Saltar ao contido

Deulle luz verde a unha moción da Marea Atlántica contra a campaña de difamación do Partido Popular, que salpican a persoal funcionario e a persoas que traballan desinteresadamente pola recuperación do antigo penal da Torre

Tamén se aprobou unha iniciativa da Asociación Veciñal de Oza, A Gaiteira e os Castros, contra a instalación dunha planta de pretratamento de aceites industriais no peirao de Oza

 

O Pleno do Concello da Coruña aprobou este 4 de decembro unha moción do grupo da Marea Atlántica na que se lle esixe ao PP que cese a súa campaña de difamación contra a recuperación do antigo cárcere da Torre e se desculpe por mentir a sabendas sobre o proceso de adxudicación. Cos votos a favor da Marea Atlántica e o BNG, e a abstención do PSOE, reprobáronse os ataques a un concurso público limpo e transparente, gañado por Proxecto Cárcere, e a un modelo de espazo cidadán autoxestionado e sen ánimo de lucro.

A través das súas declaracións públicas, e a través dun panfleto introducido nas caixas de correo de toda a cidade, o PP difunde información falsa para desprestixiar o rescate dun edificio histórico no que o único que fixo o goberno de Carlos Negreira foi mantelo pechado e deixar que se deteriorase. Por iso, o pleno reclama que o Partido Popular se desculpe “con todas as persoas que foron obxecto da súa campaña de desprestixio, especialmente cos funcionarios e as funcionarias do Concello, así como coas persoas que traballan desinteresadamente pola recuperación da antiga prisión provincial, dentro e fóra de Proxecto Cárcere”.

A moción tamén deixa claro o apoio “á recuperación dos espazos da prisión para que sexan destinados a usos culturais, sociocomunitarios e vinculados coa memoria histórica e democrática”.

 

Non á unha planta potencialmente contaminante ao carón da ría do Burgo

04-12-17 Foto PlenoOutro dos acordos desta sesión foi rexeitar a instalación dunha planta de almacenaxe e pretratamento de hidrocarburos e aceites industriais no Peirao de Oza. A Marea Atlántica, o PSOE e o BNG presentaron conxuntamente unha moción da Asociación Veciñal de Oza, A Gaiteira e Os Castros, que denuncia os riscos desta instalación potencialmente contaminante. O goberno municipal xa presentara alegacións contra ela.

A Consellería de Medio Ambiente da Xunta está disposta a autorizala coa mínima análise ambiental, sen ter en conta que se sitúa preto da praia de Oza, xusto cando o o Concello conseguiu eliminar as verteduras nas súas augas, e das zonas marisqueiras da xa moi maltratada Ría do Burgo. En teoría, o porto exterior construíuse para albergar este tipo de plantas con risco ambiental. Non ten ningún sentido que a Autoridade Portuaria e a Xunta defendan facela no centro da cidade. O PP quedou só defendendo este proxecto e, coma sempre, esqueceu os intereses da xente da Coruña.

O Pleno aprobou, ademais, a moción presentada pola Marea Atlántica para reclamar máis persoal e recursos no Servizo de Xinecoloxía e Obstetricia do Hospital Materno Infantil da Coruña, afectado polos recortes na sanidade pública. Todos os grupos votaron a favor excepto, unha vez máis, o Partido Popular na súa soidade sectaria.

 

A Coruña, primeiro concello de Galicia cunha normativa propia contra incendios

En canto a asuntos ordinarios, nesta sesión plenaria quedou aprobada a ordenanza municipal contra incendios, que converte á Coruña no primeiro concello galego cunha normativa propia de loita contra o lume. Como explicou a concelleira Rocío Fraga, “trátase non só de garantir unha resposta rápida, senón tamén de evitar que se produzan incendios e limitar os seus efectos cando sucedan”.

Así, esta ordenanza pioneira procura reforzar o gran traballo que xa fai o corpo de bombeiros da Coruña e dar ferramentas para a prevención de incendios en edificios públicos, instalacións con materiais de risco e eventos con gran concentración de persoas. Porque o mellor xeito de apagar un lume é impedir que se produza.

No 4 de decembro autorizouse tamén unha modificación das contas municipais para asumir a reforma de Riazor, que renovará ás súas cubertas no ano 2018 nun proxecto á altura do que merece o estadio municipal. E rebaixáronse as tarifas do centro Accede Papagaio para os proxectos que comezan a súa andaina empresarial, dando facilidades ao emprendemento e autoemprego.

Tes máis información na web do Concello.

O Pleno da Coruña rexeita as mentiras do PP sobre o cárcere