A Marea Atlántica presentou un voto particular reclamando protexer todas as vivendas posibles, cumprir as promesas á veciñanza e evitar descontrol na expropiacións. Foi apoiado por toda a Corporación agás PP e PSOE
Inés Rey e Feijóo venden a ampliación do hospital como un proxecto fronte á pandemia, cando as obras van tardar anos en comezar: Todo pola fotoMaría García: “Este convenio tramitouse coma un atraco, con nocturnidade e escurantismo: non pasou pola Comisión de Urbanismo e a oposición tivo menos de 12 horas para estudalo”
O PP e o PSOE sumaron hoxe os seus votos para poñer a propaganda de Feijóo por diante de todo. Desde a Marea Atlántica, tal e como anunciamos, presentamos un voto particular para adaptar o convenio coa Xunta para as obras de ampliación do CHUAC tanto ao que se lle prometeu á veciñanza de Eirís, protexer todas as vivendas posibles, como aos intereses do Concello da Coruña.
A nosa voceira, María García, foi moi clara: “Non estamos en contra da ampliación do CHUAC, é necesaria e xa o era hai dúas décadas, cando se anunciou un Plan Director que segue sen cumprirse. A nosa crítica é pola tramitación dun asunto tan relevante coma este. Levouse coma un atraco, con nocturnidade, sen pisar a Comisión de Urbanismo e con menos de 12 horas para estudar a documentación”. Por iso abstivémonos na votación final, logo de que a nosa proposta fose rexeitada sen argumentos claros.
“O único motivo de que votemos isto hoxe é para que Inés Rey e Alberto Núñez Feijóo poidan ter unha foto conxunta canto antes. Un titular que tape os problemas da súa xestión na terceira vaga da pandemia, as axudas que non chegan e a falta de recursos na sanidade pública”, resume María García.
Cando pedimos que este asunto fose ao Pleno ordinario do 4 de febreiro, dando unha semana de prazo para estudar o seu enorme impacto económico, social e urbanístico, a alcaldesa negouse. “Que urxencia impide dedicar sete días para analizar un proxecto que non se materializará ata dentro de varios anos? Dígolles cal é a urxencia: a urxencia agora mesmo é deixar de sacar fotos e concentrarse en xestionar unha pandemia que está desbocada”.
“A Marea Atlántica, insisto, non está en contra de modernizar e ampliar o CHUAC. Pero non pode branquear anos de deterioro da sanidade pública, de peche de plantas, de precariedade nos contratos, de falta de pediatras e matronas, de xente morrendo nos PACS… Nada diso se vai solucionar porque Feijóo vaia ás Xubias a cortar unha cinta antes das vindeiras eleccións autonómicas”, afirmou García.
O voto particular, en detalle
Desde a Marea Atlántica, quixemos completar as críticas con alternativas, por iso presentamos un voto particular, rexeitado por PP e PSOE e apoiado polo resto da Corporación. O noso voto particular incluía emendas sinxelas de aplicar e de sentido común, nos seguintes eidos:
- Deixar clara a opción de ampliar o hospital cara o noroeste, co mínimo impacto posible nas vivendas, tal e como o goberno municipal lle prometeu á veciñanza afectada este 19 de xaneiro, cos debidos informes e planos, incluíndo os accesos.
- Garantir que o Concello da Coruña, que terá que poñer polo menos 26 millóns de euros, conta con fondos suficientes para afrontalo. É necesario un informe de intervención e tesourería.
- Reducir o gasto en expropiacións para que non supere os 9 millóns de euros. Se o hospital medra cara ao noroeste e afecta a menos vivendas, o gasto ten que reducirse en consecuencia.
- Asegurar que o Concello da Coruña participe e teña voto na licitación das obras e o expediente de xustiprezo das expropiacións. Tal e como está redactado, limítase a poñer cartos e deixar que a Xunta decida todo.
Sorprende, en todo caso, que ningunha destas propostas tivese sitio na suposta negociación que o goberno municipal da Coruña mantivo co da Xunta de Galicia. Co convenio aprobado hoxe, o Concello pon 26 millóns, bonificacións fiscais á parte, e non ten voz na licitación, na escolla do proxecto arquitectónico, nin participación no xustiprezo das expropiacións” é correcto?
Máis que a negociar, semella que a alcaldesa foi a dicir que si a todo o que pedía Feijóo. Por iso, hoxe o PP e o PSOE sumaron votos para rexeitar calquera idea que cambie unha letra ao convenio que quere Feijóo. O PSOE da Coruña volve aos seus vellos costumes de aliarse coa dereita en San Caetano.
Tamén chama a atención, e así o sinalou María García, a completa ausencia da Concellería de Urbanismo neste proceso, sen que o seu titular, Juan Díaz Villoslada, se teña pronunciado ao respecto