Saltar ao contido

Este sector, feminizado e precarizado, está en folga en toda Galicia para reclamar que o seu salario se actualice ao nivel do IPC e que a quilometraxe cubra a suba dos combustibles, entre outras medidas

Silvia Cameán: “As traballadoras do SAF merecen condicións laborais dignas, pois o seu traballo é imprescindible para a vida”

A Marea Atlántica defenderá no vindeiro Pleno do Concello da Coruña, o 10 de novembro, unha moción coas as demandas das traballadoras do Servizo de Asistencia no Fogar (SAF) a persoas dependentes, que están en folga en toda Galicia para reclamar un convenio laboral digno, e que levan desde o mércores a mobilizarse na praza de María Pita. 

No preacordo para o novo convenio colectivo do sector, que se está a negociar estes días, perden o dereito a que se lles actualice o salario acorde ao IPC do ano pasado, que aínda teñen pendente e que debe traducirse nunha suba do 6,5%. A proposta da patronal é adiar ese aumento en varios anos e introducir desigualdades entre os contratos de servizo en vigor e os que se liciten a partir de agora, unha moi mala solución para o poder adquisitivo das traballadoras, tal e como denuncia a plataforma SAF Galicia.

Tampouco está contemplada a actualización das tarifas por quilometraxe para adaptalas á suba dos combustibles. O incremento proposto, de 0,19 céntimos por quilómetro a 0,22 é claramente insuficiente. As traballadoras non só teñen que pagar do seu peto os desprazamentos aos fogares das persoas usuarias, senón que teñen que facelo perdendo cartos. 

“As traballadoras do SAF son, como adoitan dicir, as temporeiras da dependencia. Durante a pandemia demostraron que son imprescindibles para a vida, milleiros de fogares non sairían adiante sen elas. Pero tamén son un sector precarizado e feminizado na súa inmensa maioría. O mínimo que merecen son condicións laborais dignas”, sinala a concelleira Silvia Cameán, que defenderá esta moción.

Trasladamos ao Pleno as demandas das traballadoras do Servizo de Asistencia no Fogar, en folga por un convenio digno