscal iniciada en 2015, co goberno de Xulio Ferreiro, para que pague máis quen máis ten para aliviar ás persoas máis vulnerables.
García sinalou que “o diálogo e a negociación co goberno local continúa a dar froitos positivos, coma as medidas de vivenda que anunciamos onte, e que sumarán máis de 9 millóns de euros en 2022. Estamos no camiño cara aprobar uns Orzamentos á altura do que precisa A Coruña nestes momentos complicados, para afrontar as consecuencias da pandemia”.
Así, co novo ano, entran en vigor taxas que por primeira vez coidan ás familias monoparentais, un tipo de fogar cada vez máis común, que gozarán das mesmas bonificacións de taxas que as familias numerosas. Pola contra, créase unha nova taxa para que as empresas de telefonía paguen polo uso do subsolo para as súas redes, e subiránselle os impostos aos bancos por instalar caixeiros automáticos nas rúas, especialmente no centro.
Son medidas na mesma liña que comezou no mandato da Marea Atlántica, coma non cortarlle a auga ás persoas sen recursos, facer que os vehículos máis contaminantes paguen un IVTM máis alto, ou beneficiar á actividade pesqueira e á lonxa no porto da Coruña, entre outras moitas.
Acordos aínda pendentes
Porén, seguen a quedar acordos pendentes de desenvolver, coma o cambio nas ordenanzas de mercados e instalacións deportivas para que as asociacións veciñais e ONG poidan solicitar o uso gratuíto uso destes equipamentos sen custo para eventos de interese social. E os estudos de separación de residuos para implantar o pago por xeración.
No trámite, foi aceptada unha alegación cidadá, mentres que outras foron desestimadas por motivos técnicos, aínda que “moitas achegan propostas interesantes, coma a mellora da ordenanza de telefonía, as bonificacións por mantemento do emprego ou no eido da vivenda, e debería buscárselles encaixe normativo ao longo do vindeiro ano”.
Aprobación da conta xeral
Doutra banda, o goberno local trasladou a Conta Xeral de 2020 para ser aprobada, un trámite necesario e que serviu para repasar cifras xa coñecidas. Como sinalou o vicevoceiro da Marea Atlántica, Iago Martínez, foi un exercicio marcado pola baixa execución, a menor en cinco anos, cun 74,1% e 82,6 millóns de euros sen gastar. “Mesmo houbo catro áreas que non chegaron ao 50%: Deportes, Emprego, Turismo e Alcaldía”.
Martínez lembrou, ademais, que 2020 estivo marcado polo incumprimento dos acordos de investidura, “un erro que, así o cremos, está a ser obxecto de reflexión por parte do goberno local, e que terá emenda no marco das conversas que estamos a manter para a aprobación duns Orzamentos 2022 á altura do que a cidade precisa”.
Desde o Salón de Plenos trasladámoslle, ademais, todo o noso apoio ao persoal do CHUAC, que se mobilizou esta mañá no hospital para denunciar o colapso das urxencias a falta de investimento na sanidade pública. Despois de ano e medio de pandemia, coa cidadanía facendo un enorme esforzo, Feijóo segue a ter baixo mínimos a Atención Primaria e hospitalaria, nunha actuación irresponsable que lle dá as costas á sanidade pública e que ten consecuencias na saúde física e mental do conxunto da poboación.