Saltar ao contido

No prazo dun mes, tamén deben iniciarse os trámites para poñer en marcha a Oficina da Enerxía, que axude a veciñanza a reducir a súa factura, e o Mapa das Enerxías Renovables 

Hoxe tamén foi aprobado un modificativo de crédito, que permite continuar investimentos da estratexia EIDUS Coruña, e resolve parte dos problemas de ter un orzamento prorrogado


O Pleno do Concello da Coruña, na sesión extraordinaria convocada hoxe, deulle o pistoletazo de saida para a creación dun operador enerxético municipal con fontes 100% renovables, ao aprobar a declaración de interese económico. A iniciativa, froito dun acordo entre a Marea Atlántica e o PSOE, foi apoiada por todos os grupos agás o PP. O obxectivo é que a cidade conte cunha ferramenta para xestionar un ben esencial como é a electricidade. “A empresa eléctrica municipal será unha ferramenta fundamental na loita contra a pobreza enerxética, a protección ambiental e aumentará a capacidade de actuar desde o público”, tal e como resumiu a nosa voceira, María García.

Deste xeito, avánzase nun dos acordos asinados entre a Marea Atlántica e o PSOE para a investidura da alcaldesa, que se estivo a perfilar nos últimos meses e tivo o seu broche na xuntanza deste martes entre Inés Rey e María García. Un paso adiante que suporá a participación pública no sector da enerxía, dominado agora pola cobiza das grandes eléctricas, coas consecuencias que están á vista: suba desmedida de prezos, fogares que non chegan a pagar a factura e compañías como Endesa, antes pública e estatal ata que foi privatizada – que triplican os seus beneficios. 

O acordo prevé impulsar o novo operador enerxético desde o seo de Emalcsa, a empresa municipal de augas, e inclúe dúas iniciativas complementarias que deberán iniciar a súa tramitación nun mes: a Oficina da Enerxía, que asesorará á veciñanza no trato coas grandes eléctricas e axudará a baixar a súa factura da luz; e o Mapa das Enerxías Renovables, que permitirá localizar os mellores puntos para producir enerxía limpa, como xa se fai en Nostián e na EDAR de Bens. 

Un acordo que non pode volver paralizarse

Tal e como sinalou María García, “hoxe celebramos o desbloqueo dun acordo que estivo demasiado tempo parado, sobre todo desde o punto de vista da xente que non sabe se vai poder pagar a súa factura da luz. Celebramos os avances, e esixiremos que o proceso non volva deterse”. O seguinte paso é designar, nun máximo de dous meses, unha Comisión de Estudo composta por todos os grupos políticos da Corporación e por persoal técnico, que perfilará o proxecto do operador enerxético municipal. 

A nosa portavoz tamén lle respondeu ao Partido Popular, quen lanzou un ataque contra a empresa municipal de enerxía, moi na liña do partido que privatizou Endesa e lle puxo un imposto desmedido á enerxía solar. “Di o PP que os concellos non teñen competencias, voulle poñer dous exemplos do que poden facer os concellos cando se interesan polos problemas da xente: a Eléctrica de Cádiz, sinalada pola OCU en setembro coma a máis barata entre as 30 maiores comercializadoras do país; e Barcelona Energía, que comezou subministrando enerxía 100% renovable a instalacións e equipamentos municipais pero xa ten alcance metropolitano. Ningunha das dúas lle corta a luz a quen non ten recursos económicos”.

María García sinalou que, xa en 2020, antes da última escalada de prezos, Cáritas avisaba de que o 17% dos fogares pasan frío en inverno por non poder pagar a enerxía. “E a situación non vai mellorar a curto prazo, polo que todas as administracións, tamén os municipios, temos que facer a nosa parte”. 

Os resultados do diálogo

Neste pleno, tamén se aprobou un modificativo de crédito para garantir que diversos proxectos da estratexia europea EDUSI Coruña poden seguir adiante, como a humanización do Paseo Marítimo pola parte dos Pelamios, ou as axudas para a Áreas de Rehabilitación Integral. Como sinalou o noso vicevoceiro, Iago Martínez, “este modificativo contribúe a reparar unha parte do dano que supón ter un orzamento prorrogado este ano”. 

Un novo acordo entre o PSOE e a Marea Atlántica que traduciu en beneficios para a cidade. Pero que, en palabras de Iago Martínez, “non gusta a quen pensa que pode mandar nesta cidade sen presentarse ás eleccións, a quen cre que pode decidir quen ten dereito a participar do goberno desta cidade, vote o que vote a xente”. Un recado que onte e hoxe trasladou o Partido Popular, e fronte ao que temos unha resposta clara: “á Marea Atlántica non lle vai tremer a man no diálogo aberto co Partido Socialista, nin  nun sentido nin noutro. 

O Pleno dá o pistoletazo de saída para ter unha empresa eléctrica municipal na Coruña, con fontes de enerxía 100% renovables