Saltar ao contido

Desde a Marea Atlántica solicitámolo por primeira vez o 27 de xaneiro, e a proposta foi aprobada no Pleno Ordinario de febreiro, sen que Inés Rey dese o paso de convocalo

O grupo municipal da Marea Atlántica lamenta que a alcaldesa non exercerse as súas competencias, incumprindo un acordo da Corporación, e deixe en mans do Partido Popular a convocatoria dun Pleno Extraordinario para reclamar as moitas contas pendentes que o Goberno do Estado ten na Coruña desde hai décadas.

A nosa voceira, María García, solicitou este Pleno Extraordinario por primeira vez o 27 de xaneiro, reiterándoo o día 31 do mesmo mes. Reclamámolo tamén a través dunha moción no Pleno Ordinario do 6 de febreiro, e foi aprobada pola maioría da Corporación. Pese a isto, Inés Rey ignorou as solicitudes e non exerceu a súa potestade de convocar a sesión extraordinaria, como teriamos preferido.

En todo caso, benvida a oportunidade de debater e consensúar unha declaración do Concello da Coruña para reclamar todas as promesas incumpridas que acumula o goberno do Estado, desde as obras da Intermodal que só atopan novos atrancos á humanización da Vedra, gardada nun caixón desde hai anos pese ao acordo acadado no anterior mandato. E, por suposto, a condonación da débeda do Porto da Coruña, que hipoteca o futuro do bordo litoral.

Falta a pasarela de Pedralonga, mil veces prometida desde hai vinte anos, e necesaria para que a xente non xogue a vida ao cruzar. Faltan as melloras dos trens de proximidade, especialmente a liña a Ferrol, e a conexión ferroviaria do Porto Exterior de Punta Langosteira. E falta desde hai demasiado tempo o proxecto de saneamento da Ría do Burgo, aínda que neste punto confiaremos en que sexan verdade os anuncios do delegado do Goberno e pronto se faga realidade. Non precisamos máis promesas incumpridas.

A Marea Atlántica lamenta que a alcadesa da Coruña deixe en mans do PP a convocatoria dun Pleno Extraordinario para analizar as débedas do Estado coa Coruña