O PP abstense e deixa só ao goberno municipal na defensa da especulación urbanística no bordo litoral

Resulta aprobada a nosa moción para celebrar un Pleno Extraordinario sobre as débedas da Xunta e o Estado coa cidade da Coruña, buscando unha postura unánime da corporación

Foi o último Pleno do concelleiro Xiao Varela, tras cinco anos ao servizo da veciñanza, representando ás persoas e non ao mercado inmobiliario. Desexámoslle a mellor das sortes

O PSOE quedou retratado hoxe no Pleno Municipal, ao rexeitar cos seus votos e o da concelleira tránsfuga de Ciudadanos unha moción da Asociación Veciñal de Labañou contra o pelotazo de Percebeiras. A iniciativa, presentada pola Marea Atlántica e o BNG, ofrecía solucións para frear a construción no bordo litoral de Labañou, pero o goberno municipal négase a consideralas. Mesmo o PP, neste caso, escolleu a abstención e deixou só ao Partido Socialista en defensa da especulación. 

A proposta da veciñanza de Labañou sinala, acertadamente, que o proxecto para construír vivendas de ata 13 alturas en Percebeiras é contrario á normativa de protección da paisaxe e á Lei de Costas. E para desbotalo esixe un trámite ambiental completo, seguido por unha suspensión cautelar das licenzas no ámbito, mentres se modifica o Plan Especial PE-M18. Pero o goberno municipal négase a consideralo. 

Como afirmou o concelleiro Xiao Varela na defensa da moción, “o bordo litoral da Coruña non precisa máis edificios de vivendas. A cidade ten unha poboación estancada e 20.000 vivendas baleiras. Deberiamos apostar pola rexeneración e a rehabilitación, non por máis obras. Nin o 5% das vivendas previstas no PXOM chegaron a construírse”.

Pleno Extraordinario pola dignidade da Coruña

Doutra banda, si resultou aprobada a nosa moción para reclamar un Pleno Extraordinario “para alzar a voz unánime de todos os grupos políticos e esixir que a Xunta e o Estado trate á Coruña como se merece”, en palabras da nosa voceira, María García. Tras anos de repetir unha e outra vez as mesmas promesas incumpridas, hai que esixirlle ás administracións o investimento que lle deben á cidade e a área metropolitana. A moción contou co voto favorable de todos os grupos agás o PP, que se abstivo. 

María García pediulle ao goberno municipal contundencia, para reclamarlle ao Estado as melloras nos trens de proximidade, a Ferrol e a Lugo, a conexión ferroviaria con Punta Langosteira, a condonación da débeda do Porto, a humanización da avenida da Vedra e que a Intermodal reciba algo máis que titulares. Por parte da Xunta, son urxentes os investimentos na educación e a sanidade públicas, a indemnización ao marisqueo durante a dragaxe da Ría do Burgo, o espazo Amizar e o centro de maiores de Eirís. E e pagarlle o que se lle debe á Orquestra Sinfónica de Galicia. Por iso, pedímoslle á alcaldesa que convoque este Pleno Extraordinario á maior brevidade. 

Aposta pola conciliación

Finalmente, foi aprobada por unanimidade a nosa iniciativa para reclamar máis medidas de conciliación para as familias, en resposta á crise da COVID19. Na súa defensa, Silvia Cameán lembrou que “sen coidados non hai vida, e algo que é tan importante e esencial ten que deixar de ser invisible e pasar a ser unha prioridade nas políticas públicas”. 

“Se a conciliación sempre foi esencial dentro dos coidados, agora coa pandemia é urxente e imprescindible. A sobrecarga de traballo está a recaer maioritariamente sobre as mulleres, con graves consecuencias sociais”, explicou Cameán.

Nese punto,  que “os nosos acordos co PSOE, xa introducimos medidas de conciliación: reforzo do servizo de canguraxe, da axuda no fogar, e crear un servizo de lavandería para as persoas maiores. Seguen pendentes”. E reclamou novas medidas como primar nos contratos públicos ás empresas que faciliten a conciliación, .crear un servizo de atención ás persoas coidadoras e respiro familiar, abrir unha liña de axudas municipais á conciliación e esixir da Xunta e do Estado compromiso e fondos para soster as políticas municipais. Reforzar o servizos de canguraxe, incluído no PRESCO, que non se cumpriu. 

Despedida de Xiao Varela

Foi tamén o último Pleno de Xiao Varela, tras cinco anos como concelleiro da Marea Atlántica, no goberno e na oposición. Despediuse sinalando que “foi moi fermoso poder traballar neste tempo pola cidade na que nacín  e medrei, unha cidade que agora coñezo e quero máis que ao comezo desta aventura, e pola que non deixarei de loitar”. Engadiu que “desde a Marea Atlántica demostramos que se podía gobernar doutro xeito, cometemos erros e acertos, pero sempre actuamos con honestidade”. 

A nosa voceira, María García, dedicoulle unhas palabras en nome de toda a organización, recoñecendo que “marcha o concelleiro do Dereito á Cidade. A cidade de todos e de todas. A cidade dos barrios, os do centro e os da periferia esquecida. A cidade atlántica, que mima e protexe o seu borde litoral. A cidade das persoas, e non do mercado inmobiliario. A cidade do dereito a un hábitat digno”. 

“Xiao deixa un inxente traballo feito que aínda vai continuar o seu percorrido. Caeu o viaduto da Rolda de Nelle e xa vive xente en Xuxán, o que non caeu foi o Conde de Fenosa. As veciñas poderán xogar ao fútbol en Eirís e nadar no Castrillón, haberá aínda moitos cambios que levan a túa impronta, e gustaríanos que estiveras aquí para velo. Grazas e boa sorte na túa andaina”, concluíu María García.