Saltar ao contido

María García: “O grave non é o xeito chapuceiro no que se convocou este Pleno. O grave é que a alcaldesa non levantase o teléfono para falar coas forzas vivas da área metropolitana para tecer consenso nesta candidatura”

Lamentamos a falta de apoio da Xunta de Galicia, mentres Andalucía e Valencia defenden claramente ás cidades mellor valoradas sen mirar a cor política

O grupo municipal da Marea Atlántica votou hoxe a favor de que A Coruña presente unha candidatura para converterse na sede da futura a futura Axencia Estatal de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA), no Pleno Extraordinario que o goberno local convocou case por sorpresa para dar un paso que debería ter dado hai tempo. 

A nosa voceira, María García, criticou o apresurado das formas, pero insistiu en que “o máis grave non é o xeito chapuceiro no que se convocou este Pleno do que nos enteramos pola prensa, o grave é que esteamos aquí sen que o goberno local recabase o apoio explícito do sector TIC e doutros outros axentes sociais públicos e privados coma a Cámara de Comercio, os sindicatos ou outros concellos da área metropolitana para  tecer un verdadeiro consenso arredor desta candidatura. 

O noso apoio é explícito desde hai un mes

A concelleira recordou que a Marea Atlántica xa apoiou publicamente hai un mes que A Coruña é a cidade mellor posicionada en Galicia para acoller á AESIA, porque lidera o sector TIC co 55% do emprego, máis de 500 empresas rexistradas e unha facultade de referencia. “Xa A Coruña reúne todas as condicións para albergar unha axencia estatal que tamén beneficiaría a entidades coma o INIBIC, ás empresas do sector téxtil, do alimentario e a moitos outros proxectos públicos e privados. Por iso non entendemos que non se fixera nada para conseguir un maior entendemento”.

García lamentou, tamén, que a Xunta se poña de perfil, en lugar de apostar pola cidade con mellores condicións, e permita “espectáculo de localismo mal entendido, con cruces de acusacións na prensa e nas redes sociais, que en nada axuda a que as candidaturas galegas sexan tomadas en serio”. Pola contra, e deixando de lado o partidismo. en Valencia, cun goberno do PSOE, apóiase a candidatura de Alacante, cun alcalde do PP. E en Andalucía, un goberno autonómico do PP defende a Granada, onde o concello está en mans do PSOE. “Mágoa que en Galicia non se aprendese do exemplo”. 

Finalmente, María García instou ao goberno de Inés Rey “seguir o exemplo do mandato anterior, cando Xulio Ferreiro axudou a poñer en marcha o proxecto da Cidade das TIC, ou cando impulsou unha estratexia de innovación metropolitana que agora teñen durmindo nun caixón. Se non queren chegar aínda máis tarde, é hora de traballar”. 

Apoiamos a candidatura da Coruña como sede da futura Axencia de Intelixencia Artificial, pero lamentamos que o goberno local lance a proposta de xeito apresurado e sen falar coas forzas vivas da cidade metropolitana