Saltar ao contido

Instamos ao goberno local a abrir de novo os accesos ao parque do Observatorio e a respectar as hortas urbanas no desenvolvemento do polígono de Visma

María García: “Os únicos espazos públicos para 29.000 persoas son a rúa Barcelona e a praza das Conchiñas. Entre as dúas suman un metro cadrado para cada tres habitantes do barrio”


O grupo municipal da Marea Atlántica defenderá mañá, no Pleno do Concello da Coruña, unha moción centrada en reclamar melloras e contas pendentes na Agra do Orzán, o barrio máis poboado, diverso e denso da Coruña, que acumula desde hai tempo un déficit de servizos e espazo público e zonas verdes. Nesta iniciativa recollemos as demandas de diversas entidades do barrio cos que nos reunimos nas últimas semanas, tanto as asociacións veciñais da Agra e a Praza do Comercio, coma co colectivo de usuarias das ecohortas. 

Na Agra viven unhas 29.000 persoas repartidas en 32 hectáreas, o que o convirte nun dos barrios máis densamente poboados de Europa. Pero, como sinala a nosa voceira municipal, María García, “custa entender que tanta xente teña tan pouco espazo público no que convivir e desenvolver a súa actividade cotiá, só a rúa Barcelona e a praza das Conchiñas, que se ateigan case a diario. Entre as súas, suman un metro cadrado para cada tres habitantes do barrio”. 

Neste sentido, a nosa moción insta ao goberno local volva abrir, canto antes as portas do parque do Observatorio, tal e como estaba antes da pandemia. O uso destes terreos pode ser un moi bo punto de partida para desenvolver “unha verdadeira zona verde que conecte o barrio con con Visma, os Mariñeiros, Peruleiro e Cidade Xardín-Riazor, en lugar dunha una operación inmobiliaria de alta densidade maquillada de suposto parque urbano”, segundo afirma María García. 

Doutra banda, e como xa sinalamos estes días, instamos ao goberno a darlle un maior respaldo ás hortas urbanas da Agra, positivas para as ducias de persoas usuarias, o medio ambiente e na convivencia no barrio, pero que acumula problemas e que non están incluídas no novo proxecto de urbanización de San Pedro de Visma. 

Espazos peonís e accesibilidade

Finalmente, a nosa iniciativa insta a garantir, coa maior celeridade, unha solución inmediata para as escaleiras do Camiño do Pinar, que dificultan o tránsito de persoas con mobilidade reducida. E a tomar medidas que impidan que os coches aparquen ilegalmente nas zonas peonís da praza das Conchiñas.

Trasladamos no Pleno as demandas das entidades da Agra do Orzán para mellorar o seu barrio