Saltar ao contido

Saen aprobadas, co voto do goberno local, as nosas mocións para reclamar as medidas pactadas en materia de vivenda e enerxía, pero seguimos sen avances tras un pleno baleiro de contido executivo

PP e PSOE suman votos para eliminar as palabras “traballadoras” e “Inditex” da nosa moción en apoio ás traballadoras de Inditex

O goberno local votou hoxe a favor das dúas mocións nas que a Marea Atlántica reclama o cumprimento dos acordos en materia de vivenda e políticas enerxéticas. Así, no Pleno celebrado hoxe, o grupo do PSOE volveu recoñecer que as medidas acordadas co noso grupo son positivas para a cidade, pero continúan sen cumprilas e executalas desde o goberno. “Teñen un problema de credibilidade para futuras negociacións”, afirmou a nosa voceira, María García. 

 

A terceira das nosas mocións tamén saiu adíante, pero cunha emenda conxunta do PP e o PSOE, que sumaron votos para eliminar as palabras “traballadoras” e “Inditex” dunha iniciativa en apoio das traballadoras de Inditex. Non queren sinalar unha empresa que, con 1.000 millóns de beneficio no segundo trimestre do ano, resístese a pagar salarios dignos ás dependentas das súas tendas. 

 

Un Pleno sen asuntos e un goberno descentrado

A nosa voceira municipal, María García, afirmou que “a señora Rey ten a casa sen varrer a 12 de decembro. NIn se cumpren os acordos asinados, nin se executa o orzamento en vigor, nin se presenta un novo. Nin sequera temos aínda resolta a continuidade dos convenios coas entidades sociais en 2023, cousa que lle insto a facer canto antes”. 

 

Como sinalou García, “este Pleno, o último do ano, está tan baleiro de contido que nos fixeron debater a toma de coñecemento de algo tan rutineiro coma o informe do servizo de Suxestións e Reclamacións de 2021”. E lembrou que o único asunto de goberno real, a aplicación dunha bonificación do 50% no IBI a un equipamento náutico no porto foi posible grazas a unha medida fiscal introducida no mandato da Marea Atlántica. 

“Porque o goberno de Xulio Ferreiro facía política fiscal para redistribuir a riqueza, introducindo a cota cero na auga para que non se lle corte o servizo a persoas sen recursos, favorecendo a actividade no mar e o coidado ambiental, e gravando máis aos pisos baleiros, aínda que isto non poida aplicarse porque a Xunta e o Estado non fixeron o seu traballo”, argumentou a nosa voceira. 

E engadiu que “seguimos nesa liña nos últimos anos, impulsando acordos para beneficiar ás familias monoparentais e ás empresas máis afectadas pola pandemia. Por iso lamentamos que o equipo de Inés Rey renuncie este ano a facer política fiscal, conxelando as taxas, e non por unha decisión meditada, senón por incapacidade de presentar unha proposta”.

 

Na Coruña, imposible alugar

Deste xeito, todos os grupos agás o PP apoiaron a nosa reclamación para aproveitar os 9 millóns de euros que os Orzamentos en vigor destinan a medidas de vivenda, coa compra de pisos e inmobles, a promoción de vivenda pública, o reforzo da bolsa de alugueiro de EMVSA e a regulación dos pisos turísticos, entre outras medidas.

Como explicou o noso vicevoceiro, Iago Martínez, “hai unha expresión que se escoita en todas as conversas: na Coruña é imposible alugar. E vostedes, señora Rey, teñen recursos para facer algo fronte a iso, grazas á Marea Atlántica. Teñen unha folla de ruta e teñen respaldo político. Pero non o están a facer. É unha irresponsabilidade e perden credibilidade de cara a futuras negociacións”. 

Os datos son, desde logo, preocupantes. Segundo o Observatorio de Vivenda da Xunta, o alugueiro aumentou na Coruña un 28,2% en cinco anos, un 7,9% este mesmo ano, moito máis que a inmensa maioría dos salarios. E segundo o rexistro autonómico, os pisos turísticos, máis de 700, duplicáronse desde inicios deste mandato e xa son máis que as que están dispoñibles para o alugueiro convencional. A promoción de vivenda pública está parada, con tan só dous proxectos en marcha, os que se aprobaron en Xuxán e Pontejos no pasado mandato, coa Xunta de Galicia ausente, e coa Lei de Vivenda do Estado gardada nun caixón. 

Transición enerxética xusta

Tamén resultou aprobada, de novo sen o apoio do PP, a moción na que reclamamos que se cumpran os acordos xa aprobados en materia de política enerxética: creación dunha empresa eléctrica municipal, elaboración dun Mapa de Enerxías Renovables na Coruña, a xeración de enerxía limpa en edificios públicos e plan de emprego para formar a persoas na instalación de renovables, un sector en alza. O goberno volveu a votar a favor e, de novo, ten os recursos sen usar nos orzamentos. 

“Estamos nun momento no que o debate enerxético xa saiu do eido académico e está nas conversas cotiás, por mor da factura crecente da luz ou do impacto dos eólicos”, explicou María García. E engadiu que “en plena crise climática e de escaseza de combustibles fósiles, a transición ecolóxica debe abordarse da man de políticas sociais, para que non rematen cargando co prezo as persoas máis vulnerables, coma sempre”.

Nova app para as reclamacións, herdada do pasado mandato

Na intervención sobre o informe de Reclamacións e Suxestións, o goberno local anunciou que se habilitará, en marzo do ano que vén, a aplicación móbil IRIS; para facilitar que a veciñanza traslade as súas demandas e desconxestionar o 010. Trátase dunha plataforma de software libre, que chega, como lembrou Alberto Lema, grazas a un convenio do Ajuntament de Barcelona cuxas bases sementáronse no pasado mandato. 

“En todo caso, neste informe do SER non hai ningunha boa nova para o goberno local. Empeoran todos os datos, hai máis reclamacións e tardan máis en resolverse”, resumiu Lema. 

 

Mellora de Correos en Novo Mesoiro

No debate das mocións, o BNG trasladou unha iniciativa en apoio ás xornadas de folga que Correos está a convocar estes días, e que saíu aprobada cunha emenda importante da Marea Atlántica: “Reclamamos que se amplíe o horario de servizo da oficina de Correos de Novo Mesoiro a xornada completa, para evitar as colas inxustificables que se forman”, explicou Alberto Lema.

Apoiamos tamén as demandas de recuperación salarial do persoal na súa recente folga e a súa inclusión no Estatuto Básico do Empregado Público. Demandamos, tamén, mellorar os servizos no rural e recuperar Correos coma banca postal pública, para darlle servizo a todas aquelas localidades nas que a banca privada está a pechar oficinas.

Advertímoslle ao goberno local de que incumprir os acordos réstalle credibilidade para futuras negociacións